NORMAS DE ORGANIZACIÓN DOCENTE E DE CONTRATACIÓN DE PROFESORADO

I.- Normas de organización docente

1.- DOCENCIA TEÓRICA

  1. Na organización da docencia teórica das distintas materias ou disciplinas non se permitirán máis de duás (2) horas de clase de teoría por materia e día.
  2. Para a conformación dos grupos de aula ou de teoría teranse en conta o 100% dos/as alumnos/as matriculados por primeira vez máis o 20% dos alumnos de segunda matrícula ou posteriores, aplicado do seguinte xeito:
  3. A) 100 alumnos/as por grupo de aula* para o primeiro ciclo das titulacións de 1º e 2º ciclo e para os dous primeiros cursos (1° e 2°) das titulacións de só primeiro ciclo ou diplomaturas. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos/as arriba indicado (100) se vexa superado en 10 alumnos/as. (Grupos de aula entre 100 - 110 alumnos/as).

    B) 75 alumnos/as por grupo de aula para o 2º ciclo das titulacións de 1º e 2º ciclo e titulacións de só 2º ciclo e para os terceiros cursos (3°) das titulacións de só 1° ciclo. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos/as arriba indicado (75) se vexa superado en 10 alumnos/as. (Grupos de aula entre 75 - 85 alumnos/as).

  4. Ó abeiro do establecido no artigo 34.3 d) do regulamento de profesorado aprobado polo Claustro da Universidade de Vigo (2 e 20 de xuño de 1995), aquelas áreas de coñecemento con docencia en materias / disciplinas cunha porcentaxe de repetidores igual ou superior ó 80% da súa matrícula poderán propoñer á Comisión de Organización Académica e Validacións (COAV), tralo acordo co centro correspondente e para o ano académico que corresponda, medidas excepcionais co fin de tentar corrixir tal situación.

 

a) No primeiro curso das diferentes titulacións o número de alumnos/as matriculados/as por primeira vez será o correspondente ó número límite de prazas aprobado pola Xunta de Goberno. De haber modificacións das previsións feitas no seu día, terase en conta o número de alumnos/as final e levaranse a cabo as modificacións correspondentes. Nos restantres cursos, os/as alumnos//as novos/as calcularanse tendo en conta a media de alumnos nas materias comúns (troncais, obrigatorias de universidade e de orientación), agás o número de alumnos/as correspondente ás materias de matrícula máis alta e máis baixa.

b) Naqueles cursos formados por materias troncais e obrigatorias de universidade tomarase como referencia o promedio dos/as alumnos/as repetidores, excluidas as materias de maior e menor número de repetidores (alumnos/as de segunda ou posterior matrícula).

c) Nas titulacións en proceso de implantación (primeira promoción) a previsión da matrícula farase segundo un rateo dos datos do curso inmediatamente anterior (de 1° para 2°, de 2° para 3°, etc.).

 

2.- DOCENCIA PRÁCTICA

  1. Para a conformación dos grupos prácticos teranse en conta o 100% dos/as alumnos/as matriculados por primeira vez (alumnos/as novos) nas diferentes materias, máis o 20% dos/as alumnos/as de segunda matrícula ou posteriores (alumnos/as repetidores).
  2. Mentres non se finalice o proceso de reforma dos planos de estudio que se establece ó abeiro das directrices xerais comúns e propias da Universidade de Vigo para a estructura e organización académica dos planos de estudio, o recoñecemento de créditos prácticos para o vindeiro curso vai estar sometido ás seguintes especificacións:
  3. A) Planos de estudio sen reformar / adaptar : o número de créditos prácticos -recoñecidos para as materias dos planos de estudios que non están adaptados ou reformados ó abeiro do establecido polas directrices propias da Universidade de Vigo para a estructura e organización académica dos planos de estudios- manterase do mesmo xeito có recoñecido no encargo de docencia correspondente ó ano anterior.

    B) Planos de estudio reformados / adaptados : de cara á organización docente do vindeiro ano académico e ata a próxima programación plurianual, na que se establecerá a porcentaxe de créditos prácticos nos distintos planos de estudio reformados ou adaptados e en proceso de implatación, establécense os seguintes criterios: 

    - Para os cursos que se van implantar no vindeiro ano académico pertencentes ós planos de estudios que na organización docente do curso anterior tivesen recoñecidos créditos prácticos, recoñecese de xeito provisional o mesmo número e o mesmo tipo de créditos prácticos cós recoñecidos ata o de agora. 

    - Para os cursos que se van implantar o vindeiro ano académico pertencentes ós planos de estudio que ata o de agora non tivesen recoñecidos créditos prácticos, de xeito provisional e de cara á organización docente do curso seguinte, recoñécese a implantación, en grupos de 50 alumnos, daquela porcentaxe de créditos prácticos que segundo os criterios da Xunta de Galicia (grao de experimentalidade) se establecen para cada a titulación.

  4. De forma xenérica os grupos de docencia práctica conformaranse segundo o indicado nos puntos 2.1, 2.2, 2.3, e 2.4 da presente normativa.

 

2.1.- GRUPOS DE LABORATORIO (GL):

A) 24 alumnos/as por grupo de laboratorio (GL) para o primeiro ciclo das titulacións de 1º e 2º ciclo e para os dous primeiros cursos (1º e 2º) das titulacións de só primeiro ciclo ou diplomaturas. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos/as arriba indicado (24) se vexa superado en 6 alumnos/as.

B) 20 alumnos/as por grupo de laboratorio (GL) para o segundo ciclo das titulacións de 1º e 2º ciclo, para as titulacións de só 2º ciclo e para o último curso (3º) das titulacións de só primeiro ciclo ou diplomaturas. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos/as arriba indicado (20) se vexa superado en 4 alumnos/as.

2.2.- GRUPOS PRÁCTICOS NON EXPERIMENTAIS (G P):

C) 50 alumnos/as por grupo práctico (GP) para o primeiro ciclo das titulacións de 1º e 2º ciclo e para os dous primeiros cursos (1º e 2º) das titulacións de só primeiro ciclo ou diplomaturas. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos/as arriba indicado (50) se vexa superado en 10 alumnos/as.

D) 36 alumnos/as por grupo práctico (GP) para o segundo ciclo das titulacións de 1º e 2º ciclo, titulacións de só 2º ciclo e para o último curso (3º) das titulacións de só primeiro ciclo ou diplomaturas. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos arriba indicado (36) se vexa superado en 6 alumnos/as.

2.3.- GRUPOS PRÁCTICOS NAS MATERIA ESPECÍFICAS DE LIBRE ELECCIÓN

Naquelas materias específicas de libre elección (xerais e propias de titulación) ás que, - segundo o indicado na Normativa sobre materias de libre elección-, a Xunta de Goberno, de xeito excepcional e por proposta da COAV, determine recoñecerlle docencia práctica, os grupos prácticos correspondentes conformaranse con 50 alumnos/as por grupo práctico. Autorizarase un grupo adicional cando o número de alumnos/as arriba indicado (50) se vexa superado en 5 alumnos/as.

3.- SOLICITUDES DE AMPLIACIÓN DE GRUPOS

  1. As solicitudes de ampliación de grupos prácticos terán que ser tramitadas a través do correspondente centro da universidade, xa que é a el ó que lle corresponde proceder á organización material da docencia e á súa coordinación, supervisión e control de conformidade cos planos de estudio, segundo o indicado na letra d do artigo 31 dos estatutos da Universidade de Vigo.
  2. Coas solicitudes de ampliación de grupos achegarase o horario correspondente.
  3. Co fin de poder seren analizadas pola (COAV), as solicitudes de ampliación de grupos terán que ser recibidas no Vicerrectorado de Organización Académica antes do 15 de novembro para as materias do primeiro cuadrimestre e antes do 15 de xaneiro para as materias do segundo cuadrimestre.
  4. Analizadas pola COAV as solicitudes de ampliación de grupos, serán remitidas, polo Vicerrectorado de Organización Académica, comunicación da súa autorización ou desestimación ós centros e departamentos implicados, co fin de que arbitren as medidas necesarias para o normal desenvolvemento da docencia.

II.- Docencia en terceiro ciclo e traballos docentes dos bolseiros

1.- CÓMPUTO DE DOCENCIA NO 3º CICLO

Por cursos de doutoramento:

1.5 créditos (15 horas) de docencia por cada crédito (10 horas) de doutoramento.

A efectos de persoal consolidable, só contabilizan 5 horas mentres que as 10 horas restantes computaranse a efectos de persoal non consolidable.

Para a elaboración do POD, teranse en conta os créditos dispensados por cada profesor no curso anterior, sempre que a matrícula fose de 3 ou máis alumnos.

Cada profesor poderá computar como máximo 60 horas por este concepto.

Cando un departamento solicite persoal consolidable con cargo parcial ou total á docencia no terceiro ciclo deberá comprometerse a ofertar programas de doutoramento, alomenos, durante os tres vindeiros anos.

 

2.- EXENCIÓN POR TRABALLOS NO 3º CICLO

2.1.- POR TESES DE DOUTORAMENTO PRESENTADAS NA UNIVERSIDADE DE VIGO:

3 créditos (30 horas) de docencia por cada tese en doutoramento dirixida. Contabilízase o promedio das teses lidas nos tres cursos académicos inmediatamente anteriores ó da presentación da solicitude de exención. No caso de que haxa máis dun director de tese dividiríase polo número de codirectores. Esta exención docente computarase a efectos de persoal non consolidable.

Cada profesor poderá como máximo ter unha exención de 60 horas por este apartado.

2.2.- POR TESES DE LICENCIATURA PRESENTADAS NA UNIVERSIDADE DE VIGO:

1 crédito (10 horas) de docencia por cada tese de licenciatura dirixida. Contabilízanse as teses de licenciatura dirixidas no curso anterior. No caso de que haxa varios directores dividirase polo seu número. Esta exención docente computarase a efectos de persoal non consolidable. Desaparece este concepto da producción científica.

Cada profesor poderá ter como máximo unha exención de 30 horas, por este concepto.

No conxunto destes dous apartados segundo o artigo 155.4 dos estatutos a exención máxima será de 60 horas.

O máximo que se pode computar entre a docencia de 3º ciclo e dirección de teses de doutoramento e de licenciatura, será de 90h/curso/profesor.

 

3.- TRABALLOS DOCENTES DOS BOLSEIROS

Co gallo de facer extensiva a participación nos traballos docentes xa recoñecida nas convocatorias de bolsas do ministerio (FPI, FPU, FIS, ...) e da Xunta de Galicia ás bolsas da propia Universidade así como ás doutros organismos oficiais, apróbanse as seguintes dedicacións a docencia:

A) Bolseiros FPI, FPU, FIS, segundo o establecido nas bases da súa convocatoria. Se nalgunha modalidade non figura nada sobre os labores docentes, aplicarase o relativo ós bolseiros con suficiencia investigadora.

B) Bolseiros con suficiencia investigadora: Xunta de Galicia, Universidade de Vigo…

Poderán dispensar 80 horas/ano de docencia, con fins formativos, logo da conformidade do director de investigación do bolseiro e por proposta do Departamento implicado, que o aprobará no seu POD.

En ningún caso se encargarán dunha materia ou disciplina completa.

A) Bolseiros de Posdoutoramento: (Ministerios, Universidade de Vigo): Poderán dispensar 90 horas de docencia por curso académico, logo da conformidade do director de investigación do bolseiro e por proposta do Departamento implicado, que o aprobará no seu POD.

B) Contratados de reincorporación: Poderán dispensar ata 120 horas de docencia por curso académico, trala conformidade do director de investigación e por proposta do departamento implicado, que o aprobará no seu POD.

Os bolseiros doutros organismos oficiais faranse equivalentes a cada unha das categorías antes subliñadas segundo se atope facendo os cursos de doutoramento, se ten suficiencia investigadora ou se é doutor.

Os bolseiros de proxectos e contratos de investigación sempre que a duración da súa bolsa sexa de máis de 9 meses tamén, terán dereito a dispensar docencia, facéndose as equivalencias correspondentes ás categorías antes establecidas.

III.- Recoñecemento da dirección de proxectos de fin de carreira como actividade docente e a súa consideración a efectos de POD

A confección, defensa e superación do Proxecto de Fin de Carreira (en adiante PFC) é un requisito académico que teñen que cumprir para a obtención do titulo correspondente os/as alumnos/as das carreiras técnicas, os de Traducción e Interpretación e os de Publicidade e Relacións Públicas. Tal traballo académico ten que ser dirixido por un profesor/a da Universidade de Vigo orientando, resolvendo dúbidas e prestando apoio ó alumno, dándose a circunstancia de que o que é unha actividade que realiza máis alá da súa dedicación docente cun esforzo que non é recoñecido nin valorado.

Co obxecto de remediar na medida do posible esta situación, así como para promover a participación do profesorado na dirección de PFCs, a Xunta de Goberno acorda,

  1. Recoñecer a consideración de labor docente a dirección de PFCs presentados na Universidade de Vigo.
  2. A dirección de PFCs producirá os seguintes efectos na elaboración dos POD por parte dos departamentos:
  3. A) A exención de 1 crédito (10 h) de docencia presencial por PFC cando haxa un único director/a. 

    B) A exención máxima de docencia presencial por este concepto por profesor/a non será superior a tres créditos (30 h) por curso académico.

  4. Os PFCs que permitirán ós seus directores obter exención de docencia presencial, será o promedio dos defendidos e aprobados nos dous cursos académicos inmediatamente anteriores ó da presentación da solicitude de exención.
  5. Os PFCs presentados conxuntamente por máis de un alumno terán a consideración de un único PFC a efectos de exención.
  6. Se como consecuencia das exencións practicadas resulta un déficit de capacidade docente fronte á encargada, a diferencia será cuberta preferentemente por profesorado existente na mesma área de coñecemento e campus e, de non ser posible, pola contratación de figuras de profesorado non consolidable. En ningún caso a exención de docencia por dirección de PFCs poderá dar lugar á contratación de profesorado consolidable.
  7. A solicitude de exención será presentada polo interesado/a diante do departamento á hora de confección-lo POD, achegando a ese efecto copia da(s) acta(s) de cualificación e certificado do secretario do centro no que conste o(s) título(s) do(s) PFC(s), nome(s) do(s) alumno(s) e se o profesor/a solicitante actuou como director único ou como codirector.

O departamento enviará esta xunto coa restante documentación requirida no POD para a súa comprobación por parte da comisión docente e a súa consideración á hora de conceder prazas de profesorado consonte ó indicado no punto 6º.

IV.- Normas para o concurso de profesorado

1. PERSOAL ACADÉMICO

Enténdese por profesorado:

A) Consolidado: os funcionarios docentes dos corpos estatais de catedráticos e profesores titulares de universidade e de escola universitaria.

B) Consolidable: a interinidade das prazas mencionadas no apartado anterior, os axudantes, o profesorado propio da Universidade de Vigo e os profesores asociados a tempo completo anteriores ó R.D. 70/2000, do 21 de xaneiro.

C) Non consolidable: os profesores asociados e visitantes.

2. CARGA DOCENTE, CAPACIDADE DOCENTE E SITUACIÓN ECONÓMICA DA ÁREA.

2.1. CARGA DOCENTE:

A) Carga docente total: a carga docente total da área será a docencia de 1º e 2º ciclo, as horas recoñecidas por cargo académico, 1,5 créditos por cada crédito de terceiro ciclo dispensado no curso anterior con máis de tres alumnos e a equivalencia en créditos por dirección de teses de doutoramento, de licenciatura e proxectos fin de carreira.

B) Carga docente consolidada: da carga docente total compútase, para os efectos de prazas de profesores consolidados ou consolidables, a correspondente ás materias troncais, obrigatorias e optativas de orientación, de 1º e 2º ciclo. Compútase tamén para os mesmos efectos 0.5 créditos de docencia por cada crédito de terceiro ciclo dispensado no curso anterior con máis de tres alumnos.

2.2. CAPACIDADE DOCENTE:

A capacidade docente consolidable da área será de 24 créditos por cada profesor consolidado e consolidable. O resto da capacidade docente é non consolidable.

2.3. SITUACIÓN ECONÓMICA:

A situación económica da área é a diferencia entre os ingresos derivados da aplicación do programa de financiamento ás materias encargadas á área e o custo real do cadro de persoal da área.

3. REQUISITOS PARA A SOLICITUDE DE PRAZAS CONSOLIDABLES

Cada praza de profesorado consolidable que se solicite require que exista na área un déficit entre a capacidade docente consolidable e a carga docente consolidable igual ou superior a 24 créditos e haxa superávit na situación económica da área en relación coa praza solicitada, incluíndo a sua posible consolidación.

En todo caso tenderase a que todas as áreas teñan, alomenos, un profesor consolidable.

Ás áreas con docencia exclusiva en diplomaturas ou enxeñerías técnicas que non teñen continuidade natural en segundos ciclos da Universidade de Vigo, multiplicaranse os ingresos derivados do programa de financiamento por un factor de 1,25.

4. REQUISITOS PARA A SOLICITUDE DE PRAZAS NON CONSOLIDABLES

  1. Poderán solicitarse prazas non consolidables cando a situación da área teña globalmente ou por campus un déficit de capacidade docente igual ou superior á da praza solicitada. No caso de solicitude de profesores asociados e cando así se requira para cubrir a docencia por campus, dito déficit poderá ser inferior á capacidade docente da categoría da praza solicitada, debéndose acudir neste caso á figura máis próxima a aquel.
  2. Por pedimento dos departamentos poderá solicitarse, excepcionalmente (tendo en conta as dificultades de determinadas áreas para a provisión de prazas de profesor asociado debido ó requisito de tres anos de experiencia profesional) a saída a concurso de profesores asociados sen o requisito temporal do exercicio normal da súa actividade profesional fora da Universidade de Vigo.

5. PROCEDEMENTO

  1. Comunicado ós departamentos os criterios anteriores, aprobados pola Xunta de Goberno, aquélos remitirán ó Vicerrectorado de Profesorado, no prazo que se sinale, as solicitudes correspondentes de novas prazas sobre a base de ditos criterios, para a convocatoria do correspondente concurso de profesorado. Por outra parte, os departamentos poderán presentar as solicitudes de transformación que impliquen un cambio de capacidade docente, unicamente no momento de elaboración dos PODs. Os pedimentos de transformación de PP1 e axudantes de 1ª etapa que supoñan un aumento da súa capacidade docente, unicamente serán tramitadas no caso de que no POD figure coa capacidade docente da praza á que se solicita a transformación ou se producira o incremento correspondente da carga docente.
  2. Os concursos das prazas de profesorado interino e contratado rexeranse polo disposto nos estatutos, no regulamento de profesorado e pola normativa que determina as bases xerais das convocatorias de concurso para a selección de persoal docente interino e contratado da Universidade de Vigo, vixente no momento da convocatoria. Así mesmo a proposta, de ser o caso, de profesores visitantes. Dilixencia para facer constar que as "Normas de Organización Docente e de Contratación de Profesorado" foron aprobadas pola Xunta de Goberno da Universidade de Vigo, na súa sesión do día 3 de marzo de 2000, e modificada na Xunta de Goberno do 8 de marzo de 2001.

A SECRETARIA XERAL,

Margarita Estévez Toranzo

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal