Normativa

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO CLAUSTRO UNIVERSITARIO:

Capítulo I. Normas xerais

Artigo 1

  1. O Claustro universitario é o máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria.
  2. O Claustro da universidade de Vigo estará composto por douscentos cicuenta e catro (254) membros:
    • O reitor/a, que o presidirá, o secretario/a xeral e o/a xerente.
    • 128 representantes do profesorado numerario doutor (51 %)
    • 23 representantes do restante persoal docente e investigador (9 %)
    • 75 representantes do alumnado (30 %)
    • 25 representantes do persoal de administración e servizos (10 %)
  3. O secretario/a xeral da Universidade actuará como secretario/a do Claustro. Os vicerreitores/as que non sexan membros do Claustro poderán asistir ás sesións con voz pero sen voto. Tamén poderá asistir ás sesións, con voz pero sen voto, o presidente/a do Tribunal de Garantías.

Artigo 2

  1. O Claustro universitario traballará en pleno e en comisións estables ou para asuntos específicos.
  2. O Claustro universitario reunirase durante o período lectivo, polo menos, dúas veces ao ano en sesión ordinaria.

Artigo 3

  1. As decisións do Claustro adoptarán a forma de acordos en materias da súa competencia. Nos restantes casos adoptarán a forma de mocións ou propostas, que non vinculan a ningún órgano de goberno unipersoal ou colexiado no exercicio das súas competencias.
  2. Os acordos do Claustro, no ámbito das súas competencias, esgotan a vía administrativa e só son directamente recorribles ante os tribunais de xustiza.
  3. A normativa estatal básica sobre o procedemento administrativo común, en materia de funcionamento dos órganos colexiados, será supletoria en todos os aspectos non establecidos nos Estatutos da Universidade de Vigo nin neste regulamento.

Artigo 4

  1. Os membros do Claustro serán elixidos por catro anos, excepto os representantes do alumnado que o serán por dous anos. A convocatoria de eleccións faina o reitor/a, despois da reunión da Mesa do Claustro, e procurará que transcorra o menor tempo posible dende a inauguración do curso académico. A Comisión Electoral, á que se fai referencia no artigo 29 deste regulamento, elaborará o calendario, o censo e o procedemento electoral.
  2. Son electores/as todas as persoas que figuren no censo electoral de cada circunscrición.
  3. Cada centro da Universidade de Vigo constituirá unha circunscrición electoral para os sectores de profesorado funcionario doutor e alumnado. A Comisión Electoral distribuirá os membros que deban ser elixidos entre os diferentes centros de forma proporcional ao número de membros do sector correspondente, e garantirá un mínimo por centro.
  4. O Claustro universitario, con antelación á convocatoria de eleccións, decidirá verbo dos agrupamentos de centros co fin de constituír as circunscricións electorais para o sector doutro persoal docente e investigador, de xeito que se garanta unha adecuada correspondencia entre o número de membros do sector nas circunscricións e o número de representantes no Claustro.
  5. No caso do persoal de administración e servizos constituirase unha circunscrición electoral única, con independencia do lugar en que teñan o seu destino.
  6. Ningunha persoa poderá ter a condición de elector/a en dous ou máis sectores de representación distintos, nin dentro dun sector en dúas ou máis circunscricións electorais.
  7. Exceptúanse da elección de representantes ao Claustro universitario os centros adscritos á Universidade.
  8. Son elixibles, en cada sector e circunscrición electoral, as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
    1. Que a súa candidatura fora presentada conforme ao disposto neste regulamento e de acordo co procedemento electoral establecido pola Comisión Electoral.
    2. Que a súa candidatura sexa proclamada pola Comisión Electoral mediante resolución definitiva.

Artigo 5

  1. O censo electoral de cada sector e circunscrición estará exposto no taboleiro electoral do centro respectivo.
  2. A Comisión Electoral establecerá para cada censo o prazo de reclamacións sobre admisións ou exclusións, que non poderá ser inferior a cinco días hábiles a partir da data da súa publicación.
  3. As reclamacións formularanse perante a Comisión Electoral, mediante escrito razoado dirixido á presidencia e entregado no rexistro xeral da Universidade ou no rexistro da secretaría de cada centro.
  4. As resolucións da Comisión Electoral sobre as reclamacións ao censo seranlles notificadas directamente ás persoas interesadas, e en contra delas non caberá a súa revisión.
  5. Os censos electorais definitivos faranse públicos, inmediatamente despois do remate do período de reclamacións, cando menos, con dez días hábiles antes da data das eleccións.

Artigo 6

  1. A emisión de voto será directa e secreta.
  2. O dereito de sufraxio é persoal e intransferible.
  3. Non se admitirá, en ningún caso, nin a delegación de voto, nin o voto anticipado, nin o voto por correo.
  4. Cada elector/a só poderá dar o seu voto como máximo a un número de candidatos/as equivalente ao setenta por cen, ou porcentaxe máis próxima do número que corresponda a cada sector ou circunscrición electoral.
  5. Obterán a proclamación os candidatos/as que maior número de votos obteñan, ata completar o número de representantes asignados a cada sector e circunscrición electoral.
  6. No caso de que dous ou máis candidatos/as obteñan un mesmo número de votos darase preferencia para a proclamación ao de maior antigüidade na Universidade de Vigo, e computarase para estes efectos os anos de servizo prestados na Universidade de Santiago de Compostela antes da segregación, nalgún dos campus da Universidade de Vigo. No caso de igualdade será proclamada a persoa de maior idade.
  7. Os candidatos/as restantes quedarán como suplentes para cubrir futuras baixas dos candidatos/as electos. A Comisión Electoral será a depositaria desta relación.

Artigo 7

  1. Todos os claustrais teñen o dereito e o deber de asistencia ás sesións do Claustro.
  2. A condición de claustral é persoal e indelegable.
  3. Perderase a condición de claustral por finalización legal do período para o que foi elixido, por dimisión, por perda da condición de elixibilidade ou por causa legal sobrevida. A condición de elixibilidade entenderase en todo caso ligada á pertenza ao sector polo que foi elixido o membro do Claustro, e non á circunscrición electoral concreta dentro da que se presentou a elección.
    O claustral que estea en situación de comisión de servizos, servizos especiais, excedencias por coidado de familiares e permisos ou licenzas, será substituído temporalmente polo primeiro suplente, unha vez transcurrido un ano nesa situación. Recuperará a condición de claustral no momento da súa reincorporación e perderá a devandita condición o seu substituto/a.

Artigo 8

A Mesa do Claustro comunicaralles a perda da condición de claustral á Comisión Electoral e ao interesado, agás no caso de disolución do Claustro, co fin de que esta proceda á súa substitución de acordo co procedemento establecido neste regulamento para a elección de membros do Claustro da Universidade de Vigo.

Capítulo II. Do funcionamento do Claustro

Sección 1.ª: da Mesa do Claustro

Artigo 9

  1. A Mesa do Claustro é o órgano director, coordinador e moderador do Claustro.
  2. A Mesa estará composta polos seguintes membros:
    • O presidente/a, que será o reitor/a da Universidade.
    • O secretario/a, que será o secretario/a xeral da Universidade, con voz pero sen voto.
    • 2 representantes do persoal docente funcionario doutor.
    • 2 representantes doutro persoal docente e investigador.
    • 2 representantes do alumnado.
    • 2 representantes do persoal de administración e servizos.

Artigo 10

O proceso de votación será o seguinte:

  1. Cada claustral votará un máximo dun candidato/a da lista do seu sector.
  2. Cada candidato/a levará un suplente, que o substituirá no caso de perda da súa condición de membro da Mesa.
  3. Serán elixidos os candidatos/as con máis votos de cada lista ata o número de postos que se deben cubrir. No caso de empate dentro dunha mesma lista, daráselle preferencia á persoa de máis antigüidade na Universidade de Vigo no sector correspondente. No caso de igualdade será proclamado o de maior idade.
  4. No caso de perda da condición de claustral por parte dun membro elixido da Mesa ou da dimisión da súa calidade de membro desta, así como do seu suplente, cubrirase a vacante mediante nova elección no sector correspondente, seguindo o procedemento sinalado neste regulamento.
  5. A Mesa elixirá entre os seus membros un vicepresidente/a, en quen o reitor/a poderá delegar as súas funcións para que exerza a presidencia do Claustro e da Mesa.

Artigo 11

A Mesa terá por funcións:

  1. Elaborar a orde do día das sesións.
  2. Ordenar e moderar o desenvolvemento dos debates.
  3. Recibir as propostas e cuestións de orde.
  4. Decidir sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día.
  5. Interpretar o presente regulamento, en caso de dúbida ou de lagoa no marco das normas legais e regulamentarias sobre o Claustro universitario, así como do resto do ordenamento xurídico que sexa de aplicación.

Artigo 12

  1. Para a súa constitución e funcionamento a Mesa sométese á normativa estatal básica sobre o procedemento administrativo común en materia de actuacións dos órganos colexiados en todos os aspectos non dispostos neste regulamento.
  2. Para a adopción de acordos será necesaria a maioría simple, agás no disposto especificamente neste regulamento. No caso de empate, o presidente/a decidirá co seu voto de calidade.

 

Sección 2.ª: da convocatoria e funcionamento do Claustro

Artigo 13

  1. A convocatoria do Claustro correspóndelle ao reitor/a, que deberá tamén convocar o Claustro por proposta do Consello de Goberno. O reitor/a deberá, así mesmo, convocar o Claustro cando lle sexa solicitado, polo menos, por un vinte por cento dos seus membros. Neste caso, os solicitantes deberán indicar tamén o punto ou puntos que desexen tratar na sesión.
  2. Na orde do día deberanse incluír os puntos que sexan solicitados pola maioría dos membros da Mesa, e os puntos que previamente soliciten por escrito o dez por cento dos membros do Claustro.
  3. Para que a convocatoria produza efecto deberase poñer en coñecemento de todos os seus membros mediante notificación, en que se fará constar a orde do día, e asemade, día, hora e lugar da reunión. A entrega de notificacións efectuarase no lugar onde cada quen desenvolva o seu traballo, e, no caso do alumnado, nos locais asignados para os seus representantes nos distintos centros e, durante os períodos que non haxa docencia, nos seus domicilios particulares por correo certificado.
  4. As notificacións, xunto coa documentación necesaria para o desenvolvemento da sesión, serán entregadas polo menos con catro días hábiles de anticipación, excepto no caso de convocatoria extraordinaria que será de dous días, ou de convocatoria urxente que será de 48 horas. A documentación farase chegar a todos os claustrais.
  5. O Claustro universitario tense que reunir en días administrativamente hábiles dentro do período lectivo.
  6. As actas do Claustro universitario e das súas comisións seranlle expostas á comunidade universitaria nos medios de difusión electrónicos da Universidade.

Artigo 14

As sesións do Claustro serán públicas. Habilitaranse prazas perfectamente delimitadas e separadas, tanto para os medios de comunicación debidamente acreditados como para o público, segundo a capacidade do local.

Artigo 15

  1. O Claustro da Universidade constitúese validamente en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros e en segunda convocatoria, media hora máis tarde, cando asistan, polo menos, un terzo dos seus membros, excepto nos casos en que os Estatutos da Universidade ou o presente regulamento requiran a existencia de quórum cualificado. De non conseguir o quórum sinalado na segunda convocatoria, convocarase unha nova sesión que deberá celebrarse nun prazo máximo de 30 días hábiles.
  2. A asistencia ao Claustro xustificarase pola sinatura das listas de quórum habilitadas polo secretario/a do Claustro para tal efecto, contrastándoas a Mesa co número dos presentes no local da sesión.
  3. Todo membro do Claustro estará obrigado a se identificar cando sexa requirido para tal fin pola Mesa, que asumirá a responsabilidade de calquera fraude ao respecto.

Artigo 16

  1. A presidencia dirixe e regula o desenvolvemento dos debates e vela polo mantemento da orde na sesión. De acordo coa Mesa, poderá fixar un tempo de debate para cada tema e, en función dos pedimentos de palabra, determinar a duración de cada intervención. As intervencións dos claustrais ordenaranse por orde alfabética a partir da letra establecida por sorteo, feito pola Mesa na apertura de cada sesión, e que fará pública neste momento.
  2. A Mesa poderá fixar coa orde do día a duración máxima de cada xornada.
  3. No caso de que, tras o pedimento dun claustral, a maioría simple da Mesa ou dos membros do Claustro presentes considerase que un tema non queda suficientemente debatido, a Mesa fixará un novo prazo de debate que se desenvolverá de acordo co establecido no punto primeiro.
  4. Os membros do Claustro terán dereito ao uso da palabra sobre todas as cuestións que encaixen cos contidos de calquera dos puntos da orde do día.
  5.  
    • Ningún membro do Claustro poderá facer uso da palabra se non o solicita e obtén permiso da Mesa.
    • Non se poderá interromper a ningún membro do Claustro cando fale, agás a presidencia, e para os efectos de advertirlle que esgotou o tempo de que dispoñía, para chamalo á cuestión ou á orde e, de ser o caso, para retirarlle o uso da palabra.
    • Os membros do Claustro poderán ser chamados á orde cando con interrupcións, ou de calquera outro xeito, alteren a orde das sesións, ou cando pretendan seguir facendo uso da palabra unha vez que lles fose retirada.
    • En calquera momento do debate un membro do Claustro poderá pedirlle á presidencia a observanción do Regulamento, e citará expresamente o artigo ou artigos para os que reclame a súa aplicación.
    • De non estar determinado o tempo total de duración do debate, segundo o disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, ningunha intervención dun claustral poderá ter limitación de tempo inferior a cinco minutos, e de tres na quenda de réplica.
  6. As alusións autorizaranse só para que o membro do Claustro ao que se refiren, segundo xuízo da Mesa, poida contestar no prazo de tempo concedido e sen entrar nunca no fondo da cuestión debatida.
  7. A Mesa poderá interromper a sesión durante un período determinado de tempo para facilitar os acordos. Así mesmo, e no suposto de que un pleno transcorra durante a mañá e a tarde dun mesmo día, a Mesa poderá dispoñer a interrupción da sesión e fixará a hora en que debe continuarse dentro do prazo máximo dos tres días hábiles seguintes.

Artigo 17

  1. Agás o considerado expresamente neste regulamento para determinados asuntos, os acordos adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha determinada proposta cando se vote entre dúas. No caso de que a votación se realice entre máis de dúas, procederase a unha segunda votación entre as dúas propostas máis votadas.
  2. As votacións no Claustro poderán ser por asentimento a proposta da Mesa, a man alzada ou secretas. En todo caso serán secretas cando afecten a persoas concretas ou cando o soliciten, polo menos, 10 claustrais. As votacións realizaranse a continuación dos correspondentes debates. No caso de que a natureza dos asuntos o requira, a Mesa abrirá un prazo de presentación de propostas, finalizado este procederase á votación.
  3. Calquera membro do Claustro poderá presentar ante a Mesa mocións, de palabra ou por escrito, avaladas en ambos os dous casos polo menos por 10 claustrais, que serán debatidas nas sesións, sempre que se refiran a puntos da orde do día. As mocións por escrito serán lidas por unha das persoas solicitantes, e na súa ausencia, polo secretario/a do Claustro.

Artigo 18

Non se admitirá nin a delegación de voto, nin o voto anticipado, nin o voto por correo, excepto o establecido expresamente nos Estatutos da Universidade ou no presente regulamento.

Artigo 19

Serán nulos os acordos adoptados sobre asuntos que non figuren incluídos na orde do día, sen prexuízo do disposto no artigo 26.3 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20

O secretario/ao Claustro confeccionará a acta da sesión que será depositada na Secretaría Xeral da Universidade, e copia dela nos medios de difusión electrónicos da Universidade, con sete días hábiles de antelación á sesión en que debe ser aprobada, co fin de que calquera claustral poida consultala. As obxeccións á acta deben presentarse na Secretaría Xeral ou nas secretarías dos centros da Universidade, cun mínimo de antelación de 24 horas ao inicio da sesión. No caso de non presentarse obxeccións á acta, considerarase aprobada polo Claustro.

Artigo 21

  1. Un terzo do Claustro poderá propor a convocatoria de eleccións a reitor/a. A presentación da proposta provocará a convocatoria do Claustro universitario no prazo máximo de dez días.
  2. A proposta será discutida en sesión plenaria, na que intervirá en primeiro lugar un representante dos propoñentes que explicará os motivos da proposta. Intervirá a continuación o reitor/a, tras o que se abrirá unha quenda de palabras para todos os membros do Claustro, que se pechará cunha segunda intervención dos representantes dos propoñentes e do reitor/a.
  3. Despois do debate, a proposta será votada, e entenderase aprobada se obtén o voto favorable de dous terzos da totalidade dos compoñentes do Claustro. A aprobación da proposta suporá a inmediata convocatoria de eleccións a reitor/a e a Claustro Universitario no prazo de trinta días, e deberán ser celebradas as devanditas eleccións na mesma data.
  4. Se a proposta non prosperase, ningún dos seus asinantes poderá subscribir unha nova petición deste tipo ata que pase un ano.
  5. Durante a tramitación, debate e votación destas propostas, o Claustro será presidido polo membro da Mesa que determine o Regulamento.

 

Capítulo III.Da elección dos representantes do Claustro nos órganos establecidos nos Estatutos da Universidade de Vigo

Sección 1.ª: da elección de representantes no Consello de Goberno 

Artigo 22

O Claustro elixirá os seguintes membros do Consello de Goberno:

  • Vinte membros, dos que dez serán membros do persoal docente e investigador, oito deles funcionarios doutores dos corpos universitarios, oito estudantes e dous membros do persoal de administración e servizos.
  • Quince membros entre decanos de facultade e directores de centro, directores de departamento e directores de instituto universitario de investigación.

Os membros do Consello de Goberno aos que se refire o apartado a) serán elixidos polo Claustro dentro do sector correspondente. No conxunto de representantes no apartado a) garantirase, na medida do posible, a presenza de todos os campus e ámbitos de coñecemento. Os do apartado b) serán elixidos por todo o Claustro, e garantirase, na medida do posible, a representación de todos os campus e ámbitos de coñecemento.

Os membros do Consello de Goberno, aos que se refiren os apartados a) e b) serán elixidos para un período de 4 anos, agás os estudantes que o serán por dous.

Artigo 23

  1. O proceso de votación será o seguinte:
    1. A emisión de voto será directa e secreta. O dereito de sufraxio é persoal e intransferible. Non se admitirá a delegación de voto, nin o voto anticipado, nin o voto por correo.
    2. Cada votante só poderá dar o seu voto como máximo a un número de candidatos/as equivalente ao 70 % ou porcentaxe máis próxima dos que deben ser elixidos.
  2. Serán elixidas as persoas máis votadas de cada lista ata o número de postos que se deben cubrir. Os casos de empate dentro dunha mesma lista, resolveranse de acordo co establecido no artigo 10.3 deste regulamento. No caso de que se produzan vacantes, cubriranse mediante nova elección.

 

Sección 2.ª: da comunidade universitaria. Da elección dos membros do Tribunal de Garantías

Artigo 24

De acordo co artigo 143 dos Estatutos da Universidade de Vigo, o Tribunal de Garantías é o comisionado do Claustro universitario para a defensa dos dereitos dos membros da comunidade universitaria.

Artigo 25

As funcións do Tribunal de Garantías son as recollidas no capítulo II do título V dos Estatutos da Universidade de Vigo. Terá a súa sede na Reitoría e disporá dos medios materiais que precise para o seu funcionamento.

Artigo 26

  1. O Tribunal de Garantías é elixido entre todos os membros da comunidade universitaria e componse de nove membros:
    • O defensor/a universitario que o preside, elixido polo conxunto dos claustrais.
    • Dous membros elixidos polos representantes do profesorado funcionario doutor.
    • Dous membros elixidos polos representantes do resto do persoal docente e investigador.
    • Dous membros elixidos polos representantes do alumnado.
    • Dous membros elixidos polos representantes do persoal de administración e servizos.
  2. Todos os membros serán elixidos por unha maioría de 2/3 dos presentes do sector correspondente, no caso do defensor/a universitario a maioría de 2/3 precisarase entre os claustrais asistentes á sesión.
  3. Todos os seus membros serán elixidos polo Claustro por catro anos, agás os representantes do alumnado, que serán por dous.
  4. No caso de que se produzan vacantes, cubriranse mediante unha nova elección de acordo co establecido neste regulamento.
  5. A condición de membro do Tribunal de Garantías é incompatible coa de cargo unipersoal.

 

Sección 3.ª: da elección de representantes na Comisión de Reclamacións 

Artigo 27

  1. Co fin de resolver as reclamacións orixinadas no proceso de selección de profesorado funcionario, a Universidade contará cunha Comisión de Reclamacións, segundo o disposto no artigo 66.2 da Lei orgánica de universidades e no artigo 78 dos Estatutos da Universidade de Vigo, que estará composta por:

    O reitor/a que a preside.
    Seis profesores/as da Universidade, con ampla experiencia docente e investigadora, pertencentes ao corpo de catedráticos da Universidade de diversas áreas de coñecemento, que representen, na medida do posible, todos os ámbitos científicos. Estes serán elixidos polo Claustro por un período de catro anos. No caso de que se produzan vacantes, cubriranse mediante nova elección.
  2. Esta comisión valorará as reclamacións presentadas contra as propostas efectuadas polas comisións dos concursos de acceso, e ratificará ou non a proposta obxecto de reclamación no prazo máximo de tres meses.

 

Sección 4.ª: da elección de representantes na Comisión Electoral

Artigo 28

Á Comisión Electoral correspóndelle regular as eleccións dos membros do claustro e do reitor/a, e é o órgano competente para coñecer e resolver todos os problemas e dúbidas que se poidan presentar nestas e demais eleccións consideradas nos Estatutos da Universidade.

Artigo 29

  1. A Comisión Electoral estará composta por:
    • Un dos vicerreitores/as nomeado polo reitor/a.
    • O secretario/a xeral da Universidade, para os efectos de fedatario con voz e sen voto.
    • 12 membros elixidos polo Claustro, dos que 3 serán do persoal docente funcionario doutor, 3 doutro persoal docente e investigador, 3 do alumnado e 3 membros do persoal de administración e servizos.
  2. Os membros da Comisión Electoral serán elixidos polos claustrais do respectivo sector por un período de catro anos, agás os estudantes que o serán por dous.

Artigo 30

  1. O proceso de votación será o seguinte:
    • O profesorado funcionario doutor votará un máximo de 2 candidatos/as da correspondente lista.
    • O outro persoal docente e investigador votará un máximo de 2 candidatos/as da correspondente lista.
    • O alumnado votará un máximo de 2 candidatos/as dos incluídos na lista do sector.
    • Os membros do persoal de administración e servizos votarán un máximo de 2 da correspondente lista.
  2. Cada candidato/a levará un suplente que o substituirá no caso de perda da súa condición de membro desta comisión.
  3. Os candidatos/as serán elixidos de acordo co procedemento establecido no artigo 10 deste regulamento.
  4. No caso de producirse vacante dalgún membro, así como do seu suplente, cubrirase mediante nova elección de acordo co procedemento establecido no artigo 10.4 do presente regulamento.

 

Capítulo IV. Da reforma do Regulamento de réxime interno do Claustro e dos Estatutos 

Artigo 31

  1. A iniciativa para a reforma do Regulamento de réxime interno correspóndelle ao 20 % dos membros do Claustro.
  2. A iniciativa para a reforma dos Estatutos da Universidade, segundo o establecido no artigo 166 dos estatutos, corresponderalles a:
    • O Consello de Goberno
    • Un 25 %, polo menos, dos claustrais
  3. A sesión do claustro na que se trate a reforma do Regulamento de réxime interno ou a reforma dos Estatutos, deberá observar o procedemento de convocatoria e publicidade disposto no artigo 13 do presente regulamento.
  4. En todos os demais aspectos para reformar o Regulamento seguirase o mesmo procedemento que o establecido no artigo 166 dos Estatutos para a reforma destes.
  5. O novo texto seralles remitido a todos os membros do Claustro.

 

Disposición adicional primeira 

  1. Despois da elección da totalidade dos membros do Claustro, na primeira sesión do pleno, constituirase unha mesa provisional de idade, da que formarán parte o reitor/a, o secretario/a xeral (que actuará con voz pero sen voto) e dous representantes por cada un dos sectores do Claustro.
  2. Esta mesa de idade encargarase de moderar a sesión e elixir nela a Mesa do Claustro.

 

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor a partir do momento da súa aprobación polo Claustro.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal