Normativa de equivalencia entre programas de doutoramento e títulos propios de posgrao da Universidade de Vigo

(Aprobada en Xunta de Goberno, do 27 de xullo de 2001 e modificada por acordo do Consello de Goberno na súa sesión do 2 de marzo de 2005)

INTRODUCIÓN

A Universidade de Vigo de acordo coa lexislación vixente, dispón nesta normativa establecer equivalencias e vinculacións entre os títulos propios e os programas de doutoramento da Universidade de Vigo.

Título I. EQUIVALENCIAS

Artigo 1

O regulamento dos estudios de terceiro ciclo establece no seu capítulo I os requisitos para elaboración dos programas de doutoramento. Estes requisitos superan amplamente os niveis de esixencia establecidos no Regulamento de Títulos Propios de Posgrao e outros cursos da Universidade de Vigo. Polo tanto, cada departamento, na elaboración da proposta do seu programa de doutoramento, pode acollerse ás seguintes equivalencias:

  1. Equivalencia directa e total co título propio de Máster sempre que no programa de doutoramento proposto as ensinanzas comprendan como mínimo 50 créditos.
    Os alumnos que se matriculen nestes programas de doutoramento, para poder obter o título de Máster deberán cursar alomenos 50 créditos.
  2. Equivalencia a tódolos efectos co título propio de Especialista sempre que o programa de doutoramento proposto comprenda como mínimo 20 créditos lectivos entre teóricos e prácticos. Os alumnos que se matriculen nestes programas de doutoramento, para poder obter o título de Especialista deberán cursar alomenos 20 créditos.

Artigo 2

Os departamentos, na proposta dos programas de doutoramento, solicitarán que coa aprobación do programa, se outorgue a equivalencia ao Título Propio de Posgrao. Esta equivalencia farase efectiva unha vez aprobado o programa pola Comisión de Doutoramento.

Artigo 3

Para estas equivalencias directas deberán coincidir os departamentos responsables, o coordinador/a do programa de doutoramento co directo/a do Título Propio de Posgrao, así como o título do programa de doutoramento co do Título Propio de Posgrao proposto.

Artigo 4

Nos programas de doutoramento equivalentes aos Títulos Propios de Posgrao non poderá haber remuneración económica adicional para o profesorado.

Artigo 5

As taxas de matrícula que terán que abonar os alumnos matriculados nos títulos propios de posgrao por equivalencia serán as de aplicación ao terceiro ciclo.

Artigo 6

Para os efectos académicos e administrativos rexerase polo Regulamento dos estudos de terceiro ciclo. A Comisión de Doutoramento, finalizado o proceso de aprobación dos Programas de Doutoramento do ano correspondente, remitirá ao Vicerreitorado de Titulacións, Posgrao e Formación Permanente (ou no seu caso, a aquel que teña as competencias relativas a títulos propios de posgrao) e á Sección de Títulos e Planos de Estudo do Servizo de Alumnado a relación de programas de doutoramento aprobados aos que se lle concedese a condición de equivalencia directa cun Título Propio de Posgrao (Máster e/ou Especialista) da Universidade de Vigo.

Artigo 7

Para o rexistro e expedición do correspondente título pola Sección de Títulos e Planos de Estudo do Servicio de Alumnado da Universidade de Vigo, rexerase polo contemplado no Regulamento de Títulos Propios de Posgrao e outros cursos.

Unha vez finalizada a impartición de todos os cursos e seminarios do primeiro ano académico do bienio correspondente que configuren o programa de doutoramento ao que se lle outorgase a equivalencia directa cun título propio de posgrao, o Negociado de Terceiro Ciclo remitirá ao coordinador o expediente académico dos alumnos que cursasen o programa. Unha vez recibido o expediente académico dos alumnos, o coordinador/director do título propio de posgrao por equivalencia remitira á sección de Títulos e Planos de Estudo a acta correspondente (segundo anexo), debidamente cumprimentada coa relación de alumnos que teñan dereito ao título propio de posgrao por ter superados os créditos necesarios para a obtención do mesmo. Para a confección da acta só computarán os créditos correspondentes as materias que consten no expediente académico, segundo o indicado nos apartados A, B e D do artigo 3.1 do R.D. 778/1998, de 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos de posgrao e no artigo 7 e artigo 9.1.c. do Regulamento dos Estudos de Terceiro Ciclo da Universidade de Vigo, aprobado polo Claustro na súa sesión de 1 de outubro de 1999.

Dependendo do total de créditos superados polo alumno, dentro dun mesmo bienio só se lle expedirá un único título propio de posgrao (máster ou especialista) equivalente a un mesmo programa de doutoramento.
No caso de que un alumno se matricule no mesmo programa de doutoramento en bienios posteriores e o devandito programa teña aprobado un título propio de posgrao por equivalencia, o coordinador do programa de doutoramento e director do título propio de posgrao por equivalencia, poderá validar os créditos correspondentes ás materias que sexan coincidentes en contidos e fosen superados nun bienio anterior.

Título II. VINCULACIÓN.

Artigo 8

Os departamentos poden vincular os seus programas de doutoramento como parte dunha proposta de Título Propio de Posgrao da Universidade de Vigo, para o que deberán ter en conta amais das normas do Regulamento de Títulos Propios de Posgrao e outros cursos, pautas específicas para a elaboración e presentación da proposta con respecto dos programas de doutoramento.

Artigo 9

Os Títulos Propios de Posgrao (máster ou especialista) serán organizados polos mesmos departamentos responsables do programa de doutoramento.

Artigo 10

En caso de non coincidir a dirección do Título Propio de Posgrao coa do programa de doutoramento ao que se vincula, débese ter a conformidade dos departamentos que organizan o programa de doutoramento.

Artigo 11

O profesorado que imparta a docencia dos cursos ou seminarios que teñan créditos que formen parte do programa de doutoramento e polo tanto estean contabilizados no POD da Universidade de Vigo, non poderá ter remuneración económica adicional.

Artigo 12

Os créditos docentes do Título Propio de Posgrao que non sexan comúns cos do programa de doutoramento vinculado non contan para os efectos de POD e poderán ser impartidos por profesores da Universidade e profesionais externos en función do establecido no Regulamento de Títulos Propios de Posgrao e outros cursos da Universidade de Vigo.

Artigo 13

A programación académica dos Títulos Propios de Posgrao vinculados a un programa de doutoramento terán que especificar os cursos, profesorado e número de créditos comúns.

Artigo 14

Os programas de doutoramento vinculados a Títulos Propios de Posgrao poderán desenvolver o seu calendario propio, sendo de aplicación para eles o calendario do programa de doutoramento no que se refire aos cursos comúns.

Artigo 15

Os programas de doutoramento vinculados a Títulos Propios de Posgrao serán presentados e aprobados segundo o establecido no Regulamento de Títulos Propios de Posgrao e outros cursos da Universidade de Vigo, rexéndose tamén para os efectos económicos polo devandito regulamento.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal