Requisitos formativos complementarios previos a homologación dos títulos estranxeiros

O R.Decreto 285/2004, de 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior, modificado polo R.D. 309/2005, de 18 de marzo, establece no artigo 17 a posibilidade de que a homologación dun título estranxeiro quede condicionada á previa superación polo interesado duns requisitos formativos complementarios cando se detecten carencias na formación estranxeira en relación coa esixida para a obtención do título español co que se pretende homologar.

O mesmo Real Decreto sinala que a concesión ou denegación da homologación do título estranxeiro correspóndelle ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

A orde ECI/1519/2006, de 11 de maio, establece os criterios xerais para a determinación e realización dos requisitos formativos complementarios previos á homologación de títulos estranxeiros de educación superior.

Dita orde dispón que os requisitos formativos complementarios que se esixan para subsanar as carencias formativas apreciadas poderán consistir na superación dunha proba de aptitude, a realización dun período de prácticas, a realización dun proxecto ou traballo ou a asistencia a cursos tutelados. Tamén establece que os comités técnicos designados pola Secretaría General del Consejo de Coordinación Universitaria determinarán en cada informe a forma ou as formas a través das cales poderán realizarse os requisitos formativos complementarios a cuxa superación quede condicionada a homologación do título.

Como desenvolvemento das normativas precitadas, faise necesaria a elaboración dun regulamento no que se estableza o procedemento sobre a realización dos requisitos formativos complementarios previos á homologación de títulos estranxeiros de educación superior.

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Os requisitos formativos complementarios que se esixan para subsanar as carencias formativas apreciadas poderán consistir na superación dunha proba de aptitude, na realización dun período de prácticas, na realización dun proxecto ou traballo ou na asistencia a cursos tutelados.

Será o Ministerio de Educación y Ciencia, ou órgano no que delegue, o que determine a forma ou formas a través das cales poderán realizarse os requisitos formativos complementarios a cuxa superación quede condicionada a homologación do título.

Artigo 2. Os requisitos formativos complementarios deberán superarse no prazo de dous anos, contados dende a notificación da resolución. No caso contrario, a homologación condicionada perderá a súa eficacia, sen prexuízo de que, a partir dese momento, o interesado poida solicitar a validación por estudos parciais.

Artigo.3. Cando a resolución que se dite permita máis dun mecanismo para a superación dos requisitos formativos complementarios, a opción por un deles lle corresponderá ó interesado. Esta opción poderá modificarse libremente, aínda que elo non afectará, en ningún caso, ó prazo máximo de dous anos no que debe producirse a superación dos requisitos formativos complementarios a que se refire o artigo anterior.

Artigo 4. Superados os requisitos complementarios, a Secretaría Xeral expedirá a favor do interesado o correspondente certificado acreditativo.

Será o interesado o que deberá acreditar ante a Subdirección General de Títulos, Convalidaciones y Homologaciones do Ministerio de Educación y Ciencia, mediante dito certificado, a superación dos requisitos formativos complementarios, como requisito previo para a expedición da credencial de homologación.

Artigo 5. As Secretarías dos Centros, e a petición dos solicitantes, expedirán certificacións individuais acreditativas do resultados da avaliación dos requisitos formativos complementarios

Artigo 6. Ó comezo de cada curso académico, farase unha convocatoria de matrícula na que se establecerán as normas xerais para a realización dos requisitos formativos complementarios.

A matrícula dos requisitos complementarios estará sometida ó réxime oficial de prezos públicos establecidos pola Xunta de Galicia.

CAPÍTULO II. NORMAS RELATIVAS Á PROBA DE APTITUDE

Artigo 7. A proba de aptitude consistirá nun exame sobre os coñecementos académicos do solicitante referidos ós contidos formativos comúns respecto dos que se identificaron deficiencias formativas.

Artigo 8. Deberán realizarse ó menos dúas convocatorias anuais das probas, debéndose garantir a publicidade das mesmas, que se anunciarán cunha antelación de, ó menos, 30 días naturais á data da súa realización.

Artigo 9. O contido de dita proba deberá abarcar todas as materias nas que se organicen os contidos formativos comúns que se mencionen na resolución que esixa a proba, de conformidade co plan de estudos conducente á obtención do título español a que se refira a resolución e que estea vixente na Universidade de Vigo.

Artigo 10. Cada Centro deberá publicar, ó principio de cada curso académico, un programa único por cada unha das materias troncais ou contidos formativos comúns susceptibles de integrar o contido das referidas probas.

O programa farase público en cada Centro e estará a disposición de calquera solicitante na Secretaría do mesmo. Terá vixencia mentres non se produzan modificacións substanciais no plan de estudos do título correspondente e, en todo caso, non poderá modificarse durante o curso académico.

Artigo 11. Co fin de avaliar as mencionadas probas e unha vez finalizado o prazo de inscrición para a súa realización, en cada Centro nomearase un Tribunal cualificador que será o encargado de elaborar e corrixir as probas. O tribunal estará constituído por cinco profesores doutores que impartan ensinanzas nas materias incluídas nas probas de aptitude.

A composición dos tribunais farase pública coa debida antelación para o xeral coñecemento dos solicitantes.

Artigo 12. Ó remate de cada convocatoria, os Centros farán pública unha relación nominal coas cualificacións obtidas polos interesados que se expresarán en términos de APTO ou NON APTO. A partir da publicación de dita relación, os solicitantes poderán formular reclamación, segundo o procedemento establecido no regulamento de estudantes para a impugnación de cualificacións.

Artigo 13. De cada proba o Tribunal levantará a acta correspondente na que se indicará o nome dos solicitantes e a cualificación. Cada Centro conservará unha copia das actas correspondentes enviando o orixinal ó Servizo de Alumnado da Universidade.

Artigo 14. A Universidade de Vigo manterá as cualificacións das materias superadas nas probas de aptitude para futuras convocatorias, incluídas as superadas noutros Centros e noutras universidades sempre e cando non houbese transcorrido o prazo máximo de dous anos a que se refire o artigo 3 do presente regulamento.

CAPÍTULO III. NORMAS RELATIVAS Ó PERÍODO DE PRÁCTICAS

Artigo 15. A realización dun período de prácticas ten como obxectivo conseguir que o titulado estranxeiro obteña unha formación integral que harmonice os coñecementos académicos cos aspectos prácticos do entorno profesional relacionado co título español cuxa homologación se solicita.

Artigo 16. O período de prácticas a cuxa superación quede condicionada a homologación do título estranxeiro desenvolverase con arranxo a un programa cuxa modalidade, duración e avaliación determinarase por cada Centro. As condicións de realización de ditas prácticas serán as establecidas por cada Centro para os seus respectivos alumnos. En todo caso, a duración máxima do período de prácticas será de 500 horas.

Artigo 17. Se o período de prácticas non se desenvolve nun Centro propio da universidade, dito centro deberá estar acreditado para a docencia. A tal efecto formalizarase o correspondente convenio entre a Universidade de Vigo e a empresa ou institución de que se trate.

Artigo 18. A asignación previa, o seguimento e a valoración do período de prácticas serán realizados polo órgano que determine o Centro, que nomeará un titor que será un profesor da universidade, que deberá poseer a mesma formación de grado que a do titulado estranxeiro.

Cando o período de prácticas non se desenvolva nun centro propio da universidade, o órgano responsable determinado polo Centro designará, ademais, un titor externo entre o persoal do mesmo, que deberá poseer ó menos a mesma formación de grado que o titulado estranxeiro.

Artigo 19. A realización do período de prácticas non implicará ningunha relación contractual entre a entidade na que se realice e o titulado estranxeiro, nin poderá concertarse durante dito período ningunha relación laboral entre ambos.

Artigo 20. O período de prácticas finalizará cunha memoria ou traballo que deberá realizar o titulado estranxeiro e que valorará o titor coa cualificación de APTO ou NON APTO. Os solicitantes que non estean de acordo coa cualificación obtida poderán formular as reclamacións que estimen oportunas, segundo o procedemento establecido no regulamento de estudantes para a impugnación de cualificacións.

Artigo 21. O titor levantará a acta correspondente na que se indicará o nome dos solicitantes e a cualificación. Cada Centro conservará unha copia das actas correspondentes enviando o orixinal ó Servizo de Alumnado da Universidade.

CAPÍTULO IV. NORMAS RELATIVAS Á REALIZACIÓN DUN PROXECTO OU TRABALLO

Artigo 22. A superación dos requisitos formativos complementarios poderá levarse a cabo mediante a realización dun proxecto ou traballo que integre os contidos formativos comúns do título español respecto dos que se houberan detectado as correspondentes deficiencias. Dito proxecto ou traballo desenvolverase baixo a tutela dun Director que establecerá os obxectivos do mesmo e a liña de traballo. Poderá actuar como tal calquera profesor da Universidade.

Artigo 23. O procedemento a seguir será o establecido para a realización dos proxectos ou traballos de fin de carreira da titulación.

Naqueles centros onde non estea prevista a realización de proxectos ou traballos fin de carreira, correspóndelle a estes establecer o correspondente procedemento.

Artigo 24. O proxecto ou traballo deberá iniciarse e concluírse dentro dun mesmo curso académico. A valoración recibirá a cualificación de APTO ou NON APTO.

Artigo 25. Defendido o proxecto, os centros farán pública a relación nominal coas cualificacións obtidas nos proxectos ou traballos. A partir da publicación de ditas relacións, os solicitantes poderán formular as reclamacións que estimen oportunos, segundo o procedemento establecido para a impugnación das cualificacións.

Artigo 26. De cada lectura levantarase a acta correspondente na que se indicará o nome dos solicitantes e a cualificación. Cada Centro conservará unha copia das actas correspondentes enviando o orixinal ó Servizo de Alumnado da Universidade.

CAPÍTULO V. ASISTENCIA A CURSOS TUTELADOS

Artigo 27. Os Centros poderán organizar cursos tutelados, de carácter individual ou colectivo, que integren os contidos formativos comúns ós que se condicionase a obtención da homologación do título estranxeiro

Artigo 28. O Centro, a través do órgano que determine establecerá a organización docente de cada unha das materias do curso, horarios e temarios correspondentes así como a composición da Comisión que deberá avaliar a memoria realizada polo alumno.

En todo caso, a duración do curso non será superior á dun curso académico.

Artigo 29. O solicitante terá un titor, profesor do centro, nomeado polo órgano responsable determinado polo Centro.

Artigo 30. Ó remate do curso o solicitante deberá realizar unha memoria ou traballo sobre o seu contido. Dita memoria ou traballo, avalada polo titor, será avaliada pola Comisión nomeada a tal efecto.

Artigo 31. Realizada a avaliación da memoria ou traballo o Centro fará pública unha relación nominal coas cualificacións obtidas polos solicitantes na que se especificará, en cada caso, a mención de APTO ou NON APTO. A partir da publicación de dita relación, os solicitantes poderán formular as reclamacións que estimen oportunas, segundo o procedemento establecido no regulamento de estudantes para a impugnación de cualificacións.

Artigo 32. As materias superadas polo titulado estranxeiro noutro curso doutra universidade non poderán formar parte do contido dun curso tutelado na universidade de Vigo.

Artigo 33. De cada memoria ou traballo a Comisión levantará a acta correspondente na que se indicará o nome dos solicitantes e a cualificación. Cada centro conservará unha copia das actas correspondentes enviando o orixinal ó Servizo de Alumnado.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA

Ás probas de conxunto a que se refire o R.D. 86/1987, de 16 de xaneiro, polo que se regulan as condicións de homologación de títulos estranxeiros de educación superior, lles será de aplicación o “Regulamento obre a realización de probas para a homologación de títulos estranxeiros”, aprobado na sesión de Xunta de Goberno do 10.03.1993.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA ÚNICA

Queda derrogado o “Regulamento sobre a realización de probas para a homologación de títulos estranxeiros”, aprobado por Xunta de Goberno do 10.03.1993, sen prexuízo de que siga sendo aplicable ás probas de homologación a que se refire o R.D. 86/1987, de 16 de xaneiro.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor no día seguinte da súa aprobación no Consello de Goberno.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal