Regulamento de Estudantes

A Universidade de Vigo desenvolve a súa actividade dentro do marco normativo establecido polos seus estatutos e os regulamentos que os foron concretando, tal e como o propio texto estatutario prevé na Disposición transitoria décimo sexta. Para cumpri-lo mandato estatutario e os acordos do Claustro, o presente regulamento, logo de defini-lo marco xeral de aplicación, recolle e desenvolve os dereitos recoñecidos nos estatutos e no resto do ordenamento xurídico, facilitando así as condicións para a súa efectividade. Ó mesmo tempo, recolle os deberes do estudiantado, baseados no respecto polos demais e na preservación das finalidades da institución universitaria.

TÍTULO I. MARCO XERAL DO REGULAMENTO E OS SEUS DESTINATARIOS/AS.

Artigo 1. Principios xerais.

  1. O Regulamento do Estudiantado ten como finalidade desenvolve-la normativa establecida ó respecto nas leis emanadas de diversos organismos internacionais, estatais, autonómicos e universitarios, nos temas relativos ó dereitos e deberes do alumnado.
  2. Como fundamento deste texto recoñécese a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como as disposicións posteriores que a amplían e complementan.
  3. En particular, asúmese o texto do decreto sobre dereitos e deberes válido para o alumnado de calquera nivel educativo, segundo se recolle na lexislación vixente.
  4. Como principio xeral, todo o estudiantado terá os mesmos dereitos e deberes, sen máis distincións que as derivadas das ensinanzas que estean a cursar, sen discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, lingua, capacidade económica, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal, social e/ou política.
  5. Os dereitos e deberes exercitaranse de acordo cos fins propios da Universidade de Vigo e sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria.
  6. Como norma xeral, e sen menoscabo de posteriores matizacións, a Universidade de Vigo velará porque as persoas con necesidades educativas especiais reciban atencións específicas acordes coa súa demanda.

Artigo 2. Destinatarios/as.

  1. Para os efectos deste regulamento considéranse estudiantes:
    1. De primeiro e/ou segundo ciclo: aquelas persoas que estean matriculadas en cursos ou materias conducentes á obtención de titulacións oficiais de primeiro ou segundo ciclo.
    2. De terceiro ciclo: aquelas persoas que estean a realiza-los programas de doutoramento da Universidade de Vigo e tamén quen, nos tres anos seguintes ó remate dos programas, estean a realiza-la tese de doutoramento con dedicación a tempo completo, acreditada polo departamento ou instituto, consonte os criterios fixados polos órganos de goberno da universidade.
    3. A tódolos efectos, os estudiantes que estean realizando o proxecto fin de carreira serán considerados como estudiantes de primeiro ou, no seu caso, segundo ciclo.
  2. Os dereitos e deberes daquelas persoas que cursen estudios na Universidade de Vigo e non se atopen incluídos no apartado anterior serán regulados pola Xunta de Goberno.

TÍTULO II. DOS DEREITOS DO ESTUDIANTADO.

Artigo 3. Dereitos básicos.

Establécense como dereitos básicos que desenvolve este regulamento os seguintes:

  1. Recibir unha formación integral e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos e vinculada á realidade histórica, social e económica de Galicia.
  2. Ser avaliado/a obxectivamente no rendemento académico.
  3. Participar no control da calidade da docencia e na elaboración dos criterios xerais de avaliación desta, consonte os procedementos previstos polos órganos de goberno da universidade.
  4. Posuí-la propiedade intelectual dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente.
  5. Recibir orientación educativa e profesional a través dos servicios correspondentes.
  6. Que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguridade e hixiene e que sexa protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.
  7. Beneficiarse das distintas axudas ou subvencións que a universidade estableza e que se establezan medidas de acción positiva que garantan a igualdade real e efectiva de oportunidades.
  8. A confidencialidade daqueles datos persoais ou académicos legalmente protexidos.
  9. Formular peticións, reclamacións e/ou queixas.
  10. O uso do galego en tódolos niveis e en tódalas relacións coa universidade (realización de exames, traballos, prácticas e outros ámbitos, tal como recolle o art. 4º dos Estatutos da Universidade de Vigo).
  11. Recibir información permanente, mediante a difusión nos diferentes medios e soportes, sobre tódalas cuestións que afecten á comunidade universitaria.
  12. Participar nos órganos de goberno da universidade.
  13. Organizar, promover e participar en actividades formativas, culturais, recreativas e a utiliza-las instalacións e os servicios universitarios.
  14. Liberdade de asociación, sindicación, reunión, manifestación, folga e outros dereitos democráticos.
  15. Dispor de instalacións e medios materiais e económicos para permiti-lo normal desenvolvemento dos estudios e demais actividades de formación.

CAPÍTULO 1. DOS DEREITOS ACADÉMICOS.

Sección 1ª.Dereito a recibir unha docencia de calidade e a unha avaliación xusta.

Artigo 4. Docencia de calidade.

O alumnado da Universidade de Vigo ten dereito a recibir unha formación integral e unha docencia cualificada e actualizada, así como a acceder ós diversos recursos bibliográficos, metodolóxicos e pedagóxicos de que se dispoña para amplia-la súa formación.

Artigo 5. Dereito ó ensino.

Terán dereito ó ensino universitario na Universidade de Vigo aqueles que cumpran os requisitos legais que establezan as disposicións vixentes e superen os procedementos de selección que poidan establecerse en aplicación do disposto no art. 26.1 da LRU.

Artigo 6. O acceso ós centros universitarios.

O acceso ós centros universitarios e ós seus diversos ciclos de ensino estará condicionado pola capacidade daqueles, que será determinada pola Universidade de Vigo, de acordo cos módulos obxectivos establecidos polo Consello de Universidades.

Para o ingreso nos centros universitarios nos que a demanda de prazas sexa superior á súa capacidade establecida de acordo cos módulos ós que se fai referencia no apartado anterior, a Universidade de Vigo ordenará as solicitudes e adxudicará as prazas dispoñibles respectando as prioridades e en aplicación dos criterios de valoración que se establecen no RD 69/2000 do 21 de xaneiro polo que se regulan os procedementos para o ingreso nos centros universitarios.

Artigo 7. Aspirantes á matrícula.

Cando, como consecuencia do establecemento dos "currícula" flexibles, o número de aspirantes a matricularse nunha disciplina supere ó de prazas dispoñibles, con risco de claro deterioro da calidade do ensino en razón da escaseza de medios humanos e materiais, a Xunta de Goberno, de acordo co establecido no art. 26 da LRU, e a proposta do centro afectado, establecerá os criterios de selección para o efecto, informando posteriormente ó Claustro da universidade.

Artigo 8. Permanencia na universidade.

O Consello Social, por proposta da Xunta de Goberno e logo da audiencia dos representantes estudiantís no Claustro, determinará os requisitos mínimos esixibles para a permanencia dos estudiantes na universidade.

Artigo 9. Dereito a recibir ensinanzas teóricas e prácticas.

É dereito dos estudiantes a asistencia ás clases teóricas e prácticas propias de cada materia.

Antes de comezar cada curso académico, tódolos departamentos teñen a obriga de entregaren na secretaría do centro onde van imparti-la súa docencia, os programas das materias que impartan, facendo referencia:

  1. á bibliografía necesaria para segui-las ensinanzas, así como á bibliografía complementaria
  2. á forma de desenvolve-la docencia
  3. á metodoloxía e ós procedementos de avaliación do alumnado
  4. ó número de exames ou probas parciais, así como ó tipo de exames ou probas
  5. ás normas para a realización do exame
  6. ó número de horas teóricas e prácticas
  7. ó profesorado que vai imparti-la docencia.
  8. ó lugar e ó horario das titorías
  9. a calquera información que se considere necesaria.

Os centros farán o necesario para a publicación de balde dos programas; de isto non ser posible, os programas estarán a disposición dos estudiantes nas fotocopiadoras de cada centro pero nunca en establecementos alleos á universidade.

Antes do comezo do proceso de matrícula, faranse públicos os horarios por curso e grupo, co obxecto de que sexan compatibles ó longo do curso, non podendo ser modificados senón por causa de forza maior mediando a aprobación da Xunta de Centro. Asemade, esta causa poderá fundamenta-la petición de cambio de grupo.

Os horarios de clases e de exames serán fixado por unha comisión delegada da Xunta de Centro atendendo ós intereses de profesores/as e estudiantes.

Co fin de garanti-la asistencia á clase, a Xunta de Centro poderá concede-lo cambio de grupo a aqueles estudiantes que xustifiquen axeitadamente a imposibilidade de asistir ás actividades do grupo que lles fose asignado.

Artigo 10. Simultaneidade de estudios.

Os estudiantes que desexen iniciar estudios universitarios de xeito simultáneo con outros xa iniciados, poderán ser admitidos se existisen prazas vacantes e se cumprisen os requisitos establecidos na normativa de ordenación académica.

Artigo 11. Dereito á avaliación xusta.

Os estudiantes teñen dereito a seren avaliados dos seus coñecementos con criterios razoables e xustos. Ademais da función avaliadora da formación acadada polo alumno/a, as probas de avaliación tenderán a cumprir unha función docente de crítica e de mellora. Por iso, de se tratar de probas escritas os alumnos/as terán pleno acceso ó estudio do seu exame corrixido.

Os procedementos de cualificación deberán consistir nalgún ou en varios destes puntos:

  • Participación activa e individualizada nas actividades teóricas, seminarios, traballos levados a cabo ou prácticas programadas.
  • Exames parciais que, de existiren, poderán ter carácter liberatorio.
  • Exames finais.
  • Outros medios obxectivos de avaliación da actividade académica.

No caso de estudiantes con discapacidades, deberáselles facilita-la realización de probas ou exames en condicións axeitadas ás súas capacidades.

Artigo 12. Exames.

Tódolos estudiantes matriculados nunha materia teñen dereito a realiza-los exames finais. Tamén poderán realiza-los exames parciais que estivesen previstos cando reúnan os requisitos fixados para participar neles. De cara á realización dos exames os estudiantes deberán identificarse, cando así o solicite o profesor/a encargado da súa avaliación.

Durante a realización das probas será obrigatoria a presencia do profesor/a responsable da materia, agás causas xustificadas.

Os criterios de cualificación e as normas para a realización dos exames deberán darse a coñecer antes do seu inicio.

Os exames finais deberán ser realizados nas datas e na modalidade aprobada pola Xunta de Centro con anterioridade ó prazo de matrícula, non cabendo máis modificacións cás derivadas de causas de forza maior. No caso de que se alteren as datas, garantirase o dereito a exame evitando as incompatibilidades.

Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental que acredite terse presentado á proba ou exame. Aquela persoa que por enfermidade, lesión ou calquera outro impedimento temporal, fidedignamente demostrado, non poida efectuar un exame ou unha proba parcial, terá dereito a ser examinado noutra data.

Os traballos terán carácter voluntario cando non figuren expresamente como obrigatorios na parte do programa aprobada previamente polo departamento.

Os traballos deberán gardarse segundo o establecido pola Normativa de permanencia e achegaranse ó expediente do alumno/a en caso de avaliación curricular.

Artigo 13. Avaliación e cualificación.

A cualificación das probas farase pública polo responsable da materia mediante unha lista oficial, nos lugares previstos para tal efecto no centro e no prazo máximo fixado polos estatutos. Vixiarase por parte dos servicios da universidade a entrega das actas por parte do profesorado fóra do prazo establecido pola Xunta de Goberno para cada curso académico.

Naquelas materias nas que o número de aprobados entre xuño e setembro sexa inferior ó 20% de matriculados/as, o departamento deberá, antes da convocatoria de decembro, publicar un informe no que dará conta das causas que ó seu xuízo producen estes resultados e proporá solucións.

Na Normativa de permanencia faise regular a avaliación curricular, cun novo método que se empregará na Universidade de Vigo para aqueles estudiante que estean na 5ª, 6ª ou 7ª convocatoria.

Artigo 14. Traballos de curso.

A data de entrega dos traballos deberá establecerse no momento da súa proposta.

Artigo 15. Participación no control de calidade.

Os estudiantes participarán na avaliación da actividade docente levada a cabo pola universidade coas garantías técnicas suficientes.

Tamén participarán na avaliación institucional da calidade de titulacións e servicios, xa sexa directamente, xa a través dos seus representantes.

Os resultados dos métodos de avaliación docente serán tidos en conta polos órganos da universidade e serán públicos nos termos aprobados polos órganos de goberno.

Artigo 16. Axudas e subvencións

Os estudiantes terán dereito a beneficiarse das axudas e subvencións establecidas pola universidade ou por outras institucións, sempre de acordo co disposto nas oportunas convocatorias.

Sección 2ª. Dereitos de revisión e impugnación de exames

Artigo 17. Dereito de revisión.

As cualificacións provisorias obtidas polos estudiantes deberán ser expostas antes de que transcorra un período máximo de trinta días despois da realización do exame e, en calquera caso, sete días antes da realización doutro exame da materia ou do establecemento da cualificación definitiva.

O alumno/a terá dereito á revisión do seu exame, antes de que as súas cualificacións sexan definitivas, polo procedemento que estableza o Regulamento de réxime interno do centro, e no seu defecto mediante a aplicación do establecido nos estatutos e no Regulamento do Tribunal de Garantías.

Artigo 18. Da impugnación das cualificacións.

  1. En caso de que o alumnado, tras coñece-la cualificación final e comenta-la corrección das probas de avaliación co profesor/a responsable, estivese desconforme coa puntuación conferida pode, nun prazo de quince días naturais a partir da publicación das cualificacións, solicita-la revisión das probas a través do centro, que de seguido dará traslado da petición ó consello do departamento encargado da docencia. Este, no prazo de tres semanas a partir da recepción da reclamación no centro, analizará a solicitude e, de reputalo conveniente a maioría simple dos membros do mesmo, designará un tribunal de tres profesores/as da área ou de áreas afíns que no prazo dunha semana revisará a cualificación podendo confirmala ou modificala. En ningún caso formará parte do tribunal ningún dos profesores/as cuestionados, quen, asemade, deberán absterse de votar na sesión do consello do departamento no que se analice a solicitude de revisión.

    Unha vez informado o decano/a ou director/a da resolución do tribunal, notificaralla por escrito ó interesado/a. No caso de resolución desfavorable, que ten que ser motivada, indicaráselle ó interesado/a que no prazo de quince días pode recorrer de alzada perante o rector/a da universidade. O rector/a, se o considera oportuno, pasaralle o expediente ó Tribunal de Garantías ou resolverá. No caso de resolución negativa o alumno/a pode dirixirse directamente ó dito tribunal no prazo de trinta días. O Tribunal de Garantías recollerá toda a información que precise do departamento implicado e se o estima oportuno promoverá a convocatoria dun tribunal de exame doutra universidade.
  2. O devandito procedemento aplicarase no caso de que concorran nun dos profesores/as avaliadores algunha das causas de recusación ás que se refiren os artigos 20 e 28 da Lei de procedemento administrativo.

Sección 3ª. Dereito á propiedade intelectual.

Artigo 19. Da propiedade intelectual dos traballos académicos.

  1. Os traballos e memorias prácticas deberán serlles devoltos ós estudiantes asinantes, a petición deles, unha vez rematado o prazo de reclamación contra a cualificación final da materia, agás que estivese pendente de resolución algunha reclamación ou procedemento xudicial.
  2. No caso de que a devolución non sexa solicitada no prazo establecido, procederase á destrucción ou reciclaxe, de se-lo caso, do soporte material dos traballos, unha vez transcorrido o prazo regulado pola Normativa de permanencia para a avaliación curricular.
  3. No caso de proxectos de fin de carreira e teses de licenciatura, o Regulamento do centro poderá establecer normas para o depósito dunha copia no centro ou na biblioteca da Universidade de Vigo.
  4. Os estudiantes conservarán o dereito á propiedade intelectual dos traballos orixinais por eles realizados. A publicación ou reproducción total ou parcial, ou a súa utilización para calquera outro fin, deberá contar coa autorización por escrito do seu autor/a.
  5. No caso de que exista coautoría do traballo, compartiranse tamén as propiedades intelectual e industrial, así coma os dereitos que se deriven delas.

Sección 4ª. Dereito a recibir información e orientación educativa e profesional.

Artigo 20. Dereito a recibir información.

O alumnado ten dereito a recibir información, directamente ou a través dos seus representantes, dos acordos ou resolucións dos distintos órganos de goberno que puidesen serlles de interese.

Artigo 21. Das titorías.

O alumnado ten dereito a ser asistido e orientado individualmente e durante todo o curso académico no proceso de aprendizaxe mediante titorías no centro en que se lle imparte a docencia, sempre que sexa posible. Para tal efecto os departamentos deberán publicar e facerlle chegar ó alumnado, a través dos medios de información do centro e antes de comeza-la docencia, os horarios e os lugares de titorías do profesorado, que se adecuarán no posible ós diferentes grupos existentes.

As prácticas que se realicen en institucións externas á Universidade de Vigo serán titoradas cos mesmos requisitos có resto da docencia.

Artigo 22. Das titorías dos proxectos.

O alumnado ten dereito a que se lle dirixa o proxecto de fin de carreira nas condicións que estableza o centro.

O alumnado matriculado nos programas de proxectos de fin de carreira, teses de licenciatura e teses de doutoramento, terá dereito ó cambio de titor/a a petición xustificada do estudiante perante a Xunta de Centro ou Consello de Departamento.

Artigo 23. Da información e orientación.

  1. O alumnado ten dereito a recibir orientación e asesoramento sobre a organización, contidos e esixencias dos distintos estudios universitarios, procedementos de ingreso e saídas profesionais. A universidade disporá dos medios necesarios para garantir este dereito sen prexuízo de que outras institucións ou entidades poidan colaborar con ela nesta tarefa.
  2. Os estudiantes teñen dereito a obteren información e orientación sobre os requisitos xurídicos ou técnicos que as disposicións aplicables impoñan ós proxectos, actuacións e solicitudes que se propoñan realizar.

CAPÍTULO 2. DOS DEREITOS SOCIOPOLÍTICOS E CULTURAIS.

Sección 1ª. Participación democrática.

Artigo 24. Dereito á participación nos órganos de goberno.

Tódolos estudiantes da Universidade de Vigo teñen dereito a participar nos órganos de goberno da universidade, dos centros e dos departamentos, mediante a elección dos seus representantes.

Para estes efectos, serán electores/as e elixibles tódolos que reúnan os requisitos establecidos no art. 2.1 do presente regulamento, nos termos que sinale a normativa electoral.

Artigo 25. Representantes dos estudiantes.

Son representantes dos estudiantes: os estudiantes que, elixidos a través dos diferentes procesos electorais, forman parte dos órganos colexiados de goberno da universidade: Consello Social, Claustro, Xunta de Goberno, Xunta de Centro, Consello de Departamento, Consello de Campus e as súas Comisións.

Artigo 26. Funcións dos representantes.

Os representantes canalizarán as propostas, queixas e reclamacións que realicen os estudiantes diante dos órganos da universidade, sen prexuízo do dereito de calquera estudiante a formulalas directamente.

Artigo 27. Organización dos representantes.

No seo dos centros da Universidade de Vigo, os estudiantes, sen mingua dos dereitos individuais dos representantes, poderán crear delegacións de alumnos/as das que formarán parte, polo menos, os representantes dos estudiantes do centro nos órganos de goberno da universidade.

Entre os fins das delegacións de alumnos/as estarán:

- Actuar como órganos de diálogo coas autoridades académicas no establecemento dunha información adecuada sobre a vida universitaria.

  • Xestiona-los seus recursos.
  • Promover e coordinar actividades de extensión universitaria.
  • Elixi-los seus representantes perante calquera autoridade, institución ou organización, naqueles casos para os que non exista regulamento de elección.

Artigo 28. Dereitos e garantías dos representantes.

Os representantes dos estudiantes teñen dereito a:

  1. Exercer libremente a súa representación.
  2. Expresarse libremente sen máis limitacións cás derivadas das normas legais e o respecto ás persoas e á institución.
  3. Recibir información exacta e puntual sobre as materias que afecten ós estudiantes, agás aquelas amparadas por deber de confidencialidade.
  4. Participar no proceso de toma de decisións.
  5. Que os seus labores académicos se adecúen, dentro do posible e sen menoscabo da súa formación, ás súas actividades representativas. Para tal efecto estableceranse os procedementos que se consideren convenientes.
  6. Decidir sobre a utilización da parte proporcional dos orzamentos que lles correspondan, sempre que non se poñan de acordo cos outros representantes na execución destes.
  7. Recibir no seu domicilio, fóra do período lectivo e con suficiente antelación, as convocatorias e documentación necesaria do órgano representativo onde exerzan a súa función.

Artigo 29. Deberes dos representantes.

Son deberes específicos dos representantes:

  1. Asumi-las responsabilidades derivadas do seu cargo representativo.
  2. Facer un uso axeitado da información recibida por razón do cargo, respectando a confidencialidade cando tivese este carácter.
  3. Protexer, fomentar e defende-los bens e dereitos da Universidade de Vigo.
  4. Informar ós seus representados/as das actividades e resolucións dos órganos colexiados e das súas propias actuacións.

Sección 2ª. Organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas.

Artigo 30. Actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas.

Tódolos estudiantes terán dereito a participar nas actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas organizadas pola universidade, de acordo co que se estableza na respectiva normativa.

Tamén poderán promove-la realización de actividades desta natureza, directamente ou a través dos seus representantes ou asociacións estudiantís recoñecidas pola Universidade de Vigo. Cando se encadren nunha programación xeral, tales propostas deberán facerse dentro dos prazos e de acordo co disposto na oportuna convocatoria.

Artigo 31. Utilización das instalacións universitarias.

Os estudiantes e asociacións poderán utiliza-las instalacións universitarias para as súas actividades formativas, culturais, deportivas, recreativas e reivindicativas. Tal utilización deberá contar coa autorización do órgano competente, trala petición dos interesados/as, e poderá ser denegada cando non se axuste ó réxime de utilización establecido.

Artigo 32. Servicios universitarios.

Os estudiantes poderán acceder ós distintos servicios universitarios, de acordo co establecido nos respectivos regulamentos.

Sección 3ª. Asociacións de estudiantes na Universidade de Vigo.

Artigo 33. Definición.

Son asociacións de estudiantes na Universidade de Vigo, aquelas que reguladas por este regulamento e constituídas de conformidade co establecido no Decreto 2248/68 do 20 de setembro, sobre asociacións de estudiantes, complementado pola Orde Ministerial de Educación e Ciencia do 9 de novembro de 1968, se comprometan á defensa dos bens culturais e universitarios en réxime de liberdade, autonomía, representatividade e auténtica participación dos seus asociados/as, dentro do respecto ó ordenamento xurídico do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia e da Universidade de Vigo.

Artigo 34. Obxectivos do movemento asociativo.

Son os principais obxectivos do movemento asociativo:

  1. Fomenta-la participación do maior número de membros da comunidade universitaria en actividades socioculturais, deportivas e de lecer.
  2. Diversificar ó máximo os ámbitos da vida social e cultural nos que poden participar.
  3. Promover que asociacións de ámbitos afíns teñan espacios de encontro nos que intercambiar experiencias e mesmo poder federarse en asociacións máis fortes, con maior impacto universitario e social.

Artigo 35. Dereito de asociación.

Todo o estudiantado ten dereito a asociarse libremente dentro da comunidade universitaria para velar polo cumprimento dos seus dereitos e deberes, potencia-la participación en tódolos ámbitos e contribuír ós fins da universidade.

A estructura e funcionamento interno das asociacións deberán ser democráticos.

Artigo 36. Promotores/as das asociacións.

Poderán promover asociacións os estudiantes a que se refire o art. 2.1 deste regulamento, que se atopen en pleno uso dos seus dereitos académicos e que libremente acorden servir ós fins enunciados nos seus propios estatutos.

Artigo 37. Estatutos das asociacións.

  1. As asociacións rexeranse por uns estatutos que deberán conte-las seguintes mencións:
    1. Denominación da entidade que deberá ser suficientemente individualizada para non inducir a erros respecto doutras asociacións xa rexistradas.
    2. Domicilio da asociación.
    3. Fins que se propoñen.
    4. Órganos directivos, funcións e forma de administración.
    5. Procedemento de adquisición e perda da condición de asociado/a.
    6. Dereitos e deberes dos asociados/as.
    7. Aplicación do patrimonio no caso de disolución que deberá reverter en beneficio da universidade.
    8. Cotas a aboar polos asociados/as, en caso de habelas.
  2. Os estatutos serán aprobados polos órganos gobernativos competentes. Cando sinale como domicilio unha dependencia universitaria deberá contar coa autorización do órgano competente.

Artigo 38. Censo de asociacións.

  1. No Rectorado da universidade existirá un rexistro público de asociacións, no que se inscribirán as que se constitúan no seu ámbito, de acordo con este estatuto e coa lexislación vixente. Entre a documentación que se debe entregar para inscribirse no censo figurará a certificación da súa condición de asociación legalizada.
  2. Anualmente actualizarase o censo de asociacións e a súa representación legal.

Artigo 39. Tipos de asociacións.

Modalidade A: asociacións de ámbito xeral.
Aquelas asociacións que dirixen a súa actividade ó conxunto da comunidade universitaria, tendo asociados en diversos centros e unha actividade cultural e social que responda ós intereses de persoas e colectivos amplos.

Modalidade B: asociacións sectoriais.
Entran nesta modalidade as asociacións que restrinxen as súas actuacións a actividades sectoriais ou as que só teñen presencia nunha titulación ou nun ámbito reducido.

Artigo 40. Recursos.

Ademais doutros recursos, as asociacións nutriranse das subvencións que poidan recibir da Universidade de Vigo a través das oportunas convocatorias.

Sempre que exista dispoñibilidade, facilitaránselles locais ás asociacións nos centros onde conten con implantación. Existirá, polo menos, un local común para uso de tódalas asociacións en cada centro.

A Universidade de Vigo facilitaralles un local, sempre que exista dispoñibilidade, ás asociacións de ámbito xeral.

Artigo 41. Perda da condición de asociación universitaria na Universidade de Vigo.

A Xunta de Goberno, trala audiencia dos responsables das asociacións, poderá dar de baixa no seu Rexistro de Asociacións da Universidade, con carácter temporal ou definitivo, a aquelas que incumprirsen grave e reiteradamente os compromisos que figuran no art. 33 deste regulamento.

Sección 4ª. Dereito de reunión e manifestación.

Artigo 42. Do dereito de reunión.

Tódolos estudiantes e asociacións teñen dereito a reunírense en locais universitarios. Para tal efecto será preciso cursar con antelación suficiente a oportuna solicitude ó responsable de tales espacios. A solicitude deberá ser atendida, agás que medien circunstancias excepcionais que aconsellen o contrario.

Artigo 43. Do dereito de manifestación.

Tódolos estudiantes teñen dereito a manifestárense libremente, cumprindo os requisitos previstos no ordenamento. Cando esa manifestación vaia ter lugar dentro dos espacios universitarios, deberá comunicárselle con antelación suficiente ás autoridades académicas.

TITULO III. DOS DEBERES DO ESTUDIANTADO.

Artigo 44. Deberes do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria.

Son deberes do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:

  1. O cumprimento dos estatutos e demais normativa que fose de aplicación.
  2. O cumprimento das obrigas investigadoras ou discentes inherentes á súa condición.
  3. A cooperación cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servicios e na consecución dos fins da universidade.
  4. O respecto polo patrimonio da universidade e a contribución ó seu digno mantemento.
  5. A asunción das responsabilidades propias dos cargos para os que sexan elixidos.
  6. O potenciación da vinculación e do prestixio da Universidade de Vigo na sociedade.

Artigo 45. Deberes específicos do estudiantado.

  1. Cumpri-las tarefas de estudio e de investigación que lles correspondan na súa condición de universitarios.
  2. Asistir regularmente ás actividades lectivas programadas, agás nos casos de exención que se autoricen.

Artigo 46. Do estudio.

O estudio e a formación constitúen un dereito e un deber básico do estudiantado tendo, para tal efecto, liberdade de estudio e de orientación intelectual que lle permita o estudio cunha bibliografía ampla e o asesoramento doutras docentes.

TÍTULO IV. DA REFORMA DO REGULAMENTO.

Artigo 47. Iniciativa.

A iniciativa para a reforma do presente regulamento correspóndelle á Xunta de Goberno, ó 25% do claustro ou ós dous tercios dos estudiantes claustrais.

Artigo 48. Aprobación.

Correspóndelle ó Claustro da Universidade de Vigo aproba-la reforma do regulamento cos votos favorables da maioría dos seus membros.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Claustro Universitario.

Dilixencia para facer constar que o presente Regulamento de Estudiantes foi aprobado polo Claustro da Universidade de Vigo, na súa sesión do día 3 de abril de 2001.

A SECRETARIA XERAL,

Margarita Estévez Toranzo

Rectoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidad | Mapa web | Aviso Legal