Normas provisionais de adaptación á LOU

Aprobado no Consello de Goberno do 23/07/07.

A Lei 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, introduce toda unha serie de modificacións no sistema universitario que teñen incidencia nos Estatutos da Universidade.

A propia LOU, na súa disposición adicional oitava concédelles un prazo de tres anos ás universidades para a adaptación dos seus estatutos á nova regulación, e permite que os consellos de goberno aproben a normativa de aplicación que sexa necesaria para dar cumprimento ao establecido nesta.

Ao amparo desta disposición, o Consello de Goberno, de forma provisoria, procede a adaptar determinados preceptos do Regulamento de constitución dos departamentos, das normativas de elección de decanos/as e directores/as de centros e de membros das xuntas de centros, e regulamentos de réxime interno do Consello de Goberno e do profesorado, para, desta forma, garantir o cumprimento da LOU.

Por outra banda, os Estatutos da Universidade de Vigo tamén se ven afectados polas implicacións derivadas da entrada en vigor da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, por ese motivo, e tendo en conta que a reforma dos Estatutos non vai ser inmediata, o Consello de Goberno procede tamén a aprobar unha disposición xeral tendente a procurar a presenza equilibrada de mulleres e homes nos distintos órganos e comisións da Universidade.

Todas estas disposicións teñen carácter provisional e estarán vixentes ata a modificación dos Estatutos da Universidade e os correspondentes regulamentos.

Como consecuencia de todo o anterior, o Consello de Goberno acorda aprobar as seguintes modificacións:

Normas provisionais de adaptación á LOU

1.- Departamentos:

Regulamento de constitución dos departamentos:

Substituír o inciso primeiro do apartado 1.º do artigo 18 do Regulamento de constitución de departamentos (art. 25 LOU) por:

O director/a do departamento será elixido polo Consello de Departamento entre profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade, segundo o proceso seguinte:

2.- Centros:

2.1.- Normativa para a elección de decanos/as e directores/as de centros:

1.- Substituír o artigo 1 da normativa (art. 7 LOU) por:

De conformidade co disposto nos artigos 50, 51, 52, 55, 56 e 65 dos Estatutos da Universidade de Vigo, a presente normativa regulará a elección de decanos/as e directores/as de facultades e escolas.

2.- Substituír o artigo 3 da normativa (art. 24 LOU) por:

O decano/a ou director/a será elixido pola xunta de centro entre o profesorado con vinculación permanente á Universidade e adscritos ao respectivo centro.

3.- Substituír o artigo 12 da normativa (art. 24 LO):

Nas facultades e escolas, rematado o escrutinio, resultará elixido o candidato/a que obteña a maioría absoluta dos votos dos asistentes. No caso de non ser acadada a devandita maioría, celebrarase unha segunda votación en que resultará elixido o candidato/a que obteña maior número de votos. Se hai un único candidato/a, este ten que acadar maior número de votos a favor que en contra.

2.2.- Normativa para a elección de membros:

1.- Substituír o artigo 2 da normativa por:

1. A Xunta de Centro é o órgano colexiado de representación e decisión do centro. Está composto polo decano/a ou director/a, que a preside, e polo seguinte conxunto de membros:

a) o equipo decanal ou directivo,

b) todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que constituirá o 51 % da Xunta de Centro,

c) unha representación do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á Universidade, que corresponderá ao 9 % da Xunta de Centro. En calquera caso, polo menos o 80 % corresponderá ao persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo,

d) unha representación dos estudantes, que constituirá o 30 % da Xunta,

e) unha representación do persoal de administración e servizos, que constituirá o 10 % da Xunta.

2. Os membros electos da Xunta de Centro serán renovados cada dous anos.

3.- Consello de Goberno:

Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno:

Substituír o apartado c) do artigo 3 do Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno:

c) 20 membros elixidos polo Claustro, dos que dez serán membros do persoal docente e investigador, oito deles doutores/as con vinculación permanente á Universidade, oito estudantes e dous membros do persoal de administración e servizos.

4.- Disposición xeral:

En cumprimento da Lei 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, nos nomeamentos e designacións dos cargos de responsabilidade que efectúe o reitor/a velarase polo principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, agás nos casos que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.

Os decanos/as e directores/as nas propostas de nomeamentos de vicedecanos/as, subdirectores/as e secretarios/as de centros e departamentos procurarán a presenza equilibrada de mulleres e homes, agás nos casos que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas. Na composición dos órganos colexiados de goberno procurarse a presenza equilibrada entre mulleres e homes, agás nos casos que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.

Na composición das distintas comisións, procurarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes, agás nos casos que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.

5.- Profesorado. Regulamento do profesorado:

1.- Suprimir no apartado b) do artigo 1 do Regulamento do profesorado o “profesor colaborador”.

2.- Substituír o apartado 4 do artigo 3 do Regulamento:

4. O total de persoal docente e investigador contratado computado en equivalencia a tempo completo, non poderá superar o 49 % do total de persoal docente e investigador. Non se computará como profesorado contratado quen imparta docencia en ensinanzas conducentes á obtención dos títulos non oficiais, así como o persoal propio de institutos de investigación adscritos á Universidade. Para os efectos da devandita porcentaxe non será tomado en consideración o número de prazas de profesorado asociado que se determine nos concertos entre as universidades e as institucións sanitarias. O persoal docente e investigador con contrato laboral temporal non poderá superar o 40 % do cadro de persoal docente.

3.- Substituír o artigo 4 do Regulamento:

1. A Universidade poderá contratar a tempo completo, por unha duración non inferior a un ano nin superior a cinco, axudantes entre os que cumpran os requisitos esixidos na lexislación vixente. O contrato poderá prorrogarse ou renovarse se se concertase por unha duración inferior á máxima, sempre que a duración total non exceda dos indicados cinco anos. As situacións de incapacidade temporal, maternidade e adopción ou acollemento durante o período de duración do contrato, interrumpirán o seu cómputo.

2. A actividade dos axudantes estará orientada a completar a súa formación docente e investigadora e colaborarán en tarefas docentes de índole práctica ata un máximo de 60 horas anuais, o que deberá figurar nos plans de organización docente dos departamentos correspondentes.

4.- Substituír o artigo 5 do Regulamento:

1. A Universidade poderá contratar a tempo completo, por unha duración non inferior a un ano nin superior a cinco, profesorado axudante doutor entre os que cumpran os requisitos esixidos na legislación vixente. O contrato poderá prorrogarse ou renovarse se se concertase por duración inferior á máxima, sempre que a duración total non exceda dos indicados cinco anos. En calquera caso, o tempo total de duración conxunta entre o contrato de axudante e axudante doutor, na mesma ou distinta universidade, non poderá exceder de oito anos. As situacións de incapacidade temporal, maternidade e adopción ou acollemento durante o período de duración do contrato, interromperán o seu cómputo.

2. A contratación de profesorado axudante doutor esixirá a avaliación previa positiva da súa actividade por parte da Axencia Galega para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou de calquera outro órgano de avaliación que as leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista convenio ou concerto coa comunidade autónoma galega e será mérito preferente a estancia do candidato/a en universidades ou centros de investigación de recoñecido prestixio, españois ou estranxeiros, distintos da Universidade de Vigo.

3. A finalidade do contrato será a de desenvolver tarefas docentes e de investigación.

4. O profesorado axudante doutor terá unha dedicación á docencia igual á do profesorado a tempo completo e figurará nos plans de organización docente dos departamentos correspondentes.

5.- Suprimir o artigo 6 do Regulamento (relativo ao profesorado colaborador).

6.- Substituír os apartados 1 e 3 do artigo 7 do Regulamento:

1. A Universidade de Vigo poderá contratar, con carácter indefinido mediante concurso de acceso, profesorado contratado doutor entre doutores/as que reúnan os requisitos esixidos na lexislación vixente.

3. O profesorado contratado doutor desenvolverá as súas tarefas docentes e investigadoras con dedicación a tempo completo.

7.- Substituír os apartados 1 e 2 do artigo 8 do Regulamento:

1. A Universidade de Vigo poderá contratar, a tempo parcial, profesorado asociado entre especialistas de recoñecida competencia que acrediten exercer a súa actividade profesional fóra do ámbito académico universitario. A finalidade do contrato será desenvolver tarefas docentes a través das que achegue os seus coñecementos e experiencia profesionais á Universidade.

2. O profesorado asociado será contratado con carácter temporal, a duración do contrato será trimestral, semestral ou anual, e poderase renovar por períodos de igual duración, sempre que se siga acreditando o exercicio da actividade profesional fóra do ámbito académico universitario, de acordo cos requisitos establecidos na lexislación respecto ao réxime laboral e da Seguridade Social e na restante normativa que sexa de aplicación.

8.- Suprimir a referencia ao “profesor colaborador” no apartado 2 do artigo 10 do Regulamento.

9.- Substituír o apartado 1 do artigo 11 do Regulamento:

1. A Universidade de Vigo poderá nomear profesorado emérito entre profesores/as xubilados que prestasen destacados servizos docentes e investigadores á Universidade.

10.- Substituír o artigo 14 do Regulamento:

1. O profesorado universitario funcionario pertencente aos corpos docentes nacionais de catedráticos/as e de profesorado titular de universidade será seleccionado por iniciativa da Universidade de Vigo mediante concurso de acceso convocado polo reitor/a, tras a aprobación do Consello de Goberno, e terá a condición de funcionario adscrito a ela para os efectos da súa relación de servizo.

2. A denominación das prazas que se cubrirán mediante concurso de acceso entre acreditados/as será necesariamente a dalgunha das áreas de coñecemento que figuran no correspondente catálogo oficial con indicación do corpo que corresponda.

3. As comisións de selección dos concursos de acceso entre acreditados/as serán aprobadas polo Consello de Goberno por proposta dos departamentos, e estarán compostas por cinco membros da área de coñecemento ou, no seu defecto, de áreas afíns e de categoría igual ou superior á praza obxecto do concurso.

4. O Consello de Goberno da Universidade de Vigo regulará o procedemento para a convocatoria dos concursos aos que fai referencia o punto 1 do presente artigo mediante unha normativa reguladora dos concursos de acceso entre acreditados.

11.- Substituír o termo “habilitado” por “acreditado” no artigo 15 do Regulamento.

12.- Suprimir o apartado 4 do artigo 17 do Regulamento.

13.- Substituír o apartado 1 do artigo 23 do Regulamento:

1.- A dedicación do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, tanto do pertencente aos corpos docentes como do persoal docente contratado en réxime laboral, será normalmente a tempo completo, agás no caso do profesorado asociado, que será a establecida na lexislación vixente. O profesorado a tempo completo, a petición propia, poderá acollerse ao réxime de dedicación a tempo parcial, agás nos casos en que a lexislación estableza que o réxime de dedicación é a tempo completo. En calquera caso, a Universidade primará a dedicación a tempo completo.

14.- Substituír o apartado 1 do artigo 27 do Regulamento:

1. A xubilación do funcionariado dos corpos docentes universitarios terá lugar de acordo coas previsións da normativa vixente.

Engadir ao Regulamento: 

Disposicións adicionais:

Primeira. A partir da entrada en vigor da LOU, previa solicitude dirixida ao reitor/a, o persoal funcionario doutor do corpo de catedráticos/as de escola universitaria poderá integrarse no corpo de profesorado titular de universidade nas mesmas prazas que ocupen, mantendo todos os seus dereitos, e computándose a data de ingreso neste corpo a que tiveran no corpo de orixe. Quen non solicite esta integración permanecerá na súa situación actual e conservará a súa plena capacidade docente e investigadora. Así mesmo, poderá presentar a solicitude para obter a acreditación para catedrático/a de universidade establecida na LOU.

Segunda. Para os efectos do acceso do profesorado titular de escola universitaria ao corpo de profesorado titular de universidade, os que á entrada en vigor da LOU, posúan o título de doutor/a ou o obteñan posteriormente, e se acrediten especificamente, accederán directamente ao corpo de profesorado titular de universidade, nas súas prazas.

Quen non acceda á condición de profesorado titular de univesidade permanecerá na súa situación actual, e manterá todos os seus dereitos e conservará a súa plena capacidade docente e, no seu caso, investigadora.

Namentres exista profesorado titular de escola univesitaria ou habilitado para esta categoría, que non estea acreditado para unha categoría superior, a universidade poderá convocar concursos entre estes para ocupar prazas de titulares de escolas universitarias.

Terceira. Quen estea habilitado conforme a LO 6/2001, de universidades, entenderase que posúen a acreditación.

Entenderase que as persoas habilitadas para catedrático/a de escola universitaria, tamén o están para profesor/a titular de universidade.

Disposicións transitorias:

Primeira. Ata un ano despois da resolución das últimas probas de habilitación convocadas, a Universidade de Vigo poderá decidir a convocatoria de prazas para os corpos de catedráticos/as de universidade e de profesorado titular de universidade mediante concurso de acceso entre habilitados, que lle comunicará á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria, todo isto de acordo co disposto no artigo 62 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, coa súa normativa de desenvolvemento, que, para estes efectos, se considerará vixente.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal