Normativa para a elección de membros das Xuntas de Centro

Artigo 1. A elección de membros das Xuntas de Centro rexerase polos estatutos e polas normas contidas no presente regulamento.

Artigo 2.

  1. De acordo co disposto no artigo 42.1 dos Estatutos da Universidade de Vigo, a Xunta de Centro é o órgano colexiado de representación e decisión do centro. Está composta polo decano ou director, que a preside, e polo seguinte conxunto de membros:

a) O equipo decanal ou directivo.

b) Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que constituirá o 51% da xunta de centro.

c) Unha representación do persoal docente e investigador non funcionario, que corresponderá ao 9% da xunta de centro. En calquera caso, polo menos o 80% corresponderá ao persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo.

d) Unha representación dos estudantes igual ao 30% da composición total da xunta de centro, dos cales unha sexta parte serán estudantes do terceiro ciclo.

e) Unha representación do persoal de administración e servizos igual ao 10% da composición total da xunta de centro

Artigo 3.

  1. A elección será por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, e non se admitirá a delegación do voto nin o voto por correo.
  2. O número de membros que se deberán elixir nos distintos sectores será feito público pola xunta electoral de cada centro xunto coa publicación do censo definitivo.
  3. Cada elector só poderá dar o seu voto, como máximo, a un número de candidatos equivalente ao 70%, ou enteiro máis próximo, do número dos que deben ser elixidos polo seu sector.
  4. Serán proclamados electos os candidatos que obteñan maior número de votos ata completar os representantes de cada sector. No caso de igualdade será proclamado o candidato de mais antigüidade na Universidade de Vigo computándose, no seu caso, a antigüidade na Universidade de Santiago, anterior á segregación. No caso de igualdade será proclamado o candidato de maior idade.
  5. Os candidatos restantes quedarán como suplentes para cubriren futuras baixas dos candidatos electos.
  6. Os membros electos da xunta de centro serán renovados cada dous anos.

XUNTAS ELECTORAIS

Artigo 4.

1. As xuntas electorais dos centros son órganos competentes para resolveren as cuestións que se deriven das eleccións ás que se refire esta normativa.

2. A sede de cada xunta electoral será a de cadanseu centro.

3. A Xunta Electoral do Centro estará integrada por:

a) O decano ou director do centro, que a preside.

b) O secretario do centro, que será o seu secretario.

c) Un membro do persoal docente e investigador, un membro do persoal de administración e servizos e un estudante, designados por sorteo público, así como os seus suplentes

4. A condición de membro da xunta electoral de centro é compatible coa de candidato.

5. Por razóns de urxencia, o presidente da xunta electoral poderá convocar os seus membros, mesmo por teléfono, con vintecatro horas de antelación, expresando os asuntos ou incidencias que se van tratar.

CONVOCATORIA

Artigo 5.

  1. A convocatoria de eleccións será feita polo decano ou director do centro unha vez aprobado o calendario pola xunta electoral e farase pública no taboleiro electoral do centro.
  2. A convocatoria de eleccións conterá: Data de exposición de censos provisionais.Prazo de reclamación aos censos provisionais.Prazo de presentación de candidaturas.Data de proclamación provisional de candidatos.Prazo de presentación de reclamacións á proclamación provisional de candidatos.Data de proclamación definitiva de candidatos.Período de campaña electoral.Data de sorteo das mesas electoraisData da votación.Lugar onde se efectuará a votación.Horario de votación.Data de proclamación provisional de candidatos electos.Prazo de reclamacións á proclamación provisional de candidatos electos.Data de proclamación definitiva de representantes electos.

ELECTORES E ELIXIBLES

Artigo 6.

1. Son electores os que figuran no censo electoral de cada centro e sector.

2. Para ser incluído como elector no respectivo censo deberase:

a) impartir docencia no centro. Os profesores que impartan docencia en mais dun centro serán electores da xunta do centro no que impartan mais créditos de docencia, tendo que optar por un deles os que teñan a misma carga docente en varios centros.

b) ser persoal investigador adscrito a un departamento con docencia no centro e que desenvolvan maioritariamente a súa labor investigadora no devandito centro.

c) estar matriculado nalgunha titulación do centro como estudante de 1º ou 2º ciclo.

d) estar realizando o proxecto fin de carreira, o que dará lugar á consideración de alumno de 1º ou 2º ciclo,

e) estar matriculado nun programa de doutoramento,

f) estar realizando a tese de licenciatura ou de doutoramento, o que dará lugar a ser considerado como alumno de 3º ciclo. Para estes efectos será necesario acreditar unha dedicación dun mínimo de 15 horas semanais á realización do traballo da tese de doutoramento ou de licenciatura.

g) ser membro do persoal de administración e servizos asignado ao centro. O persoal de administración e servizos que comparta a prestación dos seus servizos en varios centros, será elector no centro no que teña maior dedicación horaria, tendo que optar por un deles nos casos de igual dedicación.

h) ser membro do persoal de administración e servizos adscrito aos departamentos con sede no centro.

Artigo 7. Son elixibles os electores que reúnan os seguintes requisitos:

a) Presentar a súa candidatura, conforme ao disposto nesta normativa.

b) Ser proclamado candidato pola xunta electoral do centro de forma definitiva.

 

CENSOS ELECTORAIS

Artigo 8.

  1. O censo electoral de cada sector estará exposto no taboleiro de anuncios do centro respectivo. O prazo de reclamacións sobre admisións ou exclusións ao censo non será inferior a cinco días naturais a partir da data en que se fai público.
  2. As reclamacións ao censo formularanse perante a xunta electoral do centro respectivo, mediante escrito razoado dirixido ao Sr. Presidente desta.
  3. As resolucións da xunta electoral do centro sobre estas reclamacións serán publicadas no taboleiro electoral.
  4. Unha vez rematado o período de reclamacións a xunta electoral do centro procederá a elevar a definitivo cada censo electoral.
  5. Os censos electorais definitivos faranse públicos cunha antelación mínima de dez días hábiles antes da data das eleccións.

 

CANDIDATURAS

Artigo 9.

1. Poderán presentar a súa candidatura as persoas que teñan a condición de elixibles por figuraren no censo correspondente.

2. A solicitude de proclamación de candidato presentarase no rexistro do centro respectivo mediante escrito dirixido ao Sr. Presidente da xunta electoral do centro, no prazo que se fixe na convocatoria electoral, o cal non poderá ser inferior a cinco días naturais.

3. O escrito deberá ir asinado polo candidato, e conterá :

a) Nome, apelidos e fotocopia do DNI. No caso de que a candidatura sexa presentada por outra persoa esta terá que identificarse e presentar tamén unha fotocopia do seu DNI.

b) Sector electoral polo que se presenta como candidato.

c) Ciclo que corresponda.

4. As candidaturas serán individuais para os efectos de votación e escrutinio.

5. Os candidatos poderanse agrupar co único obxecto de realizar a campaña electoral. Neste caso, achegarase á solicitude de cada un deles a denominación, sigla ou símbolo que identifique o seu agrupamento.

Artigo 10. A xunta electoral do centro no día seguinte de rematar o prazo de presentación de candidaturas, efectuará a proclamación provisoria de candidatos, que se fará pública no taboleiro electoral.

Artigo 11. No prazo de tres días hábiles a partir da proclamación provisoria de candidatos presentaranse, diante da xunta electoral do centro, as reclamacións sobre posibles exclusións de proclamación ou corrección de erros e defectos.

Artigo 12.

  1. Ao día seguinte de rematar o prazo de reclamacións a xunta electoral de centro efectuará a proclamación definitiva de candidatos, que se fará pública no taboleiro electoral.
  2. Se o número de candidatos nalgún sector non supera o número de postos que se deben cubrir, a xunta electoral poderá declarar concluído o proceso electoral nese sector.
  3. No caso de que o número de candidatos de 3º ciclo non permita cubrir a súa porcentaxe, a diferenza acumularase na porcentaxe de 1º e 2º ciclo.

CAMPAÑA ELECTORAL

Artigo 13.

  1. Os candidatos proclamados poderán desenvolver toda clase de actividades de propaganda electoral conducentes á captación de sufraxios. Os decanos e directores darán para iso as facilidades pertinentes sen que supoña suspensión das actividades ordinarias do centro.
  2. A campaña electoral terá unha duración de tres días hábiles e comezará o día seguinte á proclamación definitiva dos candidatos.

 

MESAS ELECTORAIS

Artigo 14.

  1. As mesas electorais estarán compostas por un membro do persoal docente e investigador, un estudante e un membro do persoal de administración e servizos designados por sorteo público realizado pola xunta electoral do centro, entre os que figuran no respectivo censo.
  2. A xunta electoral do centro determinará, se procede, a actuación de máis dunha mesa electoral.
  3. Cada membro da mesa terá o seu suplente, designado do mesmo xeito có titular.
  4. A presidencia da mesa corresponderalle ao representante do sector do persoal docente e investigador.
  5. Quedan excluídos de formar parte da mesa electoral os membros da xunta electoral de centro.
  6. A xunta electoral do centro nomeará os membros das mesas electorais notificándolles individualmente a súa designación. A composición das mesas electorais farase pública en cada centro.
  7. O cargo de membro dunha mesa electoral é obrigatorio para os nomeados. As causas xustificadas que impidan o seu exercicio serán consideradas pola xunta electoral.
  8. A condición de candidato proclamado é incompatible coa de membro da mesa electoral.
  9. No día da votación, as mesas electorais presentaranse ás dez horas todos os seus membros titulares e suplentes, quedando validamente constituída cun membro de cada sector. No caso de que non houbese número suficiente de membros para constituíren unha mesa, tal circunstancia será comunicada á xunta electoral que procederá de inmediato á designación dos membros necesarios polo sistema que considere máis oportuno. Durante a xornada electoral estarán sempre presentes alomenos dous membros da mesa.
  10. Á hora sinalada no artigo anterior os presidentes das mesas electorais estenderán a acta de constitución, asinada por eles mesmos e polos vocais.
  11. Indicarase na acta o nome de todos os membros, facendo constar no que recae a función de secretario

Artigo 15.

  1. As papeletas de votación serán impresas.
  2. Os nomes dos candidatos proclamados figurarán na papeleta por orde alfabética, tras o sorteo por parte da xunta electoral de centro da letra pola que debe comezar a relación.
  3. O nome de cada candidato irá precedido dun recadro onde cada elector sinalará cunha cruz o candidato ou candidatos aos que outorgue o seu voto, co límite que se sinala no artigo 3. A carón do nome do candidato figurará a marca de identificación do agrupamento, de solicitalo así ao formalizar a súa inscrición.

Artigo 16.

  1. O horario de votación será de once a dezanove horas.
  2. O elector identificarase perante a mesa electoral co DNI, pasaporte, carné de conducir ou documento identificativo normalizado da Universidade de Vigo.
  3. A mesa comprobará a súa inclusión no censo electoral e acto seguido admitirá o seu voto na urna.
  4. Os membros da mesa votarán en derradeiro lugar.

 

ESCRUTINIO

Artigo 17.

  1. Rematada a votación, o presidente da mesa declarará iniciado o acto de escrutinio, que será público.
  2. Levantarase a correspondente acta por duplicado detallando os votos válidos, en branco e nulos.
  3. Serán consideradas nulas aquelas papeletas nas que figuren sinalados maior número de candidatos dos que corresponda votar a cada elector conforme ó establecido no artigo 3.
  4. Para cada sector electoral constarán por separado as abstencións e alegacións, no seu caso. De seguido destruiranse as papeletas, agás aquelas sobre as que existirán alegacións, que se unirán á acta.
  5. A acta será asinada polos membros da mesa. Un exemplar será publicado no taboleiro electoral.
  6. Rematado o escrutinio o presidente da mesa entregaralle ao presidente da xunta electoral de centro, antes das 10 horas do día seguinte, a acta do escrutinio.

Artigo 18. A xunta electoral de centro, recibidas as actas de mesa ou mesas electorais, realizará a proclamación provisional de candidatos electos, abríndose un prazo de tres días hábiles para a presentación de reclamacións, que se farán por escrito diante desta.

Artigo 19.

  1. Nun prazo de dous días hábiles a xunta electoral de centro deberá resolver sobre as reclamacións presentadas e proclamará definitivamente os candidatos que resultaron elixidos como membros da xunta de centro.
  2. O secretario do centro será o depositario de toda a documentación relativa a estas eleccións.
  3. A xunta electoral, a través do seu presidente, comunicaralle á Secretaría Xeral da Universidade o resultado definitivo das eleccións.

 

Disposicións Adicionais

Primeira

A presente normativa será tamén de aplicación para as eleccións de representantes nas xuntas de titulación previstas no artigo 44 dos estatutos.
Segunda

Nos centros onde a porcentaxe de persoal docente e investigador funcionario sexa inferior ao 50% do profesorado a tempo completo, e mentres persistan estas condicións, existirá un consello de centro que asumirá as funcións asignadas á xunta de centro, agás as reservadas especificamente a esta últimana lexislación vixente, e que estará composta por:

a) Todo o profesorado a tempo completo.

b) O 20% do profesorado a tempo parcial, que alcanzará como máximo o 10% do total da xunta de titulación.

c) Unha representación do alumnado igual á da xunta de centro.

d) Unha representación do persoal de administración e servizos igual á da xunta de centro.

Disposición Derrogatoria.

Queda derrogada a normativa para a elección de membros de xuntas de centro de data 18 de abril de 2001

Disposición Final.

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno.

Dilixencia para facer constar que a presente normativa para a elección de membros das xuntas de centro foi aprobada polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, na súa sesión de 11 de decembro de 2003

A SECRETARIA XERAL,

Mª Teresa Iglesias Randulfe

Rectoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidad | Mapa web | Aviso Legal