Normativa de bolsas para a formación complementaria

A Universidade de Vigo consciente da importancia que ten a formación do seu estudantado e coa finalidade de completar a súa formación nun entorno real, ten o propósito, a través da Vicerreitoría de Innovación e Calidade, de implantar un programa de bolsas para estudantes que considere as convocatorias con cargo a partidas presupostarias centralizada e descentralizadas de centros e departamentos, como se establecen no orzamento da Universidade.

As bolsas terán unha dedicación adecuada para que non representen un atranco no desenvolvemento docente dos estudiantes nas outras materias, e estarán titorizadas a través do responsable do Centro, Departamento ou das Áreas da Vicerreitoría de Innovación e Calidade que a teña asignada.

Na convocatoria farase especial atención á formación previa do estudante, de tal modo que se entenda que a finalidade das bolsas é que o estudante faga unha aplicación real dos coñecementos que adquiriu e está a adquirir nas aulas.

Os/as bolseiros/as serán asignados a cada Departamento, Centro ou Áreas da Vicerreitoría previamente recoñecidos de acordo coas actividades que teñan que desenvolver e as solicitudes.

Corresponderalle ó/á Director-a/Decano-a a asignación das tarefas dos/as bolseiros/as, de acordo a un programa de formación individualizado do estudante. Deste modo, na convocatoria establecerase a temática de cada unha das bolsas.

A selección dos candidatos que se presenten farase segundo a documentación que presenten, e sempre atendendo a criterios académicos de formación previa e coñecementos. A Comisión de selección, logo da revisión das documentacións dos candidatos, publicará unha lista ordenada deles.

Artigos da Normativa Xeral

  1. Por esta normativa regúlanse as bolsas de formación complementaria para os distintos Departamentos, Centros e Áreas da Vicerreitoría da Universidade de Vigo. Esta normativa, xunto coa convocatoria correspondente, publicarase nos taboleiros de anuncios dos Departamentos, Centros e nos Rexistros da Universidade de Vigo segundo corresponda.
  2. O obxecto das devanditas bolsas é un complemento da formación dos estudantes no ámbito que se establezan na convocatoria, podéndose establecer, segundo as dispoñibilidades dos estudantes e de titorización, quendas de mañá e tarde.
  3. Estas bolsas poderán solicitalas e disfrutalas os estudantes da Universidade de Vigo que estean matriculados na mesma, realizando o Proxecto de Fin de Carreira ou Tese de Licenciatura e que acrediten, mediante estudos regulados, un nivel de coñecementos axeitados á súa finalidade, isto é, que teñan os coñecementos precisos que lles permitan amplia-la súa formación no obxecto desta convocatoria. O non cumprimento da condición de estar matriculado na Universidade de Vigo levará aparellada a perda de todo dereito ou disfrute da bolsa de colaboración, de permanecer en lista de agarda ou a revogación e devolución das cantidades percibidas se xa se tiña concedida a bolsa.
  4. Os/as bolseiros/as estarán baixo a responsabilidade do/a Director-a/Decano-a correspondente, o/a cal poderá delegar nun titor o seu seguimento.
  5. O período de colaboración comenzará o día da toma de posesión ó que quede adscrito o/a bolseiro/a e rematará no período que se estableza na convocatoria. De ser preciso, o período poderá ser modificado atendendo ás distintas necesidades.
  6. O tempo de adicación estará comprendido entre 10 e 20 horas semanais, considerando os períodos lectivos e non lectivos do estudante. O Vicerreitor de Innovación e Calidade poderá considerar con carácter excepcional e xustificado, outra adicación sempre de acordo co artigo 3 do R.D. 1497/81 no que determina que o tempo de adicación non debe exceder do 50% do tempo íntegro que constitúe o curso académico.
  7. O pagamento efectuarase de ser posible dunha soa vez e en calquera caso sempre estará suxeito ós procedementos de control que están establecidos na Universidade de Vigo. O seguimento do cumprimento do punto 3 será realizado por medio da emisión dun informe do/a Director-a/Decano-a ó que fai referencia o punto 4 da presente normativa, no que se fará consta-lo número de horas e tipo de remuneración aplicable. No caso que non se cumpra o punto 3, o pagamento poderá acumularse ata que o bolseiro o cumpra. O responsable do/a bolseiro/a deberá de facerlle chega-la situación.
  8. No caso de que o/a bolseiro/a disfrute doutra bolsa distinta ás de axuda ó estudo, deberá de solicitar ó Vicerreitor de Innovación e Calidade a compatibilidade da mesma, en caso contrario poderá ser causa de anulación da condición de bolseiro/a ó que se refire esta normativa .
  9. Os estudantes que queiran concorrer ás convocatorias presentarán, debidamente cuberto, o modelo oficial de instancia nos Servizos Administrativos que corresponda e que os prodecementos das administracións públicas establecen, acompañada da seguinte documentación:
    1. Currículum Vitae, no que se indicarán cántos coñecementos de formación previa considere de interese para a función a desenvolver, e todos aqueles documentos acreditativos. Deberán resaltarse aquelas actividades relacionadas co obxecto da convocatoria.
    2. Certificación Académica Persoal dos estudos realizados e dos cursos de especialización.
    3. De ser o caso, xustificante de disfrute de bolsas distintas ás de axuda ó estudo.
    4. Os solicitantes que estean realizando Proxecto Fin de Carreira ou Tese de Licenciatura deberan de entregar un informe desa situación do Director correspondente.
    O modelo de instancia poderá recollerse nos Centros da Universidade de Vigo, no Rexistro Xeral e Auxiliares e na páxina web.
  10. O proceso de selección farase atendendo a criterios académicos en función das materias superadas e relevantes ó perfil. Para iso, en cada convocatoria disporase os criterios xerais que a Comisión considere na súa selección.
  11. A Comisión de valoración establecerase en cada convocatoria, así como os criterios xerais de valoración. En calquera caso, a Comisión estará composta por representantes do profesorado, alumnado e de persoal de administración e servizos.
  12. Rematado o proceso de selección por parte da Comisión, faranse públicas nos taboleiros de anuncios do Centro, Departamento ou Servizo que corresponda, as listas provisionais de candidatos/as admitidos/as de acordo coa puntuación obtida, fixándose un prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte á publicación das devanditas listas, para que os/as candidatos/as presenten as alegacións que consideren oportunas ó presidente da Comisión.
  13. Resoltas as alegacións, o Vicerreitor de Innovación e Calidade procederá á publicación definitiva dos/as candidatos/as seleccionados/as, onde se indicará o lugar, data e hora para a escolla e axudicación das bolsas, se é o caso. A escolla e axudicación farase de acordo cos criterios de mellor avaliación do candidato segundo o punto 10. A non presentación, sen xustificación dirixida á Vicerreitoría de Innovación e Calidade, considerarase que o estudante declina dos seus dereitos de escolla. Os/as candidatos/as admitidos/as que non obtivesen bolsa ou non procedesen á escolla da mesma quedarán nunha lista de agarda para suplir posibles incidencias.
  14. Os/as bolseiros/as propostos/as terán un prazo de 5 días hábiles para presentarse ó/á Director-a/Decano-a de Centro, Departamento ou Xefe/a de Servizo correspondente, quen fará chegar á Vicerreitoría de Innovación e Calidade a súa conformidade. Transcorrido este prazo, entenderase que os/as que non se presentan, renuncian ós beneficios da bolsa e o seu posto será ocupado por outro/a solicitante atendendo á lista de espera.
  15. A renuncia voluntaria á bolsa por parte do/a beneficiario/a deberá ser comunicada ó/á Director/a Decano/a que correspondente con 20 días de antelación. Estas incidencias e outras que puidesen repercutir na bolsa, serán debidamente resoltas polo Vicerreitor de Innovación e Calidade.
  16. En ningún caso o feito de obter unha bolsa da presente normativa producirá efectos xurídicolaborais entre o/a bolseiro/a e a Universidade de Vigo.
  17. O tempo máximo para unha bolsa por convocatoria será de 24 meses. En ningun caso un estudante poderá disfrutar dunha bolsa coa mesma “nomenclatura” máis aló de 24 meses consecutivos. Como “ nomenclatura” de bolsa enténdese as bolsas asignadas ao Departamento, Centro ou Área da Vicerreitoria.
  18. O/A Director/a-Decano/a deberá emitir un informe favorable/desfavorable da actividade desenvolvida polo/a bolseiro/a, atendendo á súa actitude e obxectivos cumpridos. Este informe sera engadido ó expediente do/a estudante, e poderá ser tido en conta en futuras convocatorias.
  19. As adxudicacións das bolsas pagadas ou non, total ou parcialmente, poderán ser revogadas no caso de descubrirse que na súa concesión concorren ocultación ou falseamento de datos, ou que existe incompatibilidade con outras axudas outorgadas para a mesma finalidade. As bolsas concedidas poderán ser revogadas se se produce o incumprimento das obrigas contraídas na aceptación da bolsa.
  20. Tódalas dúbidas que poidan xurdir na interpretación destas normas serán resoltas polo Vicerreitor de Innovación e Calidade.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal