REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO CONSELLO SOCIAL DA UNIVERSIDADE DE VIGO

(DOG Nº 122, do 25 de xuño de 2004)

Texto adaptado á Lei 1/2003 de 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

CAPÍTULO I. Natureza e funcións do Consello Social

Art. 1º.- O Consello Social da Universidade de Vigo constitúese de acordo co disposto na Lei orgánica 6/2001 do 21 de decembro de universidades e na Lei 1/2003 do 9 de maio dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, así como o establecido nos Estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Claustro da Universidade de Vigo na sesión do 1 de outubro de 2003.

Art. 2º.- O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade, que impulsa a colaboración entre as mesmas, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e mais á obtención dos recursos precisos para procurar a súa suficiencia económica e financeira. O Consello Social, no exercicio das súas competencias, gozará de plena independencia.

As relacións entre o Consello Social e os demais órganos colexiados ou unipersoais da Universidade rexeranse polos principios de colaboración e lealdade á institución universitaria no exercicio das súas respectivas atribucións. O Consello Social poderá establecer acordos con outros consellos sociais da comunidade galega ou doutras comunidades.

Art. 3º.- COMPETENCIAS DE APROBACIÓN DO CONSELLO SOCIAL

Correspóndelle ao Consello Social:

a). Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que lles remitirá ao Parlamento de Galicia e á consellaría competente en materia universitaria.

b). Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da Universidade, así como realizar o seu seguimento.

c). Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da Universidade.

d). Aprobarante o órgano de fiscalización da comunidade autónoma, con carácter previo ao seu rendemento, as contas anuais da Universidade e das sociedades, fundacións e outras entidades nas que a Universidade teña participación maioritaria no seu capital ou fondo patrimonial equivalente, calquera que sexa a forma xurídica que adopten estas, podendo o Consello Social adoptar motivadamente a realización de auditorías externas. Con esta finalidade, os órganos de goberno da Universidade deberán remitirlle ao Consello Social as contas anuais coa antelación suficiente para poder ser auditadas antes da súa aprobación e rendemento ao órgano de fiscalización.

e). Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.

f). Aprobar, por proposta do Consello de Goberno os regulamentos internos que rexen a xestión contractual e patrimonial da Universidade.

g). Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da Universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto as universidades contarán cun inventario, que deberán remitirlle ao Consello Social segundo o estipulado neste regulamento de réxime interno.

h). Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola Universidade de herdanzas, doazóns ou legados.

i). Aprobar a creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades en que a Universidade teña participación no seu capital ou fondo patrimonial, calquera que sexa a forma xurídica adoptada, así como a súa integración nas devanditas entidades.

j). Aprobar, tras o informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o progreso e permanencia dos estudantes na Universidade.

k). Aprobar e deseñar as liñas xerais do orzamento do propio Consello Social.

Art. 4º.- COMPETENCIAS DE SUPERVISIÓN

Correspóndelle ao Consello Social:

a) Supervisar as actividades de carácter económico da Universidade dispoñendo para tal fin dos servizos correspondentes.

b)Supervisar o rendemento e a calidade dos servizos universitarios, formulándolle, se é o caso, suxestións e propostas ao Consello de Goberno da Universidade, orientadas a promover a excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos.

c) Ter coñecemento e intervir nos plans estratéxicos que poida adoptar a Universidade.

d) Solicitar, se procede, das administracións públicas a realización de informes e inspeccións dos servizos que presta a Universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servizos, oído o Consello de Goberno.

Art. 5º.- COMPETENCIAS DE PROMOCIÓN E IMPULSO DAS ACTIVIDADES UNIVERSITARIAS

Correspóndelle ao Consello Social:

a) Promover o coñecemento mutuo entre a Universidade e a sociedade, favorecendo e organizando actos que difundan nesta última o labor universitario e transmitíndolle á Universidade as aspiracións das forzas sociais de Galicia.

b) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación da Universidade, para contribuír á captación de recursos económicos externos.

c) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento dos estudantes universitarios ás demandas do mercado laboral, e, en especial, a subscrición de convenios entre a Universidade e outras entidades públicas e privadas orientadas a completar a formación dos alumnos/as e titulados/as da Universidade e facilitar o seu acceso ao mundo profesional.

d) Estimular a actividade investigadora da Universidade, especialmente no que respecta á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento compartidos entre a Universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

e) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da Universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.

Art. 6º.- OUTRAS COMPETENCIAS DO CONSELLO SOCIAL

a) Realizar estudos sobre materias da súa competencia, e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudos da Universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados/as universitarios, sobre a investigación desenvolvida na Universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellaría competente en materia universitaria, de acordo coas funcións propias deste órgano. Na realización destes estudos, o Consello Social poderá buscar a colaboración financeira doutras entidades, asinando, para iso, os correspondentes convenios.

b) Outorgar, se é o caso, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas competencias.

c) Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades, así como emitir informe en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación Universitaria. O Consello Social fixará os criterios económicos, contías e bases que sirvan para determinar os prezos das ensinanzas propias, os cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas pola Universidade.

d) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da Universidade, con especificación da totalidade dos seus custos, das súas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado pola Universidade.

e) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da Universidade, e dentro dos límites fixados pola comunidade autónoma, a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da Universidade, logo da valoración daqueles pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación determinado por leis doutras comunidades autónomas, sempre que exista previo convenio ou concerto coa comunidade autónoma galega. O Consello Social poderá solicitar informe dos centros aos que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado polos devanditos acordos, co obxecto de motivar a súa decisión.

f) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos da Universidade, as súas modificacións ou gastos, con especificación da totalidade das súas custas, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal de administración e servizos en réxime laboral da Universidade.

g) Ser informado dos contratos ou convenios en que a Universidade sexa parte e aqueles que se formalicen ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades.

h) Emitir informe sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

i) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. No caso de que a iniciativa partise da comunidade autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

j) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, a creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a iniciativa partise da comunidade autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

k) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á Universidade de centros docentes para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

l) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, a creación ou supresión de institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da comunidade autónoma, deberá contar con acordo do Consello Social.

m) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á Universidade de institucións ou centros de investigación como institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da comunidade autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

n) Propoñer motivadamente, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Galicia, a creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes da Universidade para a impartición de ensinanzas conducentes a obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como a impartición en centros dependentes da Universidade de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.

ñ) Acordar, co reitor/a, nos termos previstos na Lei orgánica de universidades, o nomeamento e o cesamento do/a xerente.

o) Emitir informe sobre os procedementos que estableza a Universidade para a admisión de estudantes.

p) Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudo na Universidade por razóns económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación que, se é o caso, outorgue a Universidade con cargo aos seus orzamentos, así como propoñerlles ás restantes administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas e créditos aos estudantes universitarios.

q) Designar, de entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes do Consello Social nas entidades e institucións que corresponda, e, en particular, os tres representantes do órgano no Consello de Goberno da Universidade.

r) Propoñerlle o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designara, tras a declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

s) Emitir informe á Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros de acordo co disposto no artigo 11.2.f) da Lei 1/2003 de 9 de maio.

t) Acordar a constitución de comisións temporais.

u) Aprobar e modificar o seu regulamento de organización e funcionamento de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 1/2003 de 9 de maio.

Art. 7º.- RELACIÓNS DE COOPERACIÓN

No exercicio das súas funcións, o Consello Social poderá solicitar, a través do seu presidente, a colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes ou non ao ámbito universitario, así como conseguir a información que precise de todos os órganos da Universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación. Así mesmo, poderá, para o correcto exercicio das súas funcións e competencias, a través do seu presidente/a, formalizar acordos e convenios, recadar canta información estime oportuna doutros órganos da Universidade ou de institucións alleas, nomear comisionados e encargar informes.

No ámbito das súas competencias, poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e organismos estatais ou estranxeiros.

CAPÍTULO II. Organización do Consello Social

Art. 8º.- COMPOSICIÓN DO CONSELLO SOCIAL

Unha lei da comunidade autónoma regulará a composición e funcións do Consello Social e a designación dos seus membros de entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social, que non poderán ser membros da propia comunidade universitaria. Serán, non obstante, membros do Consello Social o reitor/a, o secretario/a xeral e o/a xerente, así coma un profesor/a, un estudante e un representante de persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno de entre os seus membros. O presidente do Consello Social será nomeado pola comunidade autónoma.

O Consello Social está integrado por un máximo de vinteoito membros.

Serán membros natos:

a) O reitor/a da Universidade, o secretario/a xeral, o/a xerente. Así mesmo, serán membros do Consello Social un profesor/a, un estudante e un representante do persoal de administración e servizos elixidos polo Consello de Goberno da Universidade de entre os seus membros.

b) En representación dos intereses sociais:

  1. O presidente/a do Consello Social.
  2. Seis membros designados polo Parlamento de Galicia.
  3. Seis membros designados pola Xunta de Galicia.
  4. Dous membros designados polos sindicatos máis representativos no territorio da comunidade autónoma de Galicia.
  5. Catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega, na área de influencia da Universidade.
  6. Un membro designado por cada unha das tres corporacións municipais en que se localizan os campus.

A condición de membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.
Os membros do Consello Social estarán suxeitos ao réxime previsto na vixente lei de incompatibilidades e demais normas reguladoras.

Art. 9º.- EXERCICIO DO CARGO DOS VOGAIS DO CONSELLO SOCIAL

A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados no apartado a) do artigo anterior establecerana os Estatutos da Universidade.

A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados no apartado b) do artigo anterior será de catro anos renovable por unha soa vez.

Art. 10º.- Os vogais do Consello Social cesarán nos seus cargos polos seguintes motivos:

a) Por expiración do período de mandato.

b) Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento.

c) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión do emprego ou cargo público.

d) Por decisión da autoridade, entidade ou institución que o designe.

Art. 11º.- DEREITOS

a) Os membros do Consello Social desempeñarán os seus cargos persoalmente, sen que poidan delegar as súas competencias nin o seu voto en ningún caso, agás o establecido para os vicepresidentes.

b) Presentar suxestións para a súa deliberación e a adopción de acordos ou resolucións polo Pleno, ou para o seu estudo nunha comisión.

c) Recibir, cunha antelación de sete días, a convocatoria, coa orde do día e os documentos que van ser obxecto de exame no Pleno e nas comisións.

d) Asistir con voz ás sesións dos órganos dos que formen parte, exercer o seu dereito de voto e formular votos particulares.

e) Ser informado a través do secretario/a do Consello ou, se é o caso, do presidente, de canto acontece no Consello Social, e recibir canta información, datos ou documentos sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.

f) Percibir as retribucións ou indemnizacións que aprobe a Xunta de Galicia, tras o informe do Consello Social.

Art. 12º.- DEBERES

a) Asistir ás sesións do Pleno e ás das comisións das que formen parte.

b) Cumprir cantos cometidos lle sexan encargados.

c) Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren reservadas.

CAPÍTULO III

Art. 13º.- ÓRGANOS DO CONSELLO SOCIAL

Os órganos do Consello Social son:

A) Unipersoais:

  • O presidente/a.
  • O ou os vicepresidentes/a.
  • O secretario.

B) Colexiados:

  • O Pleno.
  • As comisións.

 

Art. 14º.- O PRESIDENTE

I. O presidente/a do Consello Social será designado polo presidente/a da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta do conselleiro/a competente en materia universitaria, logo de comunicarllo ao reitor/a da Universidade.

II. O presidente/a presidirá o Pleno e as comisións, e poderá delegar, de maneira ocasional ou permanente, a presidencia destas últimas nun vicepresidente/a ou nun membro do Consello Social designado entre os representantes dos intereses sociais. Procederase de igual forma en caso de ausencia, enfermidade ou en calquera outro caso.

III. O presidente/a ostentará a representación do Consello Social.

IV. O presidente/a convocará as sesións e velará polo axeitado funcionamento dos seus órganos e o cumprimento dos seus acordos.

Art. 15º.- FUNCIÓNS DO PRESIDENTE

Correspóndelle ao presidente/a, ademais das funcións xerais que se lle asignan no artigo anterior, o seguinte:

a) Convocar, fixando a orde do día, e presidir as sesións do Pleno do Consello e das comisións.

b) Abrir e levantar as sesións; dirixir os debates, concedendo e denegando o uso da palabra e decidir co seu voto os empates.

c) Convidar ao Pleno, con voz pero sen voto, a todas as persoas que considere oportuno en relacións aos temas que se traten.

d) Facer uso das facultades que se lle recoñecen no artigo 7º do presente regulamento.

e) Coordinar as actividades dos conselleiros/as e dos órganos do Consello.

f) Dirixir o funcionamento dos servizos e persoal do Consello Social e a execución do seu orzamento.

g) Designar e cesar o secretario/a do Consello.

h) Conceder a palabra e retirala, podendo, á vista das peticións de uso da palabra, establecer un tempo máximo para a discusión así como o correspondente a cada intervención.

i) Presidir as votacións, dispor o procedemento das mesmas e proclamar o seu resultado.

j) Estruturar a organización, os servizos e o persoal do Consello Social, coa posibilidade de pedir, se o estima oportuno, asesoramento externo en temas relacionados con eles.

k) Calquera outra que lle atribúan as disposicións reguladoras, os Estatutos da Universidade, o presente regulamento e canto poida resultar útil para o bo funcionamento do Consello Social.

Art. 16º.- O OU OS VICEPRESIDENTES

  1. O presidente do Consello Social, poderá designar dous vicepresidentes/as entre os vogais representantes dos intereses sociais, articulando ao facelo, a orde de prelación entre eles. O vicepresidente/a substituirá o presidente/a no caso de falecemento, vacantes, ausencia ou renuncia.
  2. O ou os vicepresidentes/as asumirán, ademais, as funcións que o presidente delegue neles e, entre outras, se así o dispón, poderán presidir de maneira permanente ou ocasional as sesións das comisións que o Pleno acorde constituír.

Art. 17º.- O SECRETARIO

  1. O secretario/a do Consello Social, será designado e cesado por disposición do seu presidente/a. Se a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.
  2.  En caso de ausencia, imposibilidade, enfermidade etc., poderá desempeñar interinamente o cargo de secretario/a o conselleiro/a máis novo representante dos intereses sociais.
  3. Son funcións do secretario/a:

a) Asistir con voz e sen voto ás sesións do Pleno e das comisións do Consello Social, coa función de levantar acta das mesmas e dos acordos adoptados, ademais de certificar e notificar estes aos organismos e órganos competentes ou interesados en cada caso. As actas serán asinadas polo secretario/a co visto e prace do presidente/a.

 

b) Exercer a xefatura directa e a organización dos servizos administrativos internos do Consello, sen prexuízo da autoridade superior do presidente/a.

c) Levar o rexistro do Consello Social e mais a conservación e garda dos libros de actas.

d) Elaborar o anteproxecto dos orzamentos do Consello.

e) Preparar a memoria das actividades do Consello.

f) Calquera outra función que lle sexa encomendada polo Consello Social ou polo seu presidente/a.

 

Art. 18º.- O PLENO

O Pleno do Consello Social é o seu máximo órgano de goberno e está integrado por todos os seus membros. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias ás que se refire o artigo 3º agás a letra h); así como as sinaladas no artigo 5º e as indicadas no artigo 6º baixo as letras b), c), e), h), i), j), k), l), m), n), ñ), p), q), r), s), t) e u).

Art. 19º.-

  1. O Pleno do Consello Social xuntarase con carácter ordinario, polo menos catro veces ao ano, unha en cada trimestre, e poderá facelo con carácter extraordinario cando así o acorde o presidente/a, o reitor/a da Universidade, ou o soliciten por escrito seis dos seus membros.
  2. No escrito de solicitude farase constar, como mínimo, os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día, debendo o presidente/a neste caso convocar o Pleno no prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.
  3. Con todo, as xuntanzas serán convocadas polo presidente/a mediante notificación escrita dirixida a todos os vogais cunha antelación mínima de sete días naturais á celebración da sesión, con indicación da orde do día e copia da documentación que será examinada no Pleno.
  4. No caso de que se produza unha urxencia ou por un motivo de gravidade, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.

Art. 20º.- AS COMISIÓNS

O Pleno constituirá, polo menos, tres comisións: Comisión Executiva, Comisión Económica, e Comisión de Servizos e Actividades.


Á Comisión Executiva correspóndelle a dirección ordinaria do Consello Social. Formarán parte da devandita comisión, o presidente/a do Consello Social ou o vicepresidente/a, que actuará en todo caso como presidente/a, o reitor/a da Universidade e tres conselleiros/as pertencentes aos tres campus da Universidade, representantes dos intereses sociais. Para os casos de ausencia, enfermidade ou imposibilidade dos anteriores poderanse designar suplentes.


Á Comisión Económica correspóndelle, ademais de todas as tarefas de preparación das propostas relativas á xestión económica da Universidade e ao rendemento dos seus servizos, formular as propostas de autorización de gastos que excedan de seis mil euros.


A Comisión Económica estará constituída por cinco membros; estará presidida polo presidente/a do Consello Social, ou polo vicepresidente/a, e, en todo caso, formará parte integrante desta Comisión o xerente da Universidade e tres conselleiros/os representantes dos intereses sociais. Para os casos de ausencia, enfermidade ou imposibilidade dos anteriores, poderanse designar suplentes.


A devandita comisión tamén poderá ser convocada pola presidencia ou polo xefe do órgano encargado da fiscalización na Universidade de Vigo.


A Comisión de Servizos e Actividades ten por función a formulación das propostas relativas a todas as materias que, non tendo contido económico directo, lles sinale o Pleno.


O Pleno do Consello Social poderá constituír, ademais das comisións anteriores, outras con carácter temporal ou permanente, para o estudo e seguimento eficaz dos asuntos que así o aconsellen.


Nas comisións, ademais dos seus membros, poderán participar e asistir, con voz e sen voto, por invitación do presidente/a, outros cargos ou funcionarios/as da Universidade así como técnicos ou expertos que, sen seren membros do Consello Social, se o estima conveniente a presidencia, por razón da materia obxecto de estudo ou seguimento, de acordo coa orde do día da sesión de que se trate.


A función das comisións consistirá en estudar, deliberar e propoñelle ao Pleno a adopción de decisións sobre materias que lles foran atribuídas por este regulamento ou polo acordo de constitución. Non obstante, gozarán de capacidade decisoria naqueles asuntos da súa competencia, determinados expresamente por este regulamento, o seu acordo de constitución ou ben por delegación do Pleno, en todo caso, en materias susceptibles da mesma.


O Pleno poderá en todo momento reclamar para si o coñecemento de calquera asunto que se estivese examinando nunha comisión.

Art. 21º.-

  1. A orde do día dos plenos ou das comisións, será fixada polo presidente/a ou o vicepresidente/a, e considerarase, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa debida antelación. Incluiranse obrigatoriamente aqueles puntos que fosen presentados por escrito, avalados mediante a sinatura de seis membros no caso do Pleno e de tres para a Comisión Executiva.
  2. O Consello en pleno non poderá tomar acordos, aínda que si deliberar sobre asuntos que non fosen previamente fixados na orde do día. Non obstante ao anterior, o Consello Social quedará validamente constituído sen necesidade de convocatoria previa no caso de estaren presentes todos os seus membros e acordan, por unanimidade, constituírse en sesión, aceptando así mesmo, todos, a orde do día.


Art. 22º.- O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados do Consello Social, Pleno e comisións, así como para a deliberación e adopción de decisións no seu seo, precisará a concorrencia de catro sextas partes dos seus membros en primeira convocatoria. Non obstante ao anterior, en segunda convocatoria, será suficiente coa asistencia da metade máis un dos membros do órgano con dereito a voto. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer polo menos unha hora.

Art. 23º.-

  1. As decisións serán adoptadas por maioría simple de votos, dos conselleiros/as presentes, agás nos supostos en que se esixa unha maioría cualificada.
  2. Esixirase maioría absoluta dos conselleiros/as presentes para adoptar as seguintes decisións:

a) Outorgar premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas competencias

b) Aprobar os orzamentos e a programación plurianual da Universidade.

c) Aprobar a proposta de cesamento dun conselleiro/a por incumprimento dos deberes aos que se refire o artigo 12º do presente regulamento.

d) Aprobar as normas que regulen o proceso e permanencia dos estudantes na Universidade.

e) A reforma do regulamento.

f) Nos demais casos en que o Pleno, por maioría simple dos asistentes, así o decida.

Art. 24º.- Os acordos poderán ser adoptados en votación pública ou secreta. Será secreta cando así o decida o presidente, por iniciativa propia, por razón da materia, e en todo caso, no suposto ao que se refire o artigo 23.c). Tamén será secreta se así o solicitan seis membros do Pleno do Consello.

Os conselleiros/as poderán facer constar na acta o seu voto contrario, ou a súa abstención respecto ao acordo adoptado, que irá acompañado, se así o desexan, dos motivos que o xustifiquen.

Art. 25º.- De cada sesión redactarase unha acta, que conterá, como mínimo, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, número e identificación das persoas asistentes, os puntos principais da deliberación, a forma e resultado da votación e o contido dos acordos.

As actas serán asinadas polo secretario/a co visto e prace do presidente/a, e aprobaranse, se procede, na seguinte sesión ordinaria do Pleno ou das comisións. As actas serán remitidas xunto coa orde do día da sesión en que deban ser aprobadas.

Art. 26º.- As decisións que tome o Pleno do Consello Social en materias da súa competencia, ou as comisións, por delegación do Pleno, adoptarán a forma de acordos, que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da previa interposición dun recurso potestativo de reposición. Non obstante, as tomadas polas comisións no exercicio de competencias propias poderán recorrerse en alzada perante o Pleno do Consello nos termos establecidos pola lexislación básica do procedemento administrativo común.

Nos demais casos, as decisións do Consello adoptarán a forma de recomendacións e non terán carácter vinculante.

Art. 27º.- Os acordos adoptados polo Consello Social teñen executividade inmediata. O seu secretario/a, co visto e prace do presidente/a, remitirá inmediatamente unha certificación dos acordos á Reitoría, así como a cantos órganos, servizos e dependencias da Universidade garden relación competencial cos asuntos aprobados.

Deberánllelo notificar aos interesados segundo a normativa vixente e publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con carácter previo á súa entrada en vigor, cando así o decida o órgano do Consello Social que os aprobara ou o determine o regulamento.

Aqueles acordos do Consello Social que deban ser elevados aos órganos da comunidade autónoma de Galicia serán cursados a través da consellaría competente en materia universitaria.

CAPÍTULO IV

Art. 28º.- DO RÉXIME ECONÓMICO E FINANCEIRO

O Consello Social, dentro da súa independencia, elaborará anualmente o seu orzamento, que será incluído nos orzamentos da Universidade de Vigo.

O Consello Social terá independencia organizativa. Disporá dunha secretaría que dependerá funcionalmente do seu secretario/a. Así mesmo, disporá dun servizo económico, tendo en conta o establecido nos artigos 116, 117.1 e 118.2 dos Estatutos da Universidade de Vigo.

Art. 29º.- Os gastos que puidesen ser ocasionados polo exercicio das súas funcións os membros do Consello Social, así como o seu secretario/a, entendendo por estes dietas e gastos de locomoción, serán satisfeitos con cargo ao orzamento do Consello Social, sempre que estean debidamente autorizados e xustificados.

CAPÍTULO V

Art. 30º.- ENDEREZO

O Consello Social terá a súa sede e situación nos locais da Universidade, Edificio Miralles, onde habitualmente celebrará as súas sesións e realizará as súas actividades, sen prexuízo de que os seus plenos, tendo en conta os tres campus existentes na Universidade de Vigo, se celebren indistintamente en Vigo, Ourense e Pontevedra.

Os plenos que se celebren en Ourense e Pontevedra procurarase que sexan en dependencias da Universidade habilitadas para tal efecto, mediante comunicación ao vicerreitor/a competente en cada un dos campus.

CAPÍTULO VI

Art. 31º.- REFORMA DO REGULAMENTO

  1. A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo presidente/a do Consello ou mediante unha proposta asinada por dez membros do Consello Social.
  2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas.
  3. Para que a reforma sexa adoptada, será necesario que reciba o voto da maioría absoluta do Pleno do Consello.
  4.  En todo caso, a reforma do regulamento seralle comunicada á Consellaría de Educación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

A elaboración do presente regulamento levouse a cabo en cumprimento do establecido no artigo 22.1 e na disposición transitoria segunda da Lei 1/2003 do 9 de maio dos consellos sociais universitarios, elevándoo para a súa publicación ao Diario Oficial de Galicia.

En todo o que non estea especificamente regulado na Lei 1/2003 do 9 de maio, no presente regulamento e nos Estatutos da Universidade de Vigo, será de aplicación a normativa reguladora dos actos e órganos colexiados.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Non obstante ao anterior, transcorridos tres meses desde a elevación do regulamento sen que recaese resolución expresa, entenderase aprobado, debendo proceder o presidente do Consello Social á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal