Normativa de Xestión Académica

En cumprimento do mandato contido no artigo 28 da Lei orgánica de reforma universitaria 11/1983, de 25 de agosto, dictouse o Real decreto 1497/1987, de 27 de novembro (BOE do 14 de decembro), polo que se establecen as directrices xerais comúns dos planos de estudio dos títulos universitarios de carácter oficial e de validez en todo o territorio nacional.

O devandito RD foi modificado polo Real decreto 1267/1994, de 10 de xuño (BOE do 11), que na súa disposición final segunda incorpora no anexo I, por proposta do Consello de Universidades, os criterios xerais acordados polo dito consello ó abeiro do artigo 32 da LRU, ós que haberán de axustarse as universidades en materia de adaptación e validación de estudios superiores cursados en centros universitarios españois e estranxeiros.

Pola súa parte, a Xunta de Goberno, en acordo de 13 de setembro de 1999, aprobou a normativa da Universidade de Vigo sobre a estructura e organización dos planos de estudio, na que se recollen algunhas previsións referentes ás modificacións dos planos de estudio.

A experiencia destes anos por parte das universidades en canto á estructura e complexidade dos novos planos de estudio -o propio Consello de Universidades recoñece que a nova definición, modificación e adaptación do alumnado ós novos planos de estudio é un dos principais problemas das universidades- aconsella que se actualicen os conceptos e o tratamento dos distintos mecanismos que se interrelacionan: adaptacións, validacións, traslados (presentan unha casuística especial posto que os planos de estudio son distintos dunha universidade a outra) e os especiais casos de incorporación ós segundos ciclos.

Tendo en conta o RD 1497/1987 de 27 de novembro, polo que se establecen as directrices xerais comúns dos planos de estudio dos títulos universitarios de carácter oficial e de validez en todo o territorio nacional, o RD 704/1999, de 30 de abril, derrogado polo RD 69/2000, de 21 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos para o ingreso nos centros universitarios, o Decreto-lei 9/1975, de 10 de xullo, para o funcionamento institucional das universidades e a Normativa sobre a estructura e organización académica dos planos de estudio, aprobada pola Xunta de Goberno o 13 de setembro de 1999, apróbanse as seguintes:

NORMAS DE XESTIÓN ACADÉMICA

ADAPTACIÓNS, VALIDACIÓNS, TRASLADOS, SUPOSTOS ESPECIAIS DE ACCESO ÓS SEGUNDOS CICLOS, MATRÍCULA, EXAMES, ACTAS E TRIBUNAIS, CUALIFICACIÓNS, ACREDITACIÓNS, SIMULTANEIDADE DE ESTUDIOS

ARTIGO 1. ÁMBITO DE APLICACIÓN E DEFINICIÓNS

1.1. Ámbito de aplicación

As presentes normas de adaptación, validación, traslados, accesos ós segundos ciclos, matrícula, exames, actas e tribunais, cualificacións, acreditacións e simultaneidade de estudios serán de aplicación para tódolos planos de estudio conducentes a titulacións oficiais da Universidade de Vigo.

1.2. Definicións

Materia

Conxunto de contidos homoxéneos con carga lectiva mínima definida nas directrices xerais propias correspondentes a cada titulación oficial.

Disciplina

Cada unha das partes, de superación independente, nas que pode quedar dividida unha mesma materia.

Adaptación

É o acto administrativo polo que se lles recoñece validez académica ós estudios conducentes á obtención dunha mesma titulación oficial e cursados consonte un plano de estudios:

  • En proceso de extinción, noutro de nova implantación e que o substitúe.
  • Doutra universidade, nun plano de estudios da Universidade de Vigo, mediante traslado de expediente.
  • dos estudios parciais cursados noutra universidade cando haxa un acordo coa Universidade de Vigo dentro de programas nacionais ou internacionais de mobilidade estudiantil. Neste caso, as materias que foran consideradas como equivalentes no centro de orixe da Universidade de Vigo figurarán no expediente do estudiante coa cualificación acadada no centro de destino.

Validación

É o acto administrativo polo que se lles recoñecen efectos académicos ós estudios universitarios realizados consonte un plano de estudios, na Universidade de Vigo ou noutra universidade, noutro plano de estudios conducente a distinta titulación.

O recoñecemento de estudios parciais realizados en universidades estranxeiras, agás o indicado no punto 1.2.c., ou en institucións análogas realizarase polo procedemento de validación

Traslado de expediente

É o acto administrativo mediante o que se recoñece o acceso a uns determinados estudios para a súa continuación a estudiantes procedentes doutras universidades ou doutros centros da Universidade de Vigo. Así mesmo, é preciso trasladarlles de expediente para a iniciación de estudios nunha nova titulación ós estudiantes procedentes de diferentes estudios, centros ou universidades

O traslado de expediente pode realizarse para a continuación de estudios entre planos de estudios non renovados e renovados.

Acceso a segundos ciclos

Posibilidade de continuación nun segundo ciclo de ensinanzas que constitúan, ou non, continuación directa do primeiro ciclo superado polo estudiante, cursando, no seu caso, os complementos de formación que se precisen.

ARTIGO 2. ADAPTACIÓN VOLUNTARIA E OBRIGATORIA

2.1. Adaptación voluntaria

2.1.1

Os estudiantes matriculados nunha titulación da Universidade de Vigo que están realizando estudios consonte un plano de estudios que está a ser substituído por outro, poderán solicitar, independentemente do estado do seu expediente académico no plano en extinción, cursar estudios polo plano de nova implantación.

Este acto implicará o inicio dun novo expediente académico, o mantemento das cualificacións das materias que tivera superadas e que sexan adaptadas, sen indicación das convocatorias consumidas, conforme os criterios incorporados polo Consello de Universidades no anexo I do RD 1267/94, e o comezo de novo do cómputo das convocatorias para tódalas materias que resten por superar no novo plano de estudios.

2.1.2

Os estudiantes matriculados nunha titulación da Universidade de Vigo que desexen continuar estudios na devandita institución entre planos de estudio iguais ou diferentes que se dispensen en distintos centros, solicitarán a adaptación das materias que desexen.

Este acto suporá a actualización do expediente tendo en conta a diferencia entre os distintos planos de estudio, o mantemento das materias superadas e que sexan adaptadas, incluíndo as convocatorias consumidas, conforme os criterios incorporados polo Consello de Universidades no anexo I do RD 1267/94, e o comezo do novo cómputo das convocatorias para tódalas materias que resten por superar no novo plano de estudios.

2.1.3

Para os estudiantes que, procedentes doutras universidades, teñan concedido o traslado de expediente á Universidade de Vigo para a continuación de estudios entre iguais planos de estudio, a concesión do traslado e a adaptación correspondente suporá o mantemento das cualificacións das materias superadas e o cómputo das convocatorias consumidas na universidade de procedencia. O cómputo das convocatorias consumidas nas materias non superadas levarase a cabo no momento en que se superen conforme ó Decreto-lei 9/1975, de 10 de xullo, para o funcionamento institucional da universidade (BOE do 16).

2.2. Adaptación obrigatoria

Os estudiantes que estean cursando un plano de estudios que está a ser substituído por outro, de non superaren as materias do plano en extinción nos prazos que legalmente procedan conforme ós RRDD 1497/87 e 2347/96 e ós acordos da Xunta de Goberno de 27 de maio de 1997 e 8 de novembro de 1999, deberán adaptarse ó novo plano de estudios, se desexan continuar os mesmos estudios.

Este suposto implicará o inicio dun novo expediente académico, o mantemento das cualificacións das materias superadas e que sexan adaptadas, sen indicación das convocatorias, conforme os criterios incorporados polo Consello de Universidades no anexo I do RD 1267/94, e o comezo de novo do cómputo das convocatorias para tódalas materias que resten por superar no novo plano de estudios.

ARTIGO 3. CRITERIOS DE ADAPTACIÓN

3.1. Adaptacións por causa de substitución de planos de estudio

Neste suposto estarase ó disposto nos cadros de adaptación que establezan os respectivos planos de estudio e as seguintes normas

a) Diferencias positivas:

O exceso de créditos recoñeceranse, coa mesma cualificación que tivese a materia/disciplina orixinal, como créditos de libre configuración no plano novo, sempre que o cadro de adaptacións non especifique ningún outro recoñecemento, en tal caso será a Comisión de Validacións do centro a que o deberá tutelar.

b) Diferencias negativas:

Cando a diferencia sexa inferior ou igual a 2 créditos, a adaptación realizarase integramente.

Cando a diferencia sexa superior a 2 créditos pero igual ou inferior a 1/3 dos créditos da disciplina pola que se solicita a adaptación, a decisión sobre a posible adaptación corresponderá á Comisión de Validacións do centro. Non procederá a adaptación cando a diferencia sexa superior a 1/3 dos créditos da disciplina pola que se solicita.

c) Materias optativas cursadas polo plano en extinción e que estean incluídas na relación nominal de materias optativas do plano novo:

O tratamento destas materias será o mesmo có das materias con docencia, aínda que a materia optativa non estea ofertada no curso no que se solicita a adaptación (posibilidade de adaptar materias optativas sen docencia).

d) Naqueles casos que o cadro de adaptacións non especifique a carga lectiva en créditos, o Servicio de Alumnado (Sección de títulos e planos de estudio) procederá a efectua-lo cálculo en créditos desta, séndolle de aplicación o indicado nos apartados a) e b).

e) Nos supostos de adaptación dende planos de estudio non estructurados en créditos, a adaptación levarase a cabo disciplina por disciplina, de acordo co establecido no correspondente cadro de adaptacións; se neste non se especifica a carga lectiva será de aplicación o indicado no apartado anterior.

Unha vez mecanizadas as adaptacións remitiranse, por parte da Sección de títulos e planos de estudio, listados completos ós centros, non sendo preciso que a disciplina da que se solicita a adaptación estea sendo efectivamente dispensada no momento da solicitude.

No caso de disciplinas optativas, estas poderanse adaptar sempre que se contemplen na relación nominal das disciplinas optativas do plano novo

3.2. Adaptacións a causa de continuación de estudios conducentes a un mesmo título oficial nos casos de traslado

Para estes efectos, teranse en conta os criterios adoptados polo Consello de Universidades incorporados no anexo I do Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño (BOE do 11), que modifica o Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, sobre directrices xerais comúns ós planos de estudio.

As materias e as disciplinas adaptadas figurarán con esta denominación no expediente da Universidade de Vigo que, á hora de emitir unha certificación, deberá facer consta-las disciplinas ou materias que son adaptadas e, por solicitude do interesado, librar certificación das cualificacións que consten no documento oficial da universidade de procedencia.

Para tal fin utilizarase o modelo que figura como anexo I, tendo en conta que se deberán incluír na certificación tódalas materias/disciplinas que constan na certificación de orixe, adáptese ou non, así como as que trae pendentes de superar na universidade de orixe.

Nas materias ou disciplinas que resulten adaptadas, deberá reflectirse a mención "Adaptada" e mais a cualificación que o estudiante acadara na materia/disciplina obxecto da adaptación.

Se a materia estivese estructurada en disciplinas, a cualificación obteríase consonte o seguinte: suma dos créditos superados, multiplicados cada un deles polo valor da cualificación que corresponda segundo o indicado en 6.2, e dividido polo número de créditos totais da materia de que se trate. Non se terán en conta os créditos que non teñan cualificación.

3.3. Normas de aplicación

As unidades básicas de adaptación de estudios parciais serán o ciclo, a materia troncal, a disciplina e o crédito.

3.3.1 Adaptación dos primeiros ciclos

Nos casos en que deba adaptarse integramente o primeiro ciclo, poderá realizarse unha declaración xenérica de adaptación do ciclo e non se reflectirá cualificación ningunha.

Alternativamente, por solicitude do interesado/a, poderase facer unha adaptación individualizada por materias/disciplinas.

3.3.2. Adaptación de materias troncais

Se o alumno/a superou toda a materia troncal, adaptarase integramente.

Se a materia troncal non estivese integramente superada, por estar dividida en disciplinas, a declaración de adaptación farase exclusivamente respecto das disciplinas que tivese superadas.

3.3.3. Adaptación de disciplinas obrigatorias e optativas

No caso de disciplinas obrigatorias ou optativas na universidade de orixe poderase realiza-la adaptación por disciplinas con contido e carga lectiva equivalente.

3.3.4. Libre configuración curricular

As materias/disciplinas que figuren no expediente do estudiante para a libre configuración curricular, serán adaptadas e manterán a mesma cualificación en calquera suposto.

No caso da existencia doutras actividades equivalentes a créditos de libre configuración (cursos complementarios, seminarios e semellantes), terán a consideración de validacións, é dicir, equivalencia a aprobado.

3.3.5. Adaptación parcial

Non procederá a adaptación parcial de ningunha disciplina.

3.3.6. Diferencias positivas

Nos casos de materias/disciplinas que no expediente de procedencia teñan máis créditos cá materia adaptada, o exceso será adaptable, mantendo a cualificación por créditos de libre elección ou por créditos optativos, se o plano de estudios contempla esta posibilidade.

ARTIGO 4.- VALIDACIÓNS. CASOS :

ESTUDIOS UNIVERSITARIOS CONDUCENTES A DISTINTOS TÍTULOS OFICIAIS.

ESTUDIOS UNIVERSITARIOS ESTRANXEIROS

4.1. Validación de estudios universitarios conducentes a distintos títulos oficiais

Serán susceptibles de seren validadas as materias ou disciplinas que formen parte de planos de estudios conducentes a títulos oficiais, independentemente de que se impartan en universidades públicas, privadas ou nos centros adscritos a calquera delas. Igualmente serán validables os créditos superados en réxime de equivalencia (p.ex. prácticas en empresas).

Para tal fin utilizarase o modelo que figura como anexo II, tendo en conta que se deberán incluír na certificación tódalas materias que constan na certificación de orixe, valídese ou non a materia.

4.2. Validación de estudios universitarios estranxeiros

Serán susceptibles de validación as disciplinas cursadas no estranxeiro cando o contido e a carga lectiva sexan equivalentes e concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Estudios cursados parcialmente na mesma ensinanza. A universidade deberá esixi-la constatación de que o interesado non ten cursados os estudios completos para a obtención do correspondente título no país de orixe.

b) Cando os estudos concluíran coa obtención dun título estranxeiro, e o interesado non solicitara a homologación do mesmo por un título universitario oficial español, ou solicitándoa esta lle fora denegada. Neste caso o alumno deberá declarar por escrito que non está pendente da resolución de homologación do título estranxeiro.

Para os estudiantes que non procedan de estados que teñan como lingua oficial o castelán, as universidades poderán establece-las probas de idiomas que consideren pertinentes.

ARTIGO 5. CRITERIOS DE VALIDACIÓN

Para estes efectos, teranse en conta os criterios adoptados polo Consello de Universidades incorporados no anexo I do Real decreto 1267/1994, de 10 de xuño (BOE do 11), que modifica o Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, sobre as directrices xerais comúns ós planos de estudio, e os indicados a continuación:

a) A unidade básica de validación será a disciplina, con contido e carga lectiva que sexan equivalentes, indiferentemente do ciclo e titulación na que sexa impartida.

b) Non procederá en ningún suposto a validación como créditos de libre elección daquelas disciplinas ou actividades con contido idéntico ou moi similar ás que formen parte do plano de estudios que está a segui-lo estudiante.

c) Non poderán ser validables para a libre configuración curricular as materias, créditos por equivalencia, seminarios ou actividades que formen parte dun título ou ciclo de estudios por medio do cal se accedese a titulacións de só segundo ciclo ou a segundos ciclos conducentes a títulos diferentes ós iniciados.

d) Nas materias ou disciplinas que resulten validadas deberá reflectirse a mención "validada", manténdose a cualificación obtida na materia de orixe e non especificar as convocatorias consumidas.

e) Non procederá en ningún suposto a validación parcial de disciplinas.

ARTIGO 6. NORMAS COMÚNS PARA AS ADAPTACIÓNS E VALIDACIÓNS

6.1. Efectos no currículo do alumnado

As materias ou disciplinas adaptadas ou validadas consideraranse superadas a tódolos efectos e, por conseguinte, non son susceptibles de novo exame.

Se tralos procesos de validación ou adaptación, o estudiante non acreditase a superación dos créditos necesarios para obte-lo título pola Universidade de Vigo, deberá cursa-las materias troncais, obrigatorias de universidade e de orientación non validadas ou adaptadas da titulación e plano de estudios que estea a realizar, ata cubri-los créditos dos tipos anteriores esixidos.

6.2. Homoxeneización e valoración

A fin de homoxeneiza-las cualificacións das distintas universidades establécense, para tódolos efectos, as seguintes equivalencias:

Suspenso- 0, Aprobado- 1, Notable- 2, Sobresaliente- 3, Matrícula de honra- 4.

Cando sexa preciso facer unha valoración das ditas cualificacións efectuarase conforme ó seguinte: Suma dos productos dos créditos superados, polo valor da cualificación que corresponda segundo as equivalencias anteriores e dividido o resultado polo número de créditos totais da ensinanza correspondente.

Para estes efectos as disciplinas validadas terán unha equivalencia de 1; para as disciplinas adaptadas computarase a cualificación obtida no centro de procedencia, e no recoñecemento de créditos en que non exista cualificación non se terá en conta para os efectos da valoración.

ARTIGO 7. PRAZOS DE SOLICITUDE E RESOLUCIÓN. DOCUMENTACIÓN

7.1. Prazos de solicitude e resolución de adaptacións e validacións

Establécense dous prazos para a solicitude de trámite.

  • Entre o 1 de setembro e o 15 de outubro. Deberán resolverse antes do 16 de novembro.
  • Entre o 1 de febreiro e o 15 de marzo. Deberán resolverse antes do 16 de abril.

A resolución debe ser expresa.

Sobre as solicitudes de adaptación e validación, deberán emitir informe os órganos competentes indicados no artigo 8, no prazo máximo de dez días dende a finalización do prazo de solicitudes.

7.2. Documentación

As solicitudes de validación han ser precisas e concretas, e na súa resolución deberá terse en conta o disposto no Real decreto 1497/1987, de 27 de novembro (BOE do 14 de decembro), no Acordo do Consello de Universidades, do 28 de novembro de 1989 (BOE do 30 de decembro), e no Real decreto 1267/94, do 10 de xuño (BOE do 11).

7.2.1. Alumnado de estudios nacionais

Para a validación e adaptación de disciplinas de estudios nacionais, debe presentarse unha solicitude acompañada dos seguintes documentos:

a). Certificación académica persoal expedida polo centro onde se cursasen os estudios obxecto de validación ou adaptación (para a adaptación automática a universidade de orixe deberá certificar, no seu caso, que o alumno/a ten superado o primeiro ciclo completo, ou unha determinada materia troncal, así como os créditos cursados con carácter de libre elección). Para os estudiantes procedentes de centros da propia Universidade de Vigo será emitida de balde unha certificación académica con validez unicamente para estes efectos.

b). Programas das disciplinas cuñados pola universidade/centro de orixe correspondentes ó curso académico que superou, así como unha copia do plano de estudios.

c). Copia do DNI.

O modelo de solicitude e calquera outra información complementaria será facilitada nas unidades de atención ó alumnado, nos servicios administrativos dos centros e no Servicio de Alumnado do Rectorado.

7.2.2. Disciplinas cursadas en universidades estranxeiras

Debe presentarse unha solicitude acompañada dos documentos seguintes:

a). Certificación académica expedida polo centro onde se cursasen os estudios obxecto de validación, na que debe figurar o nivel, clase de estudios e táboa explicativa das cualificacións, con expresión do mínimo necesario para supera-las materias.

b). Programas das disciplinas correspondentes ó curso académico no que se superaron, así como copia do plano de estudios.

c). Acreditación de nacionalidade expedida pola autoridade competente no caso de estranxeiros/as, copia do DNI no caso de españois.

d).Acreditación de que os estudios obxecto de validación teñen o carácter de universitarios.

Os documentos das universidades estranxeiras deben estar legalizados por vía diplomática, nas embaixadas ou consulados de España e co visto e prace do Ministerio de Asuntos Exteriores de España (r/ José Abascal 41- Madrid); os documentos cuñados coa apostila (Convención da Haia de 5 de outubro de 1961) non precisan outra legalización diplomática ou consular.

Tódolos documentos deben entregarse coa súa correspondente traducción oficial ó galego ou ó castelán, que poderá esar realizada:

  • Por calquera representación diplomática ou consular española no estranxeiro.
  • Pola representación diplomática ou consular en España do país do que é cidadán solicitante, e no seu caso, da procedencia do documento.
  • Por traductor/a xurado, debidamente autorizado e inscrito en España.

O modelo de solicitude e calquera outra información complementaria será facilitada nas unidades de atención ó alumnado, nos servicios administrativos dos centros ou no Servicio de Alumnado do Rectorado.

ARTIGO 8. ÓRGANOS COMPETENTES NO PROCEDEMENTO DE ADAPTACIÓNS E VALIDACIÓNS

As resolucións individualizadas das solicitudes correspóndenlles, por delegación rectoral, ós decanos/as ou directores/as de centro, tralo informe favorable da Xunta de Validacións que, á súa vez, deberá solicita-lo informe das áreas implicadas a través do departamento.

No suposto de que as resolución recaídas sexan recorridas en reposición, os centros deberanlle remiti-lo expediente correspondente por vía de urxencia ó rector/a, que resolverá tralo informe da comisión técnica que estime conveniente.

Para os efectos de axilización procedemental, e sen prexuízo da necesidade da resolución expresa, a Comisión de Organización Académica e de Validacións poderá, consonte os antecedentes, establecer táboas de adaptación e validación entre disciplinas de diferentes titulacións, de tal xeito que os alumnos/as poderán formaliza-la matrícula coa presunción de adaptación ou validación das devanditas materias.

Os recoñecementos de validación como libre elección de materias superadas noutras titulacións da Universidade de Vigo, e que se lle desexen imputar á titulación que o estudiante está a seguir, recoñeceranse sen necesidade do informe do centro sempre e cando nos acordos da Xunta de Goberno que aproban as materias de libre elección para cada curso académico non figurase como excluída por ter contidos idénticos ou moi similares ós das disciplinas da titulación para a cal se pretenda imputar; neste caso non procederá a validación.

ARTIGO 9. EFICACIA DAS VALIDACIÓNS OU ADAPTACIÓNS. TAXAS ACADÉMICAS. AMPLIACIÓN DE MATRÍCULA

9.1. Eficacia e taxas

As adaptación e validacións producirán efectos dende que se dicte a resolución que as recoñeza.

Se as adaptacións e validacións reportasen prezos públicos, estes faranse efectivos a resultas das materias adaptadas ou validadas e os efectos comezarán dende que se acredite o pagamento correspondente.

Pola adaptación de estudios non se aboarán prezos, agás no caso de adaptación de estudios procedentes de centros privados ou de centros adscritos. O prezo neste caso será do 25% dos prezos establecidos na tarifa ordinaria para a matrícula da materia pola que se adapta.

Por validación de estudios aboarase sempre o 25% dos prezos establecidos na tarifa ordinaria para a matrícula da materia pola que se valida. No caso de materias sen docencia o 25% que se vai considerar será o correspondente ó prezo da materia con docencia.

9.2. Ampliación de matrícula

Como consecuencia das resolucións de adaptación ou validación, os estudiantes, que teñan formalizada a matrícula, poderán ampliala no prazo de dez días dende a recepción da resolución.

Os que non tivesen formalizada a matrícula, terán o mesmo prazo para facela efectiva.

En ámbolos dous casos non é preciso resolución expresa. (Ver anexo I e II)

ARTIGO 10. TRASLADOS

As resolucións das solicitude de traslado son competencia rectoral e nas presentes normas deléganse nos decanos/as ou directores/as, que actuarán conforme á normativa vixente no ámbito da figura das competencias delegadas e dos recursos ou reclamacións que os interesados/as poidan formular ó abeiro da Lei de procedemento administrativo común das administración públicas.

10.1. Condicións e casos

Para os efectos de evitar inútiles repeticións, a concesión de traslado estará suxeita ó cumprimento das condicións especificadas en cada un dos casos recollidos en 10.1.2.

10.1.1. Condicións

A1) Ter superado o primeiro curso completo dos estudios, no caso de ensinos non renovados, ou sesenta créditos da titulación no caso dos ensinos renovados.

A2) Ter validado o primeiro curso completo dos estudios, no caso de ensinos non renovados, ou sesenta créditos da titulación no caso dos renovados.

C) Non ter esgotadas, nas materias que se cursan na Universidade de Vigo, as convocatorias de permanencia.

D) Segui-lo réxime xeral da adxudicación de prazas establecido na lexislación vixente (pre-inscrición). Esta condición non será de aplicación se na fase final do proceso de adxudicación existisen prazas sobrantes en función das listas de solicitantes. Esta situación terá que ser certificada pola Secretaría Xeral logo do informe do Servicio de Alumnado.

E) Acadar validación de 15 créditos na titulación ou unha disciplina de primeiro curso.

F) Reuni-los requisitos legalmente esixidos para ó acceso á titulación.

10.1.2. Casos

Caso 1. Estudiantes da Universidade de Vigo que solicitan traslado a outra titulación.

Distínguense dous supostos:

  • A nova titulación ten establecido límite de prazas: D,F
  • A nova titulación non ten límite de prazas: F

Non se consideran estudios universitarios distintos, só para estes efectos, as distintas titulacións de Mestre e as de Enxeñería Técnica Industrial e as de Enxeñería Técnica de Telecomunicación. Nestes casos, para efectua-lo traslado dentro destas titulacións, deberán acada-la validación, cando menos, de 60 créditos no caso de Mestre e das de Enxeñería Técnica Industrial, e do primeiro curso no caso das de Enxeñería Técnica de Telecomunicación. Este suposto non se considera situación de simultaneidade de estudios.

Caso 2. Estudiantes procedentes de estudios nacionais cursados noutra universidade que solicitan traslado á Universidade de Vigo na mesma titulación.

Distínguense dous supostos:

  • A titulación ten establecido límite de prazas: A1,B,C
    De non cumprírense as condicións anteriores: C, D
  • A titulación non ten límite de prazas: C

Caso 3. Estudiantes procedentes de estudios nacionais cursados noutra universidade que solicitan traslado á Universidade de Vigo a outra titulación diferente á iniciada.

Distínguense tres supostos:

  • A nova titulación ten establecido límite de prazas: D, F
  • A nova titulación non ten límite de prazas: F
  • Procedentes de enxeñerías que van cursar unha titulación no mesmo ámbito cun primeiro curso común: A2

Caso 4. Estudiantes procedentes de estudios estranxeiros que solicitan ingreso na Universidade de Vigo na mesma titulación.

As solicitudes de matrícula deste colectivo xa de carácter parcial ou inclusive completos pero cando a súa homologación fose denegada polo MECD con indicación expresa da posibilidade da validación parcial ós efectos de continua-los mesmos ensinos españois, decidiranse de acordo cos criterios seguintes:

  • A titulación ten establecido límite de prazas: A2
  • A titulación non ten límite de prazas: E

Caso 5. Estudiantes procedentes de estudios estranxeiros que solicitan ingreso na Universidade de Vigo para outra titulación diferente á iniciada.

Distínguense dous supostos:

  • A nova titulación ten establecido límite de prazas: F, D
  • A nova titulación non ten límite de prazas: F

10.2. Traslados especiais. Estudiantes da Universidade de Vigo que solicitan traslado para a mesma titulación

10.2.1.

Ós estudiantes que acaden por vez primeira, polo procedemento vixente, unha praza en primeiro curso nun centro da Universidade de Vigo no que se imparte un ensino repetido noutro centro doutro campus desta institución, e que durante o mesmo curso académico se vexan obrigados, por causa xustificada, a un cambio de domicilio familiar, se lles poderá admiti-lo cambio de matrícula.

A decisión é competencia rectoral, que poderá solicitar do centro de novo destino os informes pertinentes, co fin de adopta-la resolución que estime procedente.

10.2.2.

Os estudiantes que acadasen praza, en primeiro curso por primeira vez, nun centro con límite de prazas da Universidade de Vigo, poderán, nos cursos académicos seguintes e no prazo establecido para traslados, solicita-la admisión noutro centro do mesmo ensino desta universidade sen máis limitación académica cá de ter superadas dúas disciplinas de primeiro curso.

Aqueles centros que, por esta vía, poidan verse desbordados na súa capacidade elevarán á Xunta de Goberno, antes do 1º de xuño de cada ano, e a través do Vicerrectorado de Organización Académica, o número de admisións que estimen procedentes para o curso seguinte; este cota en ningún caso será inferior ó 5% do número de prazas ofertadas para o acceso ó primeiro curso.

Os criterios de selección serán os seguintes:

  • Terán preferencia os que teñan máis disciplinas, ou maior número de créditos, de primeiro superadas.
  • En igualdade de número de disciplinas ou créditos superados en primeiro, os que reflictan maior cualificación nestas, segundo o criterio do RD 1267/1994.
  • De persisti-la igualdade, terase en conta a nota de acceso á universidade. No caso de concorreren alumnos/as sen selectividade (PAAU), terán preferencia os que a teñan superada.

10.3. Prazos

O prazo para solicita-los traslados de expediente será o comprendido entre o 15 de xullo e o 15 de outubro.

ARTIGO 11. SUPOSTOS ESPECIAIS DE ACCESO Ó SEGUNDO CICLO

O Real decreto 1497/1987 de 27 de novembro, regula os supostos especiais de incorporación ós segundos ciclos esixindo a superación dunha determinada titulación ou primeiro ciclo e, no seu caso, a superación dos complementos de formación que se precisen.

A Xunta de Goberno establece anualmente o límite de prazas para cursa-los segundos ciclos nas titulacións de primeiro e segundo ciclo ou nas titulacións de só segundo ciclo.

O acceso para os colectivos suxeitos ó límite de prazas está sometido ós criterios de priorización que establecen as resolucións rectorais que convocan a matrícula correspondente.

11.1. Casos de acceso

Os casos de acceso ós segundos ciclos dispensados na Universidade de Vigo identifícanse nas presentes normas por medio das letras A ou B seguidas dun número do 1 ó 5 co seguinte significado:

A: Alumnos/as que xa cursan estudios na Universidade de Vigo.

B: Alumnos/as procedentes de estudios nacionais cursados noutra universidade que solicitan traslado a un segundo ciclo na Universidade de Vigo.

1: Alumnos/as que proceden do primeiro ciclo da mesma titulación.

2: Alumnos/as que proceden de titulacións de primeiro ciclo (diplomatura, Enxeñería Técnica) que permiten o acceso directo sen cursar complementos de formación.

3: Alumnos/as que proceden do primeiro ciclo de titulacións de primeiro e segundo ciclo que permiten o acceso directo sen cursar complementos de formación.

4: Alumnos/as que proceden de titulacións de primeiro ciclo (diplomatura, Enxeñería Técnica) que permiten o acceso cursando complementos de formación

5: Alumnos/as que proceden do primeiro ciclo de titulacións de primeiro e segundo ciclo que permiten o acceso cursando complementos de formación.

Os estudiantes correspondentes á codificación A1 non están suxeitos a límite de prazas e poden acceder ó segundo ciclo da titulación que están a seguir, sen prexuízo das normas de permanencia ou das que regulen os requisitos e incompatibilidades entre disciplinas reflectidos nos planos de estudio.

Os estudiantes correspondentes ás codificacións A2, A3, A4 e A5 están suxeitos a límite de prazas.

Para estudiantes procedentes doutras universidades (codificacións B1 a B5) reservarase unha porcentaxe, que especificará a resolución rectoral que convoca a matrícula de cada curso, que non será inferior ó 10% das prazas ofertadas. As prazas reservadas e que non sexan cubertas serán acumuladas ás que se lles ofrecen ós estudiantes da Universidade de Vigo.

Os casos de estudiantes para os que unha titulación de só segundo ciclo non existise na universidade de procedencia, serán tratados en igualdade de condicións cós estudiantes da Universidade de Vigo.

11.2. Complementos de formación

Para titulacións de só segundo ciclo, ou nos supostos de que se accedese a segundos ciclos que non fosen continuación do primeiro ciclo iniciado, computaranse os créditos da titulación ou do ciclo que lles recoñece o acceso e, no seu caso, os complementos de formación.

Os complementos de formación poderanse cursar simultaneamente coas ensinanzas do primeiro ciclo de procedencia, tanto se os referidos complementos están contemplados no plano de estudios correspondente ó dito primeiro ciclo, como se están noutro plano de estudios.

11.2.1. Normas específicas para a validación e/ou adaptación dos complementos de formación

Para a validación dos complementos de formación terase en conta se a materia da que se solicita a validación cumpre os requisitos que establecen as respectivas ordes que implantan os complementos de formación, aínda que non coincidan coas materias que compoñan os complementos que se imparten nesta universidade.

No caso de estudiantes que cursasen os complementos de formación no primeiro ciclo de procedencia como disciplinas contempladas no plano de estudios ou noutro distinto, procederase á adaptación mediante resolución específica.

No suposto de estudiantes que cursasen os complementos de formación no primeiro ciclo de procedencia como disciplinas de libre elección (conforme á oferta de complementos de formación como materias de libre elección que fixese en calquera curso académico a Universidade de Vigo) procederase á adaptación directa sen necesidade de resolución coa xustificación suficiente que acredite tal superación.

11.2.2. Solicitudes de validación de materias/disciplinas do primeiro ciclo de procedencia por materias do segundo ciclo distintas dos complementos de formación

Aqueles estudiantes que accedan ó segundo ciclo de calquera titulación non poderán validar ningunha disciplina do primeiro ciclo de procedencia, agás os complementos de formación, ou as cursadas nunha especialidade distinta da que deu acceso ó estudiante.

Os estudiantes que o prefiran, e de forma previa ó acceso a segundo ciclo, poden acollerse a unha validación global da titulación ou disciplina por disciplina, tendo en conta os criterios xerais acordados polo Consello de Universidades e incorporados no anexo I do RD 1497/1987, modificado por RD 1267/94.

ARTIGO 12. MATRÍCULA

A matrícula dos estudiantes que desexen realizar estudios para obter unha titulación oficial da Universidade de Vigo, deberá formalizarse nos termos das presentes normas e das resolucións rectorais que o desenvolvan.

12.1. Estudiantes de primeiro curso por primeira vez

Os estudiantes que inicien estudios de titulacións estructuradas tanto por créditos como por materias, realizarán matrícula obrigatoriamente de todas as que compoñen o primeiro curso da titulación, non podendo matricularse en cursos superiores.

Exceptúanse:

  • Os que inicien estudios en segundos ciclos.
  • Os que acaden resolución firme de validacións ou adaptacións de materias de primeiro curso, que poderán amplia-la matrícula inicial a partir dese momento e nos prazos establecidos.

Sen prexuízo do Acordo da Xunta de Goberno, do 22 de setembro de 1992, de que os "non presentados" se computarán como renuncia, en aras de conservar e cumprir co disposto no Real decreto-lei, de 16 de xuño de 1976 (BOE do 18, Real decreto-lei 8/76), é necesario que os estudiantes matriculados en primeiro curso por primeira vez, en calquera titulación, salvo as de segundo ciclo, superen entre as convocatorias de febreiro/xuño e setembro polo menos unha disciplina, ou que presenten causa xustificada para a anulación de convocatoria.

No caso de non superar ningunha disciplina poderán iniciar, por unha soa vez, outros estudios seguindo o procedemento xeral establecido; de non superaren neste caso ningunha disciplina entre as convocatorias de febreiro/xuño e setembro, non poderán cursar estudios universitarios na Universidade de Vigo

Os prazos para solicita-la anulación de convocatoria son:

  • materias/disciplinas cuadrimestrais do primeiro cuadrimestre: do 1 de decembro ó 15 de xaneiro
  • convocatoria de xuño: do 15 de abril ó 15 de maio
  • convocatoria de setembro: do 24 de xullo ó 25 de agosto

12.2. Continuación de estudios

Os estudiantes que continúen estudios poderán formalizar, con suxeición ó disposto nas normas que sexan de aplicación, matrícula en calquera materia/disciplina do plano de estudios, agás nos supostos de incompatibilidade ou impedimento. Se o plano de estudios ten establecido un período mínimo de escolaridade, será preciso cubri-lo devandito período para concluí-los estudios.

12.3. Impedimentos de matrícula

  • No suposto de que un plano de estudios requira outra ou outras disciplinas, trala ou simultaneamente á matriculación, estarase suxeito a tal limitación.
  • No suposto de que un plano de estudios requira a superación previa dunha disciplina para matricularse noutra estarase suxeito a tal limitación.
  • Esgotadas nunha disciplina as convocatorias de permanencia recoñecidas nesta universidade, non se poderá formaliza-la matrícula na mesma titulación.

12.4. Sétima convocatoria

É competencia do rector/a, que delega a resolución nos decanos/as ou directores/as dos centros. A convocatoria de "gracia" concédese a tódolos alumnos/as que esgotasen as SEIS convocatorias recoñecidas na normativa vixente, baixo as prescricións seguintes:

a) Solicitude expresa por curso académico. Non caben presuncións tácitas, nin aínda no suposto de presentarse ó exame.

b) Tempo hábil de solicitude:

b1) período de matrícula ordinaria

b2) período de matrícula nos exames extraordinarios de fin de carreira

c) A non comparecencia a exame non consume convocatoria, dado o seu carácter de excepcional.

d) Os decanos/as e directores/as adoptarán os acordos de concesión a tódalas solicitudes, acordo que debe tomarse sempre antes da realización dos exames.

e) Cando un estudiante esgotase a sétima convocatoria, se a volvese solicitar no mesmo curso, non lle será admitida a trámite, comunicándolle a dita inadmisión.

f) Cando un estudiante teña esgotadas tódalas convocatorias poderá solicitar render exame noutra universidade galega en tanto teña vixencia o convenio establecido para este fin e nos termos contemplados nel.

12.5. Disciplinas pendentes (chave)

O alumno/a poderá examinarse da disciplina posterior se está matriculado nela, pero a cualificación so terá validez se ten superada ou supera na mesma convocatoria a primeira disciplina ou materia "chave".

De non supera-la disciplina "chave" nesa convocatoria, a cualificación da posterior ou segunda non terá validez, non computándose ademais a convocatoria utilizada nesta última. Neste caso a cualificación será a de non presentado.

Superada unha disciplina "chave" na convocatoria de decembro, o alumno/a poderá amplia-la matrícula nas materias que dependesen da chave superada.

12.6. Anulación de matrícula

12.6 a O acto de anula-la matrícula comporta dúas consecuencias:

  • Revogación da situación administrativa de matriculación, da que se deriva o efecto de non iniciar ou interrompe-lo cómputo de convocatorias.
  • Devolución dos prezos públicos percibidos.

Para que se produza unha anulación debe existir unha infracción do ordenamento, pero excepcionalmente poderase facer unha anulación con devolución do importe dos prezos públicos.

Neste punto distínguense dous supostos:

  • Non prestación do servicio.
  • Renuncia unilateral por parte do estudiante.

Trala solicitude e debido a circunstancias especiais, pódese concede-la anulación de matrícula. Esta anulación pode ser de dous tipos:

  • Anulación total: aplicable a tódolos estudiantes
  • Anulación parcial: non aplicable a estudiantes de primeiro por primeira vez

Os estudiantes que soliciten inscrición na convocatoria extraordinaria de decembro non poderán solicitar anulación de matrícula das disciplinas nas que se inscribiran nesta convocatoria.

Toda solicitude de anulación total ou parcial de matrícula só pode facerse ata a data que se estableza na resolución reitoral de convocatoria de matrícula de cada ano, agás no suposto de ser admitido noutra universidade.

Calquera solicitude posterior non dará lugar á anulación. Para remediar posibles danos no caso de alumnos/as de primeiro por primeira vez existe a posibilidade de solicitar renuncias ás convocatorias nos prazos indicados en 12.1.

As solicitudes de anulación parcial ou total de matrícula tramitaranse ante o rector/a a través do centro que corresponda.

12.6 b Sen prexuízo do indicado en 12.6 a, os estudiantes matriculados por primeira vez nun plano de estudios no curso 2001-2002 ou posterior, xa fora por ingreso na Universidade de Vigo, cambio de titulación ou de plano de estudios, están suxeitos ós requisitos de matriculación indicados no artigo 5 da normativa de permanencia, nese caso :

  1. Se está matriculado en materias dispensadas en diferentes cursos da titulación, unicamente procederá a anulación en sentido inverso á prelación de matrícula, comezando polas materias dispensadas no curso de maior rango e así sucesivamente ata o de menor rango.
  2. A anulación de matrícula desconta unha unidade no cómputo de número de matrículas formalizadas na materia a efecto do cálculo dos coeficientes multiplicadores sinalados no artigo 5.2 da normativa de permanencia.

12.7. Modificación de matrícula

As resolucións de solicitudes de modificación de matrícula (troco e/ou ampliación de matrícula nas materias/disciplinas troncais, obrigatorias e optativas) deléganse nos decanos/as e directores/as dos centros que as resolverán, así como tódalas incidencias que se deriven delas, agás nas disciplinas das que estivesen inscritos na convocatoria de decembro, que non son susceptibles de troco.

ARTIGO 13.- CONVOCATORIAS DE EXAMES, ACTAS E TRIBUNAIS.

13.1. Convocatorias

Será de aplicación o establecido no artigo 206, puntos 2, 3 e 4, así como a disposición transitoria 11 dos Estatutos da Universidade de Vigo.

En cada curso académico a matrícula nunha disciplina dá dereito a dúas convocatorias de exame, agás na convocatoria de fin de carreira, que só dá dereito a unha convocatoria. A estes efectos, a non comparecencia ó exame dos inscritos na convocatoria extraordinaria de Decembro permite a utilización das restantes convocatorias do curso académico.

As convocatorias de exame entenderanse consumidas no suposto de que o alumno/a realice os exames oficiais ós que é convocado, entendéndose non consumidas no caso de non concorrer a estes.

Os acordos da Xunta de Goberno polos que se fixen os calendarios escolares de cada curso haberán de establece-los períodos de exame.

13.2. Cualificacións

A avaliación dos estudiantes será reflectida nas follas de cualificación (actas) mediante o outorgamento dunha nota cualitativa coas seguintes claves:

S=suspenso; A=aprobado; N=notable; SB=sobresaliente; H=matrícula de honra; P=non presentado.

As matrículas de honra poderanse conceder ós alumnos/as que acaden cualificación de sobresaliente, outorgándose como máximo unha por cada vinte estudiantes matriculados ou fracción de vinte.

Nas actas de cualificación tamén se poderán recoller determinadas mencións, tales como:

  • Non presentado, cando concorra o previsto no punto 12.5, parágrafo 2.
  • As mencións "non presentado" e "renuncia" valoraranse como suspenso, de se requiri-la súa valoración.

13.3. Actas de exame e tribunais

  • Para cada disciplina e por cada unha das convocatorias de exame elaborarase unha acta na que figuren tódolos alumnos/as matriculados.
    No suposto de disciplinas que dependan dunha disciplina “chave”, para os estudiantes que non tivesen superada esta última, o documento anterior considérase como preacta en tanto non consten as cualificacións acadadas na disciplina chave.
  • A Secretaría Xeral adoptará as medidas que garantan a autenticidade e conservación das actas.
  • As actas serán asinadas en tódalas follas de que consten polo profesor/a ou profesores/as que, consonte ó plano de organización docente, teñan a responsabilidade expresa da docencia da disciplina de que se trate. A derradeira folla recollerá coa sinatura dos profesores/as candansúa identidade. No caso de incidencias que impedisen a sinatura do/s profesor/es será asinada polo director/a do departamento correspondente. As actas serán tamén asinadas e seladas polo secretario/a do centro na derradeira folla de cada grupo de actas separadas por convocatorias.
  • As actas non deberán ter raspaduras nin riscaduras. Calquera emenda posterior salvarase cunha dilixencia de reparación de erros conforme o texto: "Dilixencia para facer constar que a cualificación outorgada ó alumno/a D/a.................................. con DNI: .............. na presente acta, é corrixida pola de ..........., que é a válida" figurando por debaixo a data, sinatura e antesinatura do profesor/a ou profesores/as que corresponda.
  • As actas poderán ser modificadas en calquera caso, sen necesidade de instruír procedemento ningún e coa súa comparecencia, nos servicios administrativos dos centros, polos profesores/as asinantes no prazo de tres meses a partir da data na que remate o prazo de entrega de actas. Transcorrido este prazo a modificación deberá axustarse ó procedemento que estableza a Secretaría Xeral.
  • As actas de exame (follas de cualificación) serán entregadas inescusablemente dentro dos dez días naturais seguintes á finalización do período de exames mediante entrega na Secretaría do Centro, adoptándose por esta dependencia o sistema de entrega e recollida de forma fidedigna.
  • A conservación e custodia de actas farase do xeito seguinte:
    1. Depósito para xestión e conservación nas oficinas de xestión de alumnos/as do centro correspondente.
    2. A custodia, por autorización da Secretaría Xeral, corresponde ó xefe/a de administración, xefe/a de negociado (ou similar) de cada centro, non permitíndose, baixo ningún concepto, a saída do documento do local no que se atope custodiado.
  • Os exames que deberán ser cualificados por tribunal son os correspondentes ás convocatorias seguintes:
    1. quinta
    2. sexta
    3. sétima
    4. fin de carreira

Os tribunais, titulares e suplentes, das convocatorias mencionadas serán designados pola Xunta de Facultade ou Escola entre profesores numerarios da área/s de coñecemento correspondente/s, ou no seu defecto de áreas afíns, oído o Consello de Departamento.

Os tribunais estarán integrados por tres membros, actuando un dos seus membros de Presidente e outro de Secretario.

O tribunal será designado ao comezo do curso e actuará durante todo o curso académico.

13.4. Acreditacións. Certificacións

As acreditacións expediranse sempre no modelo oficial propio da Universidade de Vigo.

As certificacións académicas persoais e as que se dirixan a outras unidades da Universidade de Vigo, serán emitidas polos Administradores de Centro e asinadas por delegación polos Xefes ou responsables administrativos das unidades de alumnado dos centros.

As certificacións académicas oficiais que surtan efecto noutras universidades, serán emitidas polo Decano/a e Director/a que poderá delega-la sinatura no Vicedecano/a e Subdirector/a ou Secretario/a.

No seu contido incluirase o curso, a denominación das disciplinas, créditos, tipo, universidade de procedencia, número de convocatorias consumidas, notas cualitativas nas diferentes convocatorias e ano académico correspondente. A semellanza do disposto no anexo I (un.1) do Real decreto 1267/94, do 10 de xuño, expedirase a petición do interesado/a unha certificación anexa de tódalas cualificacións que consten no documento oficial da universidade de procedencia, segundo o anexo I e o anexo II desta normativa.

ARTIGO 14. SIMULTANEIDADE DE ESTUDIOS

Os estudiantes da Universidade de Vigo, poderán simultanea-los estudios de dúas titulacións das que se imparten nesta universidade, se teñen superados como mínimo os créditos dos que están obrigados a formalizar matrícula no primeiro curso. A acreditación de te-lo número de créditos superado será condición suficiente para poder simultanear estudios. O prazo de solicitude será o mesmo có prazo de matrícula, farase no centro da segunda titulación e será resolta polo rector/a.

Non se poderán simultanear estudios cando as dúas titulacións estean sometidas a límite de prazas no curso académico que se solicite; agás que rematado o proceso de ingreso resulten vacantes na segunda titulación.

No caso de simultaneidade entre universidades distintas aplicarase o disposto na regulamentación xeral do MECD (OM do 28/09/1984, BOE do 9 de outubro).

Non se poderá conceder a admisión de alumnos doutras universidades que desexen simultanear estudos cando a titulación estea sometida a límite de prazas no curso académico que se solicite; agás que rematado o proceso de ingreso resulten vacantes na titulación.

ARTIGO 15. FINAL

As presentes normas anulan calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se lle opoña e entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación pola Xunta de Goberno.

 

DILIXENCIA para facer constar Que as presentes Normas de Xestión Académica foron aprobadas na Xunta de Goberno do día 28-05-01

Vigo, 29 de maio de 2001

A Secretaria Xeral

 

Margarita Estévez Toranzo

 

* Modificado o Artigo 12.6 na X.G. do 21-03-2002
* Modificados os Artigos 13.1 e 13.4 no Consello de Goberno de 22-07-2003
* Modificado o Artigo 10.1.2 Caso 1 no Consello de Goberno de 21-07-2004
* Modificado o Artigo 12.7 na sesión de Consello de Goberno de data 22-09-06

*Modificado o artigo 13.3 na sesión de Consello de Goberno de data 21-12-2010

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal