Normativa para a elección de Decanos e Directores de centro

Artigo 1 (modificado polas normas provisionais de adaptación á LOU, aprobados en Consello de Goberno do 23-07-07)

De conformidade co disposto nos artigos 50, 51, 52, 55, 56 e 65 dos Estatutos da Universidade de Vigo, a presente normativa regulará a elección de decanos e directores de facultades e escolas.

Artigo 2

Concluído o mandato electoral dun decano ou director de centro ou producido o seu cesamento a pedimento propio, por perda das condicións necesarias para ser elixido, ou por aprobación dunha moción de censura, abrirase o proceso electoral correspondente para o cal o reitor:

a) Confirmará ao decano ou director do centro, en funcións, ata que se produza o nomeamento do que resulte elixido.

b) Autorizará ao decano ou director en funcións para que convoque eleccións, cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da votación, convocatoria que será publicada nos taboleiros electorais do centro.

Artigo 3 (modificado polas normas provisionais de adaptación á LOU, aprobadas en Consello de Goberno de 23-07-07)

O decano ou director será elixido pola xunta de centro entre os profesores con vinculación permanente á universidade adscritos ao respectivo centro.

Artigo 4

Os elixibles obterán a condición de candidatos mediante a presentación no Rexistro do Centro, da correspondente solicitude onde, ademais dos seus datos persoais, sinalarán as persoas que ocuparán os cargos de vicedecano ou subdirector e de secretario.

Artigo 5 (Modificado na sesión de Consello de Goberno de data 15-04-2011)

O número de membros dos equipos directivos dos centros estableceráse en función do número de estudantes como segue:

de 1 a 200 estudantes 1 vicedecano/a ou subdirector/a

de 201 a 500 estudantes 2 vicedecanos/as ou subdirectores/as (*)

de 501 a 1000 estudantes 3 vicedecanos/as ou subdirectores/as

máis de 1000 estudantes 4 vicedecanos/as ou subdirectores/as

(*) Sempre que no centro se imparta máis dun título de grao ou ben un grao e titulación/s de máster. En caso contrario, haberá 1 vicedecano/a ou subdirector/a.

Artigo 6

En cada Centro haberá unha xunta electoral que fará a proclamación de candidatos e resolverá tódalas cuestións que se deriven do proceso electoral. A sede da xunta electoral será a do centro respectivo.

Artigo 7

A xunta electoral do centro estará integrada por:

a) O decano ou director do centro, que a preside

b) O secretario do centro, que actuará como secretario da mesma.

c) Un membro do PDI, do PAS e un estudante designados por sorteo público así como os seus suplentes.

Artigo 8

No caso de que o decano ou director en funcións sexa candidato, cesará na súa condición de presidente da xunta electoral e será sustituído polo profesor maís antigo segundo prelación de corpos.

Artigo 9

  1. A convocatoria de eleccións á que se refire esta normativa será feita pública, previa autorización, polo decano ou director en funcións.
  2. A convocatoria de eleccións conterá:
    a)
    Constitución da xunta electoral
    b) Exposición de censos provisionais.
    c) Prazo de reclamacións aos censos provisionais.
    d) Exposición de censos definitivos.
    e) Prazo de presentación de candidaturas.
    f) Data de proclamación provisional de candidatos.
    g) Prazo de presentación de reclamacións.
    h) Data de proclamación definitiva de candidatos.
    i) Data de votación.
  3. A convocatoria farase pública no taboleiro electoral do centro.

Artigo 10

  1. As solicitudes, ás que se refire o artigo 4º desta normativa dirixiranse ao presidente da xunta electoral e deberán presentarse no prazo que figure na convocatoria, nunca inferior a tres días hábiles.
  2. No día seguinte á finalización do prazo, ao que se refire o apartado anterior, a xunta electoral publicará a lista provisional de candidatos contra a que se poderán presentar reclamacións no prazo de dous días hábiles, que serán resoltas no día hábil seguinte, coa publicación da relación definitiva de candidatos.

Artigo 11

A xunta de centro reunirase en sesión extraordinaria na data sinalada na convocatoria, sendo presidida polo decano ou director en funcións, quen outorgará un espacio de 15 minutos a cada un dos candidatos para que expoñan o seu programa e de seguido, noutros 15 minutos respondan ás preguntas que se lles formulen. No caso de que o decano ou director sexa candidato, a xunta de centro será presidida polo profesor mais antigo segundo prelación de corpos. Rematadas as intervencións procederase á votación que será nominal e secreta.

Artigo 12 (modificado polas normas provisionais de adaptación á LOU, aprobadas en Consello de Goberno de 23-07-07)

  1. Nas facultades e escolas, rematado o escrutinio, resultará elixido aquel dos candidatos que obteña a maioría absoluta dos votos dos asistentes. No caso de non ser acadada a devandita maioría, celebrarase unha segunda votación na que resultará elixido aquel dos candidatos que obteña maior número de votos. Se hai un único candidato, este ten que acadar maior número de votos a favor que en contra.

Artigo 13

Finalizada a votación, o secretario do centro levantará a corresponde acta, na cal se recollerán todas as incidencias e o resultado do escrutinio; resultado que o presidente da sesión elevará ao reitor para que se dite a resolución de nomeamento correspondente.

Disposición derrogatoria

Queda sin efecto calquera normativa anterior para a elección de decanos e directores de centro .

Disposición final

A presente normativa entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno.

Dilixencia para facer constar que a Normativa para a elección de decanos e directores de Centro, foi aprobada no Consello de Goberno de data 11 de decembro de 2003, e modificada no Consello de Goberno de data 23 de xullo de 2007 e no Consello de Goberno de data 15 de abril de 2011.

A SECRETARIA XERAL

Mª Teresa Iglesias Randulfe

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal