Regulamento de Patentes

FUNDAMENTOS

A regulación da titularidade, distribución de beneficios, así como as diversas situacións que se poidan presentar coas invencións creadas polos profesores e investigadores da Universidade, como consecuencia da súa actividade investigadora na mesma, debe ser efectuada por cada Universidade, segundo se prevé no artigo 20 da Lei de Patentes 11/1986 de 20 de marzo (BOE do 26 de marzo de 1986).


Os artigos 228 a 233 dos Estatutos Provisionais da Universidade de Vigo, desenvolvendo o artigo 11 da Lei Orgánica de Reforma Universitaria, regulamentan a realización de traballos de investigación contratados con entes públicos ou privados, así como os aspectos económicos derivados da súa realización. Máis concretamente o artigo 233 está referido a creacións de propiedade industrial e prevé a elaboración do presente Regulamento.

ARTIGOS

1º) Corresponde á Universidade de Vigo a titularidade das creacións de propiedade industrial e intelectual realizadas polos seus profesores e investigadores como consecuencia da súa función investigadora dentro da mesma, e que pertenzan ó ámbito da súa función docente e investigadora, sen prexuízo do establecido no artigo 11 da LRU.

2º)

2.1. Os profesores ou investigadores deberán notificar, antes de publicar, calquera resultado susceptible de ser patentado á Oficina de I+D (OTRI) da Universidade de Vigo, quen iniciará a súa avaliación e estudo, emitindo un informe do mesmo no prazo de 30 días.
2.2. O Reitor da Universidade a través da Comisión de Investigación ou dos asesores que estime oportuno, á vista do informe da Oficina de I+D, e nun prazo de 30 días, comunicará á Oficina se a Universidade está ou non interesada en solicitar a patente.
2.3. En casos excepcionais ou de urxente necesidade, poderá ser solicitada a patente e unha vez depositada, seguirase o procedemento anterior para decidir a súa continuidade.

3º) Se a Universidade está interesada na invención, deberá facerse cargo dos gastos de mantemento ao longo da vida da patente.

4º) Os inventores terán dereito, en todo caso, a seren mencionados como tales na solicitude.

5º) Os beneficios obtidos pola Universidade da explotación, licenza ou cesión da patente, distribuiranse, ao final do correspondente exercicio, da seguinte maneira:

50% para os inventores
25% para o Departamento ao que pertenzan os inventores
25% para a Universidade (a repartir: 10% para a OTRI e 15% para os servizos centrais de investigación).

6º) De non estar interesada a Universidade na solicitude da patente, os investigadores terán dereito á titularidade da mesma. Neste caso, a Universidade resérvase o dereito a unha licenza de explotación non exclusiva, intransferible e gratuíta. Dos beneficios obtidos polos inventores da explotación ou cesión da patente, a Universidade terá dereito a un 40% (20% para o Departamento, 10% para a OTRI e 10% para os servizos centrais de investigación).

7º) O Departamento poderá facerse cargo dos gastos de mantemento da patente. Os beneficios líquidos obtidos pola explotación da invención serán repartidos do mesmo xeito que no artigo 5.

8º) En todos os contratos realizados polos profesores con Entes públicos ou privados, determinarase a quen pertencen as patentes que poidan xurdir como consecuencia dos mesmos, presumíndose que pertencen á Universidade se isto non se prevé de forma explícita no contrato. Outras estipulacións que deberán aparecer no contrato deberán contemplar:

A quen corresponde a titularidade da invención e quen se vai facer cargo dos gastos de mantemento, e solicitude dado o caso. Os inventores terán dereito a figurar como tales en tódolos casos.
En tódolos contratos estableceranse as regalías que deberá satisfacer a Empresa á Universidade.
Os beneficios que obterá a Universidade en concepto de beneficios derivados da explotación da invención, cando a Empresa sexa a titular.
A salvagarda dos dereitos da Universidade en caso de que a Empresa subcontrate a explotación da invención.
As condicións de publicación dos resultados obtidos.

9º) A patente poderá ser abandonada en calquera momento pola Universidade, ofrecendo a titularidade previamente ós inventores. De facerse cargo estes da patente, aplicaranse os apartados 6 e 7.

10º) O presente regulamento é aplicable no caso de patente comunitaria, europea ou estranxeira.

11º) A presente normativa aplicarase a tódolos resultados que poidan ser obxecto de calquera clase de propiedade industrial.

12º) A oficina de I+D levará un rexistro de todas las solicitudes e depósitos de invencións que contemple este regulamento. No caso de ser o Organismo contratante o titular da invención, este enviará unha copia da solicitude e manterá informada á Oficina do estado da tramitación.

Rectoría | University Campus | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | Spain | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibility | Site map | Legal Advise