Normativa para a concesión do título de doutor/a honoris causa

Aprobada no Claustro o 10 de novembro de 2004.

  1. Segundo o establecido no artigo 135 dos Estatutos, a Universidade de Vigo poderá conceder o grao de doutor honoris causa ás persoas físicas que destaquen no eido da investigación e da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben naqueloutras actividades con repercusión notoria e importante dende o punto de vista tecnolóxico e social en Galicia e no mundo en xeral.
  2. A proposta para o grao de doutor honoris causa formularana un ou varios departamentos dos existentes na Universidade de Vigo, sempre que o Consello de Departamento acade o informe favorable da metade máis un dos seus membros e consiga o aval, polo menos, de 3/5 dos departamentos do ámbito de coñecemento do que se trate.
  3. Cada ámbito de coñecemento só poderá facer –como máximo- unha proposta cada 2 anos. Unha vez que o candidato/a proposto sexa nomeado doutor/a honoris causa, o departamento ou departamentos que fixeron a proposta, non poderán facer unha nova proposta ata pasados, polo menos, 4 anos. Cada un dos departamentos avalistas da proposta non poderán dar o seu aval a máis dunha proposta por un período dun ano.
  4. A proposta á que se alude no parágrafo anterior, co previo informe do centro ou centros correspondentes, seralle remitida ao Consello de Goberno da Universidade para a súa aprobación, se procede, por unha maioría cualificada dos 3/5 dos presentes. Para o seu debate no Consello de Goberno, a proposta deberá ir acompañada de:
    • Unha memoria razoada que fundamente os méritos e/ou circunstancias excepcionais que concorran na persoa candidata.
    • O currículo do candidato/a proposto.
  5. O resultado dos distintos procesos de votación (departamento, centro, Consello de Goberno) aos que se fai referencia nos puntos 2 e 4 da presente normativa reflectirá unicamente se é favorable ou desfavorable.
  6. O nomeamento de doutor/a honoris causa deberá expedilo o reitor/a. Procederase á correspondente investidura nun solemne acto académico segundo o tradicional uso universitario.
Rectoría | University Campus | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | Spain | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibility | Site map | Legal Advise