Cerimonial para a investidura de doutores e doutoras honoris causa

  1. Ao chegar ao edificio a doutoranda xunto coa madriña son recibidas polo Reitor Magnífico. Diríxense á sala de xuntas para presentárllela aos claustrais alí reunidos. A madriña axuda á candidata a vestirse cos ornamentos correspondentes. Todos os claustrais, en comitiva, diríxense ao salón de actos.
  2.  Namentres a comitiva académica fai a súa entrada no salón de actos, os asistentes permanecen de pé. Cando os membros da comitiva ocupen os seus postos, permanecerán todos de pé mentres o coro interpreta o Canticorum Iubilo.

(III toques de maza)

  1.  Acabado o cántico, o Excmo. Sr. Reitor Magnífico di:

Ábrese a sesión. Sentade e descubrídevos.

  1. A Ilma. Sra. Secretaria Xeral da Universidade de Vigo lerá o acordo do Consello de Goberno polo que se nomea doutora honoris causa desta universidade a dona Lynn Margulis.
  2. A Ilma. Sra. Secretaria Xeral dá lectura ao acordo correspondente.
  3. O Reitor Magnífico di:

Ten a palabra a madriña da doutoranda.

  1. Dna. María Luisa Castro Cerceda, secretaria da Facultade de Bioloxía.
  2. A madriña pronuncia a gabanza da doutoranda, e conclúe con estas palabras:

    Así pois, considerados e expostos todos estes feitos, dignísimos convidados e membros da comunidade universitaria, solicito con todo respecto e encarecidamente prego que se outorgue e confira o supremo grao de doutora honoris causa pola Universidade de Vigo.

  3. O Reitor Magnífico di:  Levantádevos.

    Polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, a proposta do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde referendada pola facultade de Bioloxía e como testemuño dos vosos relevantes méritos, Dona Lynn Margulis fostes nomeada doutora honoris causa. Achegádevos.

    A candidata acompañada da súa madriña sitúase fronte á presidencia. O Excmo. Sr. Reitor Magnífico prosegue:

    En virtude da autoridade que me foi conferida, outórgovos o título de doutora honoris causa pola Universidade de Vigo (dálle o título) , e como símbolo de tan alto honor impoñémosvos a nosa medalla máis prezada (pónlle a medalla), así como este barrete, venerado distintivo de alto maxisterio, que vos pido levedes sobre a vosa cabeza como coroa dos vosos estudos e merecementos. (Ponlle o barrete).

  4. O Reitor Magnífico di: A vosa madriña vai entregarvos a continuación os atributos deste nomeamento e distinción, a saber. (Vano facendo dende o seu sitial):

    O libro da ciencia e sabedoría, que é preciso ensinar e cultivar, e que sexa para vós significación e aviso de que por grande que o voso enxeño for, debedes de render acatamento e veneración á doutrina dos vosos mestres e predecesores.

    O anel que na antigüidade se entregaba nesta venerable cerimonia, como emblema do privilexio de asinar e selar ditames, consultas e censuras da vosa ciencia e profesión.

    Recibide en fin, as luvas brancas, como símbolo da fortaleza que as vosas mans deben conservar, e tamén como signo da vosa altísima dignidade.

  5. Rematada a entrega dos atributos, o Reitor Magnífico prosegue:

    Unha vez conferido o grao de doutora, concédeselle a palabra a dona Lynn Margulis para que pronuncie o seu discurso de ingreso nesta universidade. Sentádevos.

  6. A nova doutora regresa ao seu sitial. O Reitor Magnífico di:

    Dámoslle a máis calurosa benvida a dona Lynn Margulis como nova doutora do Claustro da Universidade de Vigo, ao que se incorpora con todos os dereitos, inmunidades e privilexios inherentes aos demais doutores e doutoras.

    (Coro)

    Continúa:

    A continuación imos celebrar a segunda parte deste acto, que consistirá na celebración da festividade de San Tomé de Aquino coa entrega dos premios extraordinarios de fin de carreira e premios extraordinarios de doutoramento.

    Ten a palabra a señora secretaria xeral que chamará as persoas que obtiveron premio extraordinario de fin de carreira e premio extraordinario de doutoramento.

  7. A señora secretaria xeral fará o chamamento dos premios fin de carreira e dos premios extraordinarios de doutoramento.
  8. O señor reitor fai entrega das insignias e das medallas da Universidade.
  9. O reitor pronuncia o discurso final do acto.
  10. Concluído o discurso o reitor di: Cantemos o "Gaudeamus Igitur".

(III toques de maza)

(Coro)

  1. O Excmo. Sr. Reitor Magnífico pecha a cerimonia dicindo: Levántase a sesión.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal